12:32 Venres, 19 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-06-2012

Un ano leva Ollanta Humala como presidente do Perú

Humala: di algo de esquerdas

Valorar (10)

XURXO MARTIZ CRESPO


Protestas no Perú contra a polìtica mineira de Ollanta Humala. (Xurxo Martiz)


«D'Alema, di algo de esquerdas!», di o protagonista do filme Aprile de Nanni Moretti, cando ve o político na televisión balbucindo un descafeinado discurso fronte a un Silvio Berlusconi afouto e farruco.      

Un ano leva Ollanta Humala como presidente do Perú. Nestes doce meses, se cadra, a imaxe máis desconcertante do presidente de esquerda peruano foi a longa entrevista panexírica que o xornal de dereitas El País lle fixo para desmarcalo de Chávez, Correa e outros membros do cualificado polas «democracias» occidentais «eixo do mal».      

Neste ano de goberno, os principais problemas de Ollanta, de credibilidade e consecuencia co seu suposto ideario de esquerda, chegaron do seu propio partido, Gana Perú e aliados, e do seu propio pai, Isaac[i], quen publicamente rexeitou a represión indiscriminada, con mortos, que están a sufrir os peruanos que se opoñen ás licenzas de explotación de compañías mineiras estranxeiras que o goberno de Humala concedeu.      

O caso máis coñecido contra Humala, que levou os deputados de Gana Perú a abandonaren o seu apoio ao presidente, foi a detención do alcalde do concello de Espinar, Óscar Mollohuanca, baixo a acusación de uso de recursos públicos nos violentos enfrontamentos contra a actividade mineira  da compañía suíza Xstrata.      

No Perú a minaría é o principal ingreso do Estado. Ademais, é o segundo produtor do mundo de prata e un dos principais doutros moitos metais como a cobre, o ouro, o ferro e mesmo o petróleo, do que se autoabastece. O propio Humala recoñecera a importancia da minaría nunha entrevista na campaña electoral: «O Perú vive fundamentalmente do imposto á renda que cobra ao sector mineiro. E o Estado non participa na repartición de beneficios das riquezas mineiras, porque renunciou á propiedade deste recurso. Se o Perú vive disto, o Perú é de quen ten os xacementos mineiros. Daquela, o país xa non nos pertence. Que produce o Perú? Fundamentalmente, man de obra barata. E nesa lóxica, o Estado non inviste en ensino, porque sería incompatíbel a boa educación coa produción de man de obra barata»[ii].    

O máis consecuencia máis preocupante da actual «deriva» de Humala é o abandono de líderes históricos da esquerda como Javíer Díaz Canseco, quen declarou que a represión é o remate dunha desafección que comezou co nomeamento de Óscar Valdés na presidencia do Consello de Ministros e o nomeamento de ministros conservadores e de dereita no seu goberno contrarios á chamada Gran Transformación e á Folla de Ruta de Humala para transformar o Perú nun país máis xusto.    

Os problemas en Apurímac e Cajamarca e o saldo negativo de 12 mortos por conflitos sociais afondan máis a focha de descrédito que cava de vagariño Ollanta Humala.    

Malia todos estes feitos, aínda é cedo para xulgar negativamente a Humala como un presidente que traizoou os seus principios xenéricos de esquerda.    

O propio Fidel, Chávez e moitos outros presidentes de esquerda latinoamericanos tiveron que loitar contra forzas centrípetas e reaccionarias dentro dos seus propios partidos e gobernos.    

Sen ir moi lonxe no espazo e no tempo, o xeneral Baduel que salva a Chávez no golpe de Estado en 2012 hoxe cumpre condena nunha cadea venezuelana por corrupción e durante meses, financiado pola CIA, deu entrevistas en medios de medio mundo chamando ao seu ex-compañeiro de armas «ditador».    

Pero voltando ao caso do Perú, aínda somos moitos os que esperamos que Ollanta diga algo de esquerdas.  


[i]
O pai de Ollanta é un ex dirixente con ideas socialistas e fundador do etnocacerismo, que tenta rescatar o inxuriado pasado incaico e o nacionalismo, en claro confronto cunha burguesía peruana branca que non quería a independencia de España e detentou o poder en Perú desde a independencia, exceptuando o goberno de Juan Velasco Alvarado. Isaac púxolles aos seus fillos nomes incaicos como Antauro (que cumpre condena por rebelión na actualidade),  Pachacutec, Ima Sumac ou Cusicollur. Segundo Isaac, o nome de Ollanta significa «o guerreiro que todo o ve».
[ii]
  Entrevista de Paul Alonso  para Terra Perú.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña