11:29 Luns, 16 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-06-2012

Hai un século, Manuel García Blanco daba a lume un opúsculo intitulado Consideraciones sobre la decadencia y rehabilitación de la lengua gallega

O valor das observacións de García Blanco sobre a lingua cen anos despois

Valorar (25)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Castelo do Pambre (once naceu García Blanco)


Hai un século, Manuel García Blanco daba a lume un opúsculo intitulado Consideraciones sobre la decadencia y rehabilitación de la lengua gallega. Nel deixaba constancia da precaria situación do idioma en termos sociolóxicos, verificando a presenza de diversos preconceptos que empecían o normal desenvolvemento do galego e o seu proceso de recuperación social. Cunha capacidade de análise verdadeiramente digna de nota, o autor vai facendo un repaso aos problemas que, a seu ver, afectaban a lingua na altura, ben como a algunhas causas e tamén a determinadas solucións para tales atrancos. Transcorridos cen anos desde 1912, chama poderosamente a atención como a totalidade deses preconceptos continúa a se detectar na sociedade galega actual, mesmo se proxectando conscientemente varios deles desde as instancias gobernamentais da nación. Lida hoxe, a obra dá conta dunha notabilísima actualidade, o que serve para repararmos cando menos en dúas cuestións: en primeiro lugar, García Blanco mostra unha capacidade de reflexión sociolingüística absolutamente rigorosa canto á análise dos feitos; e en segundo lugar, o opúsculo, con cen anos de antelación, serve para reclamar medidas urxentes aos poderes públicos para todas esas ideas prexuizosas conseguiren desaparecer.      

Diversos son os asuntos que vai desenvolvendo. Un deles asenta no pouco prestixio social que tiña  o galego na época e exemplificábao coa hibridación a respecto do español. Esa mestura, de diferentes intensidades a depender das zonas xeográficas e dos ámbitos da gramatica, xa fora advertida polos eruditos setecentistas, como Sarmiento, ou do século XIX, segundo se pode ler nun lúcido artigo de Saco Arce publicado en 1876 (de título “Poesía gallega contemporánea: sus defectos más comunes”), ou por Marcial Valladares nos seus Elementos de gramática gallega escritos en 1890. Pois ben, anos máis tarde, na alborada do século XX, García Blanco observaría de novo esa situación, de maneira parecida a como algunhas persoas a advertimos na actualidade. A día de hoxe, a lingua continúa a se hibridizar co español, de forma que á medida que avanzar o tempo caberá pensarmos na posibilidade de se converter nunha sorte de variedade dialectal hispánica da Galiza con algún xiro exótico ou até caberá a hipótese imaxinarmos a súa desaparición. Se isto se contemplar como un exaxero propio de irregulares calimas reinantes neste mes de xuño de ordinaria españolidade futboleira, bótese unha ollada á calidade lingüística das persoas que nos representan nas institucións, ao modo de falar de non pouca xente que vive do galego facendo riso vulgar del, ao xeito de se exprimiren algúns  responsábeis políticos (mesmo no nacionalismo) que coidan que o importante é falalo (embora sexa mal) etc. Na actualidade, pois, mantense vigorante a afirmación de García Blanco: “Del lamentable desafecto del pueblo gallego a su lengua constituye también prueba concluyente la corrupción que por doquiera la afea y aniquila. En vez de los propios y genuinos de la lengua indígena, tienen en toda la región uso corriente algunos sonidos exóticos, cientos de vocablos, crecido número de frases que, en atención a su procedencia, pueden llamarse castellanismos […]. Y es de notar la gran aceptación de que goza el parecer de que tales barbarismos enriquecen y afinan nuestra lengua”.    

Asistimos nestes tempos, por outro lado, a unha praxe lingüística ben relacionada co suposto anterior, cal é o feito de moitas persoas empregaren un galego que, inclusive sendo correcto en termos prescritivistas, esquece propositadamente os trazos lingüísicos do noso sistema lingüístico. Considerados por certos sectores académicos como fenómenos arcaicos, tidos como requinteos literarios por outros, case proscritos por lusismos nalgúns organismos, é rechamante como está a desaparecer progresivamente todo aquilo que identifica a sintaxe da nosa lingua face a outras xeográfica ou estruturalmente próximas: falamos do infinitivo flexionado (Antes de saíres, avísame vs. Antes de que saias, avísame), do futuro do subxuntivo (Se beberes non conduzasSe bebes non conduzas), da interpolación pronominal (Xa cho eu dixen vs. Xa cho dixen eu), de determinadas disposicións dos pronomes clíticos (Teño de che dar as grazas vs. Teño que darche as grazas), da desnecesaria preposición a acompañar o CD (Vin as dúas vicerreitoras na facultade vs. *Vin ás dúas vicerreitoras na facultade), de pleonasmos pronominais (Comentei á presidenta da Galiza as miñas queixas vs. Comenteille á presidenta da Galiza as miñas queixas) etc. A aguda observación de García Blanco foi capaz de percibir esa descafeinización da lingua, de forma que, para el, había xente na altura (e tamén presentemente) que tolera o uso do idioma, “mas sólo a condición de que sea un gallego modernista, sui géneris, limpio de sus voces más enxebres y características, de sus giros y modismos más peculiares, más tipicos”. Compréndese, pois, esta preocupación que algunhas persoas tamén temos na actualidade, cuestión igualmente partillada por certos gramáticos contemporáneos do autor: por pormos un exemplo, a Gramática do idioma galego, de Manuel Lugrís Freire (1922, 1931) puña o acento con relativa frecuencia na necesaria recuperación de estruturas morsosintácticas tradicionais e daba conta de por que era preferíbel unha construción como O fidalgo de Pazos xa empobreceu antes que O fidalgo de Pazos xa se empobreceu.      

Máis un tema que se desenvolve no opúsculo é a consideración do galego como lingua, idioma ou dialecto. Desde a Idade Moderna, tempo en que comezan a xermolar e a se espallar diferentes modelos e organizacións estaduais, muda a perspectiva existente sobre as linguas, sobre as que as son e sobre as relacións que deben manter coas novas estruturas de poder. É o tempo en que se valorizan os “vulgares” e en que, subsecuentemente, principian a aparecer as súas primeiras gramáticas, produto da nova sensibilidade e das novas coordenadas sociopolíticas. Responde á síntese elaborada entre os termos civilización, lingua e pobo, por un lado, e as nocións de selvaxe, dialecto (ou xiria) e tribo, que se opoñen diametralmente aos tres conceptos anteriores: a un pobo como grupo culturalmente diferenciado doutros colectivos equivalentes correspóndelle a civilización e a cidadanía, ao paso que a lingua serve de vehículo comunicativo e identitario nesa correlación; en troca, grupos carentes de civilización ou selvaxes, como as tribos, non posúen unha lingua para daren expresión a esa colectividade, pois o seu grao de desenvolvemento cultural non corre paralelo ao das circunstancias anteriores. Se a estas dúas tríades de vocábulos acrecentarmos o concepto de estado asociado a lingua e o de dialecto vinculado a un territorio que non ten estado propio, a ecuación supraestrutural vira aínda máis precisa: pobo-estado-civilización-lingua. A partir de aquí, toda aquela entidade lingüística que non for a propia dun estado decorrerá até concluír no termo “dialecto”.      

Así pois, con tales antecedentes, é bastante probábel que fose conflituoso para os escritores e as escritoras oitocentistas e dos primordios do século XX defenderen a condición de idioma ou de lingua para o galego: en primeiro lugar, non era falado nunha terra soberana, como acontece coas linguas; e en segundo lugar, convivía cunha outra lingua con tradición literaria ininterrompida e que era empregada, contrastivamente, nun Estado, o español. Non é de estrañar, pois, que utilicen a palabra “dialecto” mesmo nos propios títulos das súas obras, tal e como é o caso de Antonio de Castro Martínez (A la consagración del Ilustrísimo Sr. D. Fr. Manuel García Gil, en verso y en dialecto gallego, 1854), de Vicente Turnes (Composición poética dedicada a Galicia en su propio dialecto, por el doctor Don Vicente Turnes del Río Maldonado, del Gremio y Claustro de la Universidad de Santiago. Presentada a los juegos florales que tuvieron lugar en La Coruña el día 2 de junio del corriente año y publicada por un amigo del autor, 1861), de Pérez Ballesteros (Versos en Dialecto Gallego y Correspondencia Castellana, 1878) etc. García Blanco, pois, insírise nesa tradición oitocentista maioritaria, en que se tiña de conxugar eclecticamente a dicotomía antes aludida entre nación-estado: do seu punto de vista, o galego pode “denominarse idioma, puesto que es privativo y peculiar lenguaje de un pueblo, como sin afrenta se le puede llamar dialecto, ya que no es lengua oficial de una nación”.      

Imos ficar por aquí. Como se poderá deducir doadamente, a obriña de Manuel García Blanco aínda pode inspirar moitos máis comentarios sobre a situación da lingua naquela época e as súas idénticas ou parecidas circunstancias no tempo en que vivimos. Coa ansia de non amolarmos inutilmente o benévolo público lector, gostariamos de findar este contributo ponderando tres aspectos: en primeiro lugar, agora, como hai cen anos, urxen políticas de promoción da lingua, de certo diferentes ás da altura, mais alicerzadas no mesmo principio de priorizaren realmente a recuperación social do galego en vez de o atacaren conscientemente ou, no mellor dos casos, de o secundarizaren ás vulgaridades máis ordinarias do panorama audiovisual. En segundo lugar, cómpre pormos en valor que, mal que incomode certas persoas, o noso idioma aínda continúa a ser maioritario, a pesar das serias ameazas que o afogan e que fixeron que a percentaxe de utilización xa non sexa tan alta como hai uns anos. E en terceiro lugar, a noso ver, urxe igualmente, máis que nunca, que a cidadanía comprometida coa lingua acentúe o seu discurso sobre ela en termos de a reivindicar onde for posíbel no día a día, individual ou colectivamente, espontánea ou organizadamente, pois non sobran labores nesta liña.


[25-06-2012 01:50] preocupado comentou:

Bó artigo. Engado unha reflexión: É verdadeiramente posible, non existindo xa na altura falantes monolingues, para un individuo bilingue diferenciar correctamene dous sistemas linguísticos tan parecidos coma o galego e o castellano ? As diferencias son moitas veces tan pequenas, coma nos exemplos que da o autor, que eu dubido un cidadán normal, non linguista, chegar a ser capaz de facer tan sutiles distincións nos códigos linguísticos empregados. E o tema é crucial pois da súa resolución por estudos apropriados depende pagar a pena ou non adicar tempo e diñeiro ao noso idioma. Ou atopar algunha solución pola vía da diferenciación artificial ou hiperenxebrismo. Todo agás a situación actual de lenta morte do galego por fusión ou absorción, con música de fondo de liortas pola grafía bastante secundárias no fondo (un idioma pòde subsistir sen grafía, mais non sen rexistro coloquial, tan estragado hoxe e no que pouco se traballa).

[20-06-2012 17:27] María M. comentou:

Unha aportación moi interesante sobre unha persoa que moitos e moitas descoñecen aínda.

[20-06-2012 09:10] abelardo x. del caño comentou:

Xenial!! Grazas por artigos coma este!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña