09:46 Domingo, 22 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-07-2012

Quen sería ese Home que provocou tais topónimos?

Cabo Home, Portela de Homem e aínda o apelido “Mexuto”

Valorar (22)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Cabo Home


Noutro traballo comentamos como algúns topónimos da nosa Terra teñen o seu nascimento nos asentamentos, neses lugares, de sectores marxinais da sociedade como, os lacerados ou gafos e tamén os proscritos da sociedade ou amorados.      

Pensamos que a esta orixe se debe o nome de ÉZARO, esa queda en abanqueiro das augas do Xallas, que o P. Sarmento escribía como LÉZARO, e que nós relacionamos con un LÁZARO e demais lazaretos, como o soado da illa de San Simón no mar de Vigo.    

Os paraxes chamados de MISERELA, tanto o da Barbanza  como o de Armamar, no “Douro vinhateiro”, son hoxe impresionantes lugares onde caen os ríos en vistosas freixas para os nosos ollos, pero que naqueles tempos debían ser considerados como lugares apartados e salvaxes só aptos para alí recluíren aos exclusos da sociedade.      

Usando a mesma metodoloxía, o seu nome retrotráenos a unha antiga HOMICIDERELA> O-MIÇIERELA>MIÇERELA>MISSERELA, ou lugar de concentración de “convictos”.      

Aínda a chamada insua dos AMORES, no río Miño, entre Goián e Vilanova de Cerveira; il non deberá o seu “romántico” nome, mais ben, ao infausto destino dos AMORADOS ou fuxidos ?      

Había na Idade Media unha práctica piadosa levada a cabo sobre as mulleres, que era a das EMPAREDADAS, Transcribimos ao pé da letra a definición que delas fai o Viterbo: “As emparedadas eram mulheres varonis que desenganadas inteiramente do mundo, se sepultavam em vida numa estreita cela, cuja porta, no mesmo ponto da sua entrada, se fechava com pedra e cal e só,por morte da “inclusa”, se abria para ser levada finalmente á sepultura.. No lugar da porta e ao tempo de a tapar, ficava só uma pequenina fresta por onde se lhes ministrava o indispensávelmente necessário para a vida, que poucas vezes pasava de pao e água, recebíam o corpo de Cristo e falabam ao seu confesor unicamnete no que repeitava á sua consciencia.”      

O feito de seren sempre mulleres as emparedadas e nunca homes, da para matinar en canta represión sobre a condición feminina debía haber detrás desta brutal práctica relixiosa.    

O nome do lugar da EMPEDRADA en Lalín; seica non estará ocultando a antiga existencia da casa dunha “emparedada” neste sitio ?      

Mas, voltemos aos nomes que encabezan o título do traballo para explicar os nomes de lugares tan extremosos do País como son PORTELA DE HOME nas montesías serras galego-portuguesas e a avanzada ponta do Morrazo, chamada de CABO HOME.      

Quen sería ese Home que provocou tais topónimos?      

A rúa do HOME SANTO en Compostela danos para sospeitar que eran estes lugares apartados os que escollían o Homes Santos ou ermitán para levar a súa vida de rezos e contemplacións.    

Ao mesmo tempo que se adicaban á devoción aínda debían ter vagar para realizar funcións sociais como a de fareiros ou vixías sobre dos perigos do mar, no caso de Cabo Home, ou exercían como pegureiros das greas de gando comunal que pacían polas alturas da Portela de Home.      

Traballos sociais estes, que serían premiados pola comunidade rural coa doazón do pan e o caldo para a mantenza do Home Santo.      

Todo o dito até aquí vainos servir para dar unha bizarra interpretación do apelido galego MEXUTO.      

Ao colocar este nome no buscador de apelidos da rede, aparece MEJUTO, como tipicamente galego e mais concretamente de orixe coruñés.      

Velaí a conxectura que presentamos á consideración dos lectores: Pensamos que MEXUTO é o equivalente do nome castelán de GUZMAN (Gut Man) ou, Home Bon.      
No noso caso sería unha evolución dun nome medio latino e medio gótico:       HOME GUTTO > HOMEGUTO >HOMEGHUTO (con gheada)>OMEGHUTO> MEGHUTO >MEJUTO (españolizado) > MEXUTO ( por un hiperenxebrismo).      

Este apelido como, Guzmán ou Bonhome están facendo relación a antigos ermitáns que por estas terras foron!    

Valerá?


[21-08-2012 21:11] AntonioGil comentou:

Preciso a minha opinião: topónimos célticos acham-se no norte e no sul; contudo, entendo que os latinos podem ser, pelo motivo dado, mais numerosos no sul, não exclusivos. É questão de proporcionalidade... Acho. Mas corresponderia, primeiro, esclarecer a etimologia dos topónimos para, a seguir, quantificá-los pela origem.

[17-08-2012 19:37] AntonioGil comentou:

Interessante, mas... Segundo Higino Martins o Omem, do Portela, deve ser escrito sem H-, porque derivaria do lat. omen, óminis, "preságio verdadeiro". A explicação pode ler-se no seu (do Higino Martins esteves) 'As tribos Calaicas. Proto-história da Galiza à luz dos dados linguísticos', Sant Cugat del Vallès, Edições da Galiza, 2008. *** Não seria nada estranha essa etimologia, que, a meu ver, nada tem a ver com o Homem da Rua do Homem Santo. Não seria estranha, dada a temperã romanização do sul da Gallaecia, face a serôdia romanização da Gallaecia nortenha... na realidade já cristianização. Daí que seja razoável achar étimos célticos no norte (Ézaro) e latinos no sul (Portela do Omem). Enfim, discutam os que sabem...

[30-07-2012 18:10] Mario Solinho comentou:

Xa noutra ocasión os falou o amigo Varela dos nomes d`Oío, de Donón; logo de facelo sobre cabo Home, a ver se cando poida nos achega algo da outra ponta da parroquia, a punta Couso...

Un saudo e moito obrigado.

[29-07-2012 11:06] SALGADO comentou:

Como sempre son deliciosas e sabidas as interpretacions do camarada Cesar, non estaria mal que a figura das emparedadas se trasladase a orbita politica e que o pobo "emparedase" tamen a certos politic@s, que campan en demasia pola nosa Patria e como medida sanitaria non os deixaramos nin moverse nin erguer cabeza, (politicamente se entende) non estaria bon?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña