13:25 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-06-2012

Non existen nacións ou comunidades humanas diferenciadas que non posúan símbolos cos que se identificaren e nas que sentiren recoñecidas

Himnos, bandeiras e símbolos

Valorar (53)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ



Non existen nacións ou comunidades humanas diferenciadas que non posúan símbolos cos que se identificaren e nas que sentiren  recoñecidas. Pobos con e sen estado de seu. Representacións simbólicas do tipo máis diverso que son quen de estabeleceren padróns de distinción, enaltecemento, coesión nacional ou reivindicación da propia existencia.             

Un estado tan unitario como o español, forxado na anulación e dominación de nacións, precisa non só dunha arquitectura político-institucional centralista e centralizada. Reclama tamén unha cobertura ideolóxica, un universo simbólico que a sosteña e que lle proporcione equilibrio e consistencia. É obvio. Non só debe mandar España, a súa economía e os seus intereses. Cumpre aproveitar tamén a lingua, cultura e valores españois para lle dar coerencia ao conxunto e crear así a aparencia de españolidade destinada a quen non o é. Crear e impoñer, en definitiva, unha “consciencia española” a quen subxectivamente non o cre, e a quen obxectivamente non o é.      

Preténdese españolizar até o límite utilizando calquera método con ese obxectivo. Calquera. Para isto, para inculcar a sensación de pertenza á nación española, non hai austeridade. E reprodúcense os vellos esquemas xa aplicados até polo réxime franquista. Algúns exemplos recentes.      

1.- Selección española de fútbol
. Basta xa de inxenuidade. É ben evidente que o fútbol xoga un papel na consciencia social que vai alén dunha práctica deportiva convencional. Sábeo o Estado español cando, segundo dados oficiais (CIS), o 72’8% da poboación olla, se pode, partidos de fútbol por televisión. Algúns até están dispostos a pagaren. Que moitos posúen nas súas casas bandeiras ou símbolos de equipos da súa preferencia. Que o 14’5% chega a se encabuxar coa súa propia familia ou amizades por discusións de fútbol. Que no caso de derrota, o 32% se sente triste, o 15’2% encoraxado e o 3’6% chega á depresión. Que no caso da selección española, ao 50% da poboación (falamos sempre do conxunto do Estado) interésalle “moito” ou “bastante”, e aféctalle que gañe ou perda. Ou que o 75% das persoas se sentirían “decepcionadas” se “La Roja” non chegara a acceder á Eurocopa.             

Este é o contexto emocional. E é aquí, precisamente, onde se desata esa enxurrada impetuosa de bandeiras, touros, tricornios, furia española, toureiros disfrazados, faces pintadas “rojigüaldas”, xigantescas pantallas en prazas públicas, bufandas, isto é... de símbolos. Daquela, de ideoloxía en estado puro inoculada por vía emocional. Non existen nacións galega, basca ou catalá (por certo, con seleccións deliberadamente prohibidas), existe España. E dentro desa España non cabe outra lingua ou outra cultura que non sexa a española. Non é o deporte o que interesa. É a política. É a imposición da idea de España.             

Cando o PP disolveu a selección galega de fútbol utilizou a coartada económica. Falaz argumento, pois o desembolso económico se vinculaba a achegas de patrocinadores e publicidade. E a grande contradición: para a selección española non hai austeridade. 300.000 euros a cada xogador (23, seica), ademais do adestrador e compoñentes do equipo técnico no caso de vitoria final. Uns cantos millóns de euros, vaia. Mais non pasa nada porque aquí, como sempre, o único importante é España. A sanidade pública é prescindíbel. A selección española non.

2.- Gibraltar español. Por suposto. Como Ceuta, Melilla, Perejil, Alhucemas, Vélez de la Gomera e Chafarinas, en territorio marroquino. Xa non digamos Galiza, Euskalherria e Catalunya. Todo é España, agora que xa se pon o sol no imperio conquistado por Felipe II. E o bo é que aquí entra tamén o histórico instrumento de ideoloxización españolista: o militarismo. Como con Perejil, intervención militar incluída, mais afortunadamente sen guerra. Como galego sinto vergoña ao comprobar como o problema de catro chalanas andaluzas se converte nunha cuestión de Estado, con intervención diplomática directa, queixas e reclamacións na UE e na ONU, mentres milleiros de mariñeiros do meu país non poden pescar nin vivir do seu traballo porque a UE, coa anuencia española, non lles deixa facelo. Hai que lle botar valor...      

3.- As touradas. Tanto ten que a imensa maioría do pobo galego non só non goste, senón que aborreza as touradas (90%, segundo dados da Consultora Gallup). Tamén para a “Fiesta Nacional” hai cartos públicos en tempos de crise. Cando de españolizar se tratar non hai sobriedade económica. A Coruña, Sarria (chegan a alcumala –non é brincadeira- como a “Sevilla gallega”), Pontevedra (pola vía da Deputación, unha vez que o BNG no Concello eliminou a axuda pública a esta aberración), Padrón, Negreira, Brión, A Lama, Muíños, etc., foron ou son concellos nos que se organizan touradas. O fanatismo parece non ter límites. Resultaría ridículo, de gargallada, se non for directamente grotesco ollar cargos públicos do PP e do PSOE asistiren ás touradas ataviados do xeito máis españolizado/andaluzado (abanos flamencos, mantilla española, etc.) posíbel.      

4.- Ataques á lingua galega
. Tan tolerantes eles, tan demócratas, e prohiben que se impartan en galego determinadas materias no sistema educativo. Comprensión co de fóra, sistemático desprezo co propio. Non hai departamento do Goberno galego que se libre dese proceso de auténtica limpeza étnica emprendida polo PP.      

5.- Complexos postmodernos vs. simboloxía galega
. Vanse sucedendo nos últimos tempos situacións nas que se  chega a cuestionar a exibición de simboloxía nacionalista en diversos contextos sociais, mesmo en mobilizacións, por parte de sectores aparentemente contestatarios, que desaproban até o uso do galego no nome dun suposto “apoliticismo”. Coidado cos “apolíticos” e a súa teima contra bandeiras ou faixas patrióticas. O nacionalismo galego conquistou na rúa o dereito a mostrar orgullosamente os nosos símbolos, a nosa bandeira, a interpretación do Himno nacional. Non foi doado, mais asentouse paulatinamente até ser finalmente un elemento socialmente asumido con naturalidade. Era imprescindíbel: a rúa é o único espazo no que a simboloxía nacionalista pode ostentarse e popularizarse orgullosamente, pois obviamente está excluída do ámbito da oficialidade, dos edificios públicos, da legalidade. Porén, a asunción acomplexada desas teses “apolíticas” (en realidade ben reaccionarias) conduciría á eliminación práctica das referencias visuais e simbólicas do nacionalismo. Non do españolismo, que continuaría a ter as que sempre tivo, mesmo acrescentadas agora, tamén na rúa, polo fervor futbolístico.               

Velaí o contexto. A mellor resposta non é utilizalo como pretexto para evitar conflitividade, senón enfrontalo. Ostentemos sen claudicación e con orgullo os nosos símbolos proscritos pola oficialidade. Porque son representacións simbólicas da dignidade dun pobo que non se rende, e que ten dereito a se recoñecer nelas. A bandeira da República de Galiza ten dereito a ondear nas mobilizacións populares, mais tamén a se pendurar de xanelas e balcóns en días sinalados ou a se exhibir en campos de fútbol. Identifiquemos os nosos vehículos co acrónimo GZ. Non teñamos medo a que se nos coñeza como o que somos, nacionalistas galegos. E alí onde teñamos capacidade, dende a comisión de festas á asociación veciñal, dende a ANPA até o clube deportivo, no bar, no traballo, no concello, coas amizades, na familia, fagamos sempre o posíbel para que o noso idioma e o noso Himno esté sempre presente en toda circunstancia e lugar, e que os símbolos galegos se exhiban sen acompañamento español. Que o pobo galego se sinta recoñecido e identificado, fortalecido na súa consciencia, orgulloso de si mesmo, tamén depende desa nosa actitude, individual e colectiva. Como ben di Carlos Callón, se non o facemos nós non o vai facer ninguén. Pois fagámolo.


1 2 seguinte

[20-06-2012 22:26] Eu comentou:

Unha aclaración, os cartos que os xogadores da selección española reciben por gañar a Eurocopa saen do premio que a UEFA da por gañar o torneo. E que cada un apoie a quen queira, non por eso deixará de ser menos galego.

En vez de queixarnos pola selección deberíamos pedir cousas tan sinxelas como que o Deportivo da Coruña, o meu equipo, ofreza a posibilidade de poder visualizar a páxina en galego.

[20-06-2012 22:11] Fernando comentou:

Grazas Bieito, por certo o das mantillas xa o vin persoalmente na "Sevilla Gallega". Máis temos que lembrar que Sarria tamén e berce de reis de Galiza, escultores, poetas e que a súa realidade pouco ten que ver con Sevilla. Non as touradas en Galiza. Manifestación o 24 as 17:00 en Sarria.

[20-06-2012 12:21] Antonia Bembo comentou:

Verdadeiramente vergoñento e revelador foron os asubíos e apoupos de dirixentes "marchosos" e "ecogaleguistas" contra a presenza de bandeiras nacionais nunha concentración en Pontevedra.

[20-06-2012 11:04] D.V. comentou:

Excelente artigo!

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña