15:35 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-07-2012

As alteracións lingüísticas poden ter a súa orixe no propio sistema ou seren a consecuencia do influxo de linguas próximas

As mudanzas sociais e as lingüísticas

Valorar (19)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Willam Labov


Unha notábel parte dos estudos realizados sobre os mecanismos de variación ou modificación das linguas tivo como albo a dialectoloxía de carácter máis ou menos tradicional, a secundarizar ou até deixando de lado outras variábeis como perspectivas de análise, cal a idade, o sexo, a extracción social ou o hábitat. Lembremos que co revelador título Principios da mudanza linguística. Factores internos e factores sociais, Labov incidía na importancia que teñen esas compoñentes sociolóxicas nos procesos de modificación dos idiomas. Con efecto, as alteracións lingüísticas poden ter a súa orixe no propio sistema ou seren a consecuencia do influxo de linguas próximas, da transformación nos hábitos de vida, da influencia de sociedades diferentes ou mesmo de certos acontecementos político-sociais: procesos migratorios, conflitos bélicos, mudanzas nas relacións afectivo-familiares e sociais, prácticas relixiosas, desportos etc.    

Imos comentar aquí algunhas delas e para iso comezaremos polas migracións. Á marxe de todo o manancial bibliográfico que puideren inspirar en millenta ámbitos (isto é, no económico, no cultural, no social etc.), implican, primeiramente, que en ocasións as persoas deslocadas teñen de aprender a lingua do territorio a que se dirixen, tal e como aconteceu cos millares de centos de compatriotas que se viron en tales circunstancias ao longo dos séculos XIX e XX (e agora tamén no presente, produto do grave vendaval socioeconómico que azota o país). Poden ter igualmente como consecuencia, en segundo lugar, que, caso eses homes e mulleres tornasen á súa nación após un período longo de tempo, cedan a entrada no seu idioma orixinario a empréstimos da lingua que tiveron de aprender, segundo se verifica coa coñecida sobremesa de Ordes e comarca, queique, proveniente do inglés cake (‘pastel’). E, en terceiro lugar, se o continxente migratorio humano fose notábel, até chega a influír nos hábitos lingüísticos do país de recepción; nestes medios, Xosé Neira Vilas, no seu traballo Presenza galega en Cuba, sinala que léxico de orixe galega é normalmente empregado no español da illa, como é o caso das voces achantarse, andazo, arrente, arrimado, beliscar, botafumeiro, chanteiro, embicar, escarranchar, furnia, lacón, magoar(se), monifate, morriña, porriño, pucha, sabichosa/o etc., aínda que ás veces esas palabras son utilizadas con acepcións non completamente coincidentes coas documentadas na Galiza actual, como é o caso de botafumeiro, que se emprega con singulares significados: “denomínase así o adulador [...], sobre todo dos seus xefes, e ao traseiro ou fondillo prominente dunha muller”. Unha parte dese léxico do español caribeño tamén se acha nas Illas Canarias, en que posibelmente o contacto con mariñeiros galegos e navegantes portugueses se erixa como a explicación para a súa orixe; estamos a nos referir a voces como abanar (‘dicir adeus coa man’), cambada/o (‘torta/o’), coruja (‘moucho’), enchumbada/o (‘empapada/o de auga’), escarrancharse (‘abrirse de pernas’), escachar (‘esmagar’, ‘aniquilar’), fechillo (‘fecho’), gaga/o (‘tatexa/o’), jeito (‘xeito’, ‘movemento que provoca a dor’), liña (‘aramio para tender a roupa’), magua (‘desconsolo’), millo, mojo (‘tipo de prebe’), petuda/o (‘persoa con deformación nas costas’) etc., nas cales, conforme acontecía en Cuba, se pode detectar ás veces un uso non coincidente co da Galiza.        

Falándomos de deslocacións populacionais de certa importancia, vale a pena seren considerados os procesos migratorios do mundo antigo e medieval e as súas repercusións na onomástica, nomeadamente na toponimia, en que se constatan na actualidade nomes de lugar que que fan referencia a grupos étnico-culturais diferenciados. Pénsese, sobre este particular, en toponimias galego-portuguesas como Abregaos, Astureses, Bascós e Bascois, Bergantiños, Brantuas, Braganção, Cambeses, Casteláns (ou nas variantes locais da Galiza continental Castelaus e Castelaos), Céltegos e Céltigos, Cumbráns e Coimbrões (ou tamén na outra forma galega Cumbraos), Faramontaos, Galegos, Godos, Lobosandaus, Meiraos, Montaos, Naveaus, Rúa do Franco, Samos, Sarreaus, Serra de Galegos, Suevos e Suegos, Toldaos etc. Por súa vez, en diversos territorios da península ibérica tense notado unha relativa abundancia de localidades co nome de Gallegos, particularemente en territorios casteláns e leoneses, como é caso de Gallegos (Segovia), Gallegos de Hormija (Valladolide), Gallegos de San Vicente (Ávila), Gallegos del Campo (Samora), Gallegos de Curueño (León), Gallegos de Huebra (Salamanca) etc., produto moito posibelmente de asentamentos de persoas naturais da Galiza. E, nestes medios, non queremos imaxinar a orixe de Matagallegos, nome dunha sobremesa moito popular en Cuba preparada a base de biscoitos con compota de mazá no interior, mais tamén topónimo de Fuenlabrada (Madrid)...      

Noutra orde de cousas, os procesos bélicos atinxen tamén a esfera da lingua. Existen casos en que se pode verificar como determinados conflitos armados tiveron repercusións nos hábitos lingüísticos da comunidade de falantes. Así, algúns estudos sinalan como a Segunda Guerra Mundial implicou certos procesos de variación lingüística no inglés falado nos Estados Unidos da América, particularmente en Texas e en Oklahoma: após unha viraxe nos hábitos de vida, que se viron fortemente influenciados polo mundo urbano, no período comprendido entre 1933 e 1959 vai detectarse unha nova distribución de fenómenos innovadores na fala de ambos os estados.      

Obviamente, situacións parecidas ou comparábeis van tamén documentarse entre nós. Por pormos un exemplo, nótese como a Guerra Civil española, produto do golpe militar perpetrado no Estado no ano 1936, provocou que algunhas persoas se referisen aos episodios dese tempo con fórmulas eufemísticas que sorteasen o medo social á lembranza do sangue. Así as cousas, expresións como o do trinta e seis, o da guerra, aquilo do trinta e seis, daquela, cando foi daquela, naquel tempo etc. ocorren aínda hoxe na fala de individuos idosos que prefiren facer uso de tales solucións antes que traer á memoria o nome do que aconteceu na altura. Na mesma liña, eufemismos como pasear algúen (‘matar’), dar o paseo a alguén (‘dar morte a alguén’) etc. conseguiron facerse un oco bastante recorrente na táboa de eufemismos referidos aos asasinatos perpetrados polas forzas sublevadas. O romance Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro, constata xa nos capítulos iniciais esa violenta práctica: “Cinco días durou o matirio ó que foi sometida a muller desde que a prenderon ata que a fusilaron daquela maneira tan cruel. Claro que nós, os veciños de Abades, pensamos que xa a ‘pasearan’ o primeiro día”.      

Deixando de parte a Guerra Civil, as transformacións na sociedade producidas ao longo do século XX no ámbito das relacións sociais son merecedoras, igualmente, dunhas palabras. A respecto da primeiras, podemos pensar en expresións hoxe anticuadas como mocear ou ir ás mozas, actividades levadas á práctica por quen pretendía estabelecer algún tipo de relación afectiva cunha persoa do sexo feminino. Repárese, aínda, en como o verbo falar en construcións como O Luís fala coa Uxía servía para dar a entender que ambas as persoas mantiñan algún tipo de vínculo sentimental, e obsérvese como, na actualidade, o uso entre a xente nova preferiu decantarse por saír con (O Luís sae coa Uxía). A obra de Manuel Rivas Os libros arden mal proporciónanos un exemplo ilustrativo no capíltulo “O xogador da sorte”: “A esixencia de ceder o baile é unha regra arbitraria, irritante moitas veces, pero que dá lugar a sorpresas e a continua trasfega, polo que o balbordo, a animación, é moito maior, xa que no territorio dos que xa ‘se falan’ reina máis ben a seguridade do silencio [...]. O ‘xa se falan’ podía entenderse no sentido máis amplo. Porque o falarse tiña tamén unha correspondencia co coñecemento dos corpos. Ou estaban prometidos ou en camiño de prometerse”.      

Pódese ir procurar máis unha mostra significativa de transformación social con evidentes repercusións na lingua nas mudanzas detectadas nos sistemas de tratamento, dentro do complexo ámbito pragmático da solidariedade e da cortesía. Algúns idiomas, non só europeos, coñecen marcas gramaticais para sinalaren relacións de cortesía, de educación, de distanciamento afectivo etc. Estamos perante un dos tipos da coñecida como “deíxe social”, concepto debido a autores como Lyons e Fillmore e consagrado durante a década de 60 e de 70 do pasado século. As linguas non organizan unicamente a posición física dos persoas que interveñen nun acto de fala determinado, mais tamén son quen de chegaren a gramaticalizar aspectos que teñen que ver cos roles sociais asignados neses mesmos actos de fala. En tales casos, a antecitada deíxe social marca diferentes graos de hierarquía, distancias e proximidades entre as persoas que fan parte do discurso, mais unha tipoloxía de distancias de natureza sociolóxica e non mostrativa. A este respecto, a diferenciación entre ti e vostede ou a de respecto vós (Padriño, vós xa comestes?) está suxeita aos condicionantes e mudanzas da propia sociedade: durante moito tempo, unha crianza dirixíase á súa nai ou ao seu pai utilizando o pronome de cortesía, nomeadamente no mundo rural, uso hoxe pouco constatado. A fala da mocidade dá mostras de tender con firmeza cara a un sistema en que as formas consideradas de cortesía ou respecto son cada vez menos empregadas, de forma que non sería raro pensarmos que nun futuro a medio ou longo prazo chegasen verdadeiramente a desaparecer. En contrapartida, as variedades lingüísticas da xente de certa idade son tendentes, na maior parte dos casos, a conservaren tales prácticas, diferenciando entre un ti e un vostede ou, ás veces, tamén mesmo a distinguiren a utilización tradicional do vós de respecto.      

Igualmente, dado que as relixións fan igualmente parte da bagaxe cultural e secular dos pobos, resultaría tamén lícito referírmonos ao factor relixioso cal unha das motivacións de usos lingüísticos. A sociedade galega tradicional caracterizouse por se organizar relixiosamente en freguesías cristiás, todas elas marcadas moito de perto por un notábel e particular sentimento de transcendencia e de respecto ás divindades. Nestes medios, á medida que a sociedade virar máis laica e perder o óleo estrutural do catolicismo, tórnase lóxico que expresións como Así queira Deus, Bo dia (ou Boa tarde, Boa noite) nos dea Deus, Deus te (ou me, o, a, os, as, nos, vos) ampare, Fóra a alma, Gloria a quen falta, Grazas a Deus, Meu Deus!, Meu santiño, Miña santiña, Léveme o demo, Polos cravos de Cristo, Por amor de Deus ou Polo amor de Deus, Que Deus cho (ou volo, llo, llelo) pague, Santa Bárbara nos valla!, Se Deus quer ou Se Deus quere, Vaia por Deus!, Vaia pola Virxe do Carmo!, Vállanos Deus!, Vállanos (a) nosa Señora!, Vállanos a Virxe, Xesús! (cando alguén esbirra) etc. vaian deixando de ser utilizadas; nas xeracións máis novas e no mundo urbano son fórmulas escasamente detectadas, ao paso que se manteñen cunha relativa facilidade en xente de certa idade e en ambientes rurais.      

Máis unha consecuencia da relixiosidade na sociedade actual é a que se verifica no sistema de nomenclatura para os meses do ano. Aínda que se continúa a detectar na actualidade cunha relativa vixencia, sobre todo en rexistros populares adoito relacionados co mundo tradicional, o certo é que até non hai moito tempo resultaba moito máis común do que hoxe en día escoitarmos os nomes Candelaria ou Candeloria (= febreiro), San Xoán (= xuño), Santiago (= xullo), Santa María (= agosto), Santos ou San Martiño (= novembro) ou Nadal (= decembro), isto é, denominacións en que se ponderaba a festividade dun santo ou dunha santa de certa importancia que cadrase nese mes.      

En último lugar, non se pode deixar de lado a importancia sociocultural que a práctica desportiva adquiriu nos últimos tempos. As canles televisivas e diferentes medios de comunicación contan con amplos espazos dedicados exclusivamente ao desporto e isto tiña de ter, loxicamente, consecuencias na atestación de léxico e de expresións provenientes dese particular mundo. Deste modo, algúns elementos da linguaxe desportiva acaba(ro)n sendo detectados no uso habitual da lingua que fai a xente, moitos deles chegados ao galego a través do español. Eis algúns exemplos ao respecto, entre os cales destacan, polo seu número, os provenientes do futebol: a vida é unha carreira con obstáculos (‘a vida está chea de problemas’), beber de penalti (‘beber dun só grolo’, ‘beber rapidamente’), casar de penalti (‘casar cando a muller xa está grávida’), corpo  a corpo (‘en igualdade de condicións’), dar o xaque-mate a algo (‘concluír algo’), dar na diana (‘acertar’), estar no “sprint” final (‘realizar un último esforzo con pouco tempo’), fallar os rodamentos (‘ter problemas nas pernas’), Ficar ou estar fóra de xogo (‘ficar á marxe’), ficar ou estar no chasis (‘enmagrecer moito’), fallar o tiro (‘trabucarse’), ficar ou estar KO (‘ficar ou estar durmido’, ‘ficar ou estar sorprendido’, ‘perder’), ficar fóra de combate (‘ficar sen argumentos’, ‘perder’), ir ou correr contra reloxio (‘ir co tempo xusto’), ir en pelotón (‘ir en grupo’), meter un gol (‘contar unha mentira, ‘mentir’, ‘enganar’), meter un gol en propia meta (‘atentar contra os propios intereses’), “monta e pedalea!” (‘vai tomar por aí!’), pisar o freo (‘comedirse’, ‘suavizarse’), ser de primeira división (‘ser de boa calidade’), ser de terceira división (‘ser de escasa calidade’), ser un corredor ou corredora de fondo (‘ser unha persoa constante e traballadora’, ‘ser unha persoa con experiencia’), ser un peso pesado (‘ser unha persoa importante en algo’), suar a camisola (‘traballar duramente’), tempo morto (‘descanso’, ‘intervalo’), tirar a toalla (‘renderse’, ‘resignarse’), tirar bólas fóra (‘non dar explicacións’, ‘responsabilizar outras persoas de algo’), xogar a dúas bandas (‘perseguir dous obxectivos’, ‘ter unha dupla vida’, ‘ter unha relación afectiva paralela’), xogar en campo contrario (‘desenvolver unha actividade nun ambiente hostil ou non propicio’), xogar en rexional (‘desenvolver unha actividade precariamente’) etc.      

A modo de conclusión, se podemos afirmar que a lingua é un fenómeno social e que serve para interaxirmos mediante ela no marco das relacións humanas, máis alá da simple transmisión de ideas ou coñecementos, entón maniféstase totalmente lóxico presupormos que as motivacións de índole sociolóxica van ter as súas necesarias repercusións no uso do idioma e nalgunhas das transformacións que este puider desenvolver. As páxinas precedentes tencionaron reflectir como as migracións, os procesos bélicos, as mudanzas no sistema de relacións afectivas ou sociais, as crenzas relixiosas e o ámbito desportivo trouxeron consigo determinados trazos lingüísticos ou mesmo novas prácticas no idioma. Obviamente, estas variábeis non constitúen a totalidade dos focos de estudo sociolóxicos con consecuencias na praxe diaria da lingua, mais son úteis, a noso ver, para exemplificaren, como afirma Louis-Jean Calvet, que a lingüística, entanto que ciencia que estuda un fenómeno estritamente humano e social cal é a linguaxe, non poder ser senón sociolingüística.


[26-07-2012 08:38] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Grazas polo dato da planta. Descoñecía que existise.

[23-07-2012 07:46] abelardo xose del caño varela comentou:

Un artigo excelente e completísimo! Como breve apunte "matagallegos" utilizado na meseta castelá é referido a una pequena planta con "pinchos" que crece entre os trigales e que nas épocas nas que a sega realizábase cos galegos baixados do Pais e, por suposto, a mán, producía unha chea de feridas nos nosos segadores.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña