05:30 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-04-2010

A tradución da toponimia como instrumento da colonización lingüística

Do "Niño de la Guía" ao "Desván de los Monjes"

Valorar (22)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART


Traducción de internet a gaélico irlandés do Terra e Tempo dixital


A toponimia conforma unha parte importante da lingua e da identidade dun pobo. O seu esquecemento ou a súa substitución representa un perda cultural irreparábel, e vai asociada a procesos máis xerais de substitución lingüística. No mundo da ficción, a substitución da toponimia gaélica de Irlanda pola súa versión inglesa, foi obxecto dunha magnífica obra de teatro de Brian Friel, titulada Translations. Nesta obra, un destacamento dos Royal Engineers do exército británico chega ao condado irlandés de Donegal co propósito de facer a súa cartografía. Así, os oficiais van anglificando todos os topónimos e microtopónimos do lugar, adaptando a súa fonética ao inglés ou traducíndoos directamente, facendo deste xeito que o gaélico Cnoc Ban se converta en Knockban ou en Fair Hill.

No noso país, infelizmente, a realidade supera a ficción de Brian Friel. As traducións españolas da toponimia galega son usadas habitualmente no só por parte dos falantes de español de fóra de Galiza (véxase a este respecto a política da Wikipedia española), senón tamén dentro das nosas fronteiras, no noso ámbito lingüístico. Versións españolas de topónimos galegos como "Puebla del Caramiñal" (A Pobra do Caramiñal), "Puente Nuevo" (A Pontenova), "Morgadanes" (Morgadáns), "Puenteceso" (Ponteceso), "Jove" (Xove), "Carballino" (O Carballiño), "Ginzo de Limia" (Xinzo de Limia), "Creciente" (Crecente), "Mujía" (Muxía), "Piedrafita del Cebrero" (Pedrafita do Cebreiro), "Santa Tecla" (Santa Tegra), "Sangenjo" (Sanxenxo), "Rianjo" (Rianxo), "La Guardia" (A Guarda), "Tuy" (Tui) e outras moitas son xa frecuentes dentro e fóra da nosa comunidade. Unha política lingüística galega responsábel e respectuosa co idioma de noso debería contribuír á conservación e difusión dentro e fóra do país da nosa toponimia oficial, cunha actuación firme e constante que impedise desvaríos contrarios á normalización da lingua propia. Porén, os actos dos políticos a cargo da política lingüística do noso idioma parecen apuntar na dirección contraria.

A historia xa é ben coñecida. O 20 de xaneiro ás 6 da tarde, na sala de actos do stand de Galicia en FITUR, o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia presentaba ante a súa audiencia os paquetes turísticos das terras do Ulla e Tambre. Durante a lectura do seu relatorio, o Conselleiro fixo saber á súa audiencia, e cito literalmente, que "las tierras de Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Melide, O Pino, Santiso, Desván de los Monjes, Toques, Toro, Vedra y Vilasantar conforman la mancomunidad de las tierras de Ulla y Tambre", españolizando como "Toro" o topónimo galego Touro e, dun modo moito máis orixinal, convertendo a localidade de Sobrado dos Monxes nun desconcertante "Desván de los Monjes". A innovación idiomática, nun primeiro momento, pasou desapercibida e o vídeo da presentación entrou a formar parte da colección de vídeos promocionais distribuídos pola Xunta a través da súa web monográfica para FITUR. O asunto foi que entre o público do acto se achaba o alcalde socialista de Fene, Iván Puentes, quen pouco máis dunha semana máis tarde daba conta do particular atentado lingüístico do Conselleiro na edición dixital d'A Nosa Terra.

Desde ese momento, o ruxerruxe na rede foi crecendo, motivando que a parlamentaria nacionalista Carme Adán, o 24 de febreiro, interpelase ao Conselleiro no Parlamento para que este aclarase o sucedido. A resposta taxativa que o Conselleiro lle deu a Carme Adán desde a tribuna foi aclamada con aplausos pola bancada conservadora: "Eu lle recomendo que se dedique máis tempo a traballar por este país e menos tempo a investigar nos portais de Internet onde non din máis que mentiras e máis que estupideces, porque hai que ser estúpido para crer que eu vou dicir Desván de los Monjes, francamente".

Ben di o dito que máis vale calar que mal falar, pois dúas semanas despois, o 7 de marzo, Martin Pawley colgou no seu blog Días estranhos o vídeo titulado Magia y ocio en el Camino: Paquetes turísticos de Terras de Ulla y Tambre que descubriu na devandita web da Xunta, onde se escoitaba con claridade o que o Conselleiro no Parlamento negou ter dito. O vídeo pasou a Youtube onde xa totaliza uns 30.000 visionados. Como colofón, o vídeo promocional foi suprimido do catálogo dispoñíbel na web da Xunta e o Gabinete do Conselleiro emitía a seguinte nota de axencia: "na lectura dos topónimos das localidades coruñesas de Sobrado dos Monxes e Touro na feira de turismo de Madrid Fitur 2010 (...) as súas intervencións dese día estaban escritas orixinalmente en galego, e foi ao traducilas esa mesma tarde empregando un tradutor informático cando se produce o erro".

En primeiro lugar, o de botarlle as culpas á tecnoloxía ("o erro foi da tradución automática") ten reminiscencias do célebre "Vuelva usted mañana" de Larra adaptado á modernidade cibernética: "Vai ter que volver mañá. É que este computador ten vida propia. Hoxe decidiu non funcionar. Vaille ser un virus. Hoxe non vai a rede e non lle podo facer ningunha xestión", e variantes. Calquera persoa cun mínimo grao de alfabetización tecnolóxica sabe que os resultados da tradución automática deben de revisarse antes de ser publicados, moito máis aínda se se trata dun texto coidado e formal como debería ser en calquera comparecencia pública dun Conselleiro do goberno galego. A tecnoloxía como escusa é unha declaración de ignorancia. Mais, se cadra, foron os seus asesores os que lle pasaron ao Conselleiro o discurso traducido ao español de modo automático e sen revisar. De ser así, os asesores cometeron un grave erro, o que non exime ao Conselleiro da súa responsabilidade. Por outra banda, que político se atrevería a ler un discurso en público sen ler antes en privado o que está escrito no papel?

Cómpre lembrar tamén que o presidente actual da Xunta expresou en outubro a súa  disposición favorábel a modificar a Lei de Normalización Lingüística para cambiar o seu artigo 10, onde se estabelece que "os topónimos terán como única forma oficial a galega". Estas declaracións fíxoas pouco antes de que no Concello da Coruña se debatese e desbotase a proposición do PP de reclamar perante a Xunta de Galiza a oficialidade do topónimo "La Coruña". Levando toda esta historia ao terreo do absurdo, a invención do Conselleiro de Cultura e Turismo podería servir para facilitar o camiño do bilingüismo toponímico soñado polo PP. A receita consistiría en aplicar unha tradución a machete dos topónimos galegos máis resistentes ás adaptacións españolas, como seica xa se fixo no pasado para o mítico lugar do "Niño de la Guía" (en galego, Niñodaguia, no concello ourensán de Baltar). Porén, a tradución sería levada a cabo por unha máquina dotada de tradución automática que eximiría de pecado aos seus operarios. Así, a extravagancia do "Desván de los Monjes" deixaría de ser rechamante ao carón doutros topónimos de fonda raíz española como "Los Peralitos" (As Pereiriñas), "La Calle" (A Rúa), "El Robledal" (O Carballal), "El Mojón de Abajo" (O Marco de Abaixo) ou "El Charco" (A Poza). Esta na nosa man que todo quede nun mal soño.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña