13:01 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-06-2012

A visión que o noso alumnado ten acerca da Historia contemporánea

O estratega Franco

Valorar (24)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA



Por motivos profesionais, cada ano entro en contacto directo coas probas de Selectividade de Bacharelato, o cal pon ao meu alcance unha mostra dabondo representativa da visión que o noso alumnado ten acerca da Historia contemporánea. Non hai queixa, en contra da común tendencia a crer que todo tempo pasado foi mellor ou, polo contrario, que foi peor. Nese aspecto, en liñas xerais, máis ou menos igual.                

A ocasión serve para comprobar a vixencia de certos tópicos historiográficos. Vaia por diante (e o reitero) a miña confianza no carácter científico da Historia, que non ser ve mermada por esa circunstancia, inevitable en todo saber humano.                

Na edición deste curso un dos comentarios propostos versaba sobre a Guerra Civil, tema que pola súa aínda vixente actualidade se presta en maior medida que outros á pervivencia de tópicos interesados, consecuencia das coñecidas condicións con que se realizou a chamada Transición. A impunidade dos franquistas trae consigo unha máis ou menos velada apoloxía do propio franquismo, sostida polos seus directos beneficiarios e consentida polos demais partícipes no tinglado dinástico.                

Entre os lugares comúns que se repiten e semellan ter calado na cidadanía («unha mentira repetida mil veces convértese en verdade»), quero comentar agora o da suposta capacidade militar de Franco. Case ninguén pon en dúbida que foi un ditador nin que o franquismo foi unha ditadura (cousas ambas que a moitos incluso lles parecen ben), pero a concepción caudillista e xerárquica do fascismo obriga a atribuírlle ao providencial dirixente algunha cualidade excepcional, sobre todo cando o réxime tivo tan longa duración. Ou todos os españois serían máis parvos que el.              

Aos que nos cadrou coñecelo (non de cerca, desde logo) era imposible que nos convencesen, non xa das súas dotes físicas, senón aínda moito menos das intelectuais: era un perfecto tarugo, apenas capaz de expresarse. Aínda sendo el tamén un artista frustrado, como Hitler, no referente ao intelecto non admitía comparación co Führer nin co Duce; nin moito menos con Oliveira Salazar.              
Arguméntase entón que foi un magnífico estratega militar, ao cal se atribúe a súa vitoria sobre a República (e de paso, tamén á desunión republicana entre tanta autonomía, partidos, sindicatos e comités; ou sexa, a tanta democracia).              
Para valorar a capacidade militar de Franco non é preciso ser ningún experto na materia. De sobra é sabido que en xullo de 1936 un exército de profesionais, incluíndo tropas coloniais, se sublevou de forma xeneralizada (non se tratou do pronunciamento local dunha guarnición mal dotada) contra o pobo inerme... e tardou tres anos en vencelo.              

Certo é tamén que o curriculum desa manda de estrategas non permitía agoirar un resultado brillante: viñan sendo os mesmos que se viran incapaces de sometar (malia o empeño salvaxe con que o intentaron; diso si que sabían) a cubanos e filipinos; que en 1898 perderon nun plis-plas a guerra contra os norteamericanos; que foron logo repetida e estrepitosamente derrotados en Marrocos por pobres xentes mal armadas e que só lograron controlar ese país en 1927 grazas á axuda francesa. En 1934 o propio Franco, co máis selecto da súa tropa, precisou dúas semanas para dobregar en son de guerra aos mineiros asturiáns, equipados co que toparan a man.                

Pois ben, o Xeneralísimo empezou en 1936 as súas operacións militares ficando ridiculamente empantanado en Marrocos, mentres o seu colega Mola (o xenio da conspiración) era parado en seco no Guadarrama pola poboación madrileña e os inexpertos brigadistas internacionais.              

A incapacidade de Franco houbo de ser resolta mediante a masiva axuda que lle achegaron alemáns e italianos, sen a cal non era quen de saltar á Península. Non se valora suficientemente a importancia decisiva desta intervención exterior no resultado da guerra. Non foi pouca cousa: cen mil soldados “voluntarios” italianos, dez mil portugueses, varios miles de especialistas alemáns cos seus avións e demais material, sen que faltasen ostensibles intervencións directas de acoirazados e submarinos, posto todo ao servizo de Franco, en tanto que as democracias británica e francesa afogaban á República co bloqueo.                

Franco chegou ás portas de Madrid no mesmo ano 1936, mais ese xenio militar tampouco puido tomar nunca a cidade, defendida polo pobo. Non lle quedou outra que agardar ata o final mesmo da guerra, cando un segundo golpe de Estado lle abriu as portas.                

Para explicar semellante impotencia sostense que o propio Franco, sibilinamente, quería alongar a guerra, para así desatar unha represión máis brutal e delongada. Non ten sentido: quixo ocupar Madrid a toda presa e  non o conseguiu nunca; desesperado, declaraba á prensa inglesa: «gañarei a guerra aínda que teña que matar a media España». Para desatar a represión con toda a intensidade posible non precisaba escusa ningunha. O crime masivo estaba xa previamente planificado, con guerra ou sen ela. En Galicia temos a proba máis palpable: non houbo guerra, e os asasinatos foron miles. Por Extremadura as súas hordas pasaron rapidamente, e a matanza de Badaxoz impresionou ao Mundo. O País Vasco conquistárono o máis pronto que puideron (en 1937). e non por iso o exterminio de gudaris foi menos escalofriante.                

A cousa é xusto ao contrario do que se di: a incompetencia militar de Franco e os seus compinches é algo que salta á vista. O sorprendente foi a capacidade de resistencia da República, malia manter sempre o pluralismo democrático... ou precisamente grazas a iso.


[15-06-2012 09:43] hadrian comentou:

O outro día publicaban este artigo sobre a financiación da guerra civil http://cultura.elpais.com/cultura/2012/06/08/actualidad/1339184328_444863.html

Teremos dereito a pedirlle a Alemaña que nos indemnicen como Pais polo apoio de Hitler a Franco?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña