12:48 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-06-2012

A mercantilización á que se nos somete converte en mercadoría as cuestións máis básicas da nosa vida, ata o punto de non recoñecer unha natureza sen custes

Mercado da ecoloxía ou ecoloxía de mercado

Valorar (11)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



A mercantilización á que se nos somete converte en mercadoría as cuestións máis básicas da nosa vida, ata o punto de non recoñecer unha natureza sen custes.      
O capitalismo que nos rodea, ou no que estamos irremediablemente inmersos, ten comerciado co traballo, coa natureza e co capital; de xeito que calquera destes aspectos poden valorarse, trocarse, mercarse, venderse ou hipotecarse. Todo é mecanicamente transformado a prezos atribuídos a falta de contar cunha etiqueta, en cada árbore do bosque ou en cada refacho de vento, cun código de barras ou de resposta rápida (CQR) co prezo real.  

O marxismo ecolóxico ten denunciado esta cuestión esixindo a desmercantilización, coa base da premisa descrita por Marx de que ser humano e natureza son unha mesma cousa, e o traballo non é máis que o feito de transformar a natureza para o uso humano. Mais, a perversión deste razoamento dáse a causa de que se o traballo é transformado en dividendos e en plusvalía, e o clásico mercado da terra pasou a ser o mercado da natureza, o resto entra na roda da mercantilización automaticamente.      

Poderiamos preguntarnos que resposta nos dá a ecoloxía a este paradigma.       A eiva da corrente ecolóxica-política, tal e como nos refire Slavoj Zizek no seu texto o espectro da ideoloxía, é que nunca ten lugar a ecoloxía como tal, senón que está categorizada: pode ser conservadora (cando avoga polo retorno a modos tradicionais de vida), estatalista (se propón que só a regulación do Estado nos salvará da catástrofe), socialista (se identifica o capitalismo como a causa última dos problemas ecolóxicos), capitalista liberal (o mercado regula o equilibrio ecolóxico), feminista (a explotación da natureza deriva da dominación masculina), anarquista (sobrevivencia das pequenas comunidades autosuficientes).        

A cuestión é que ningunha destas categorías é, en si mesma, a verdadeira, ningunha está inscrita na natureza mesma da problemática ecolóxica. Se algunha predomina sobre as outras é pola implantación social ou o apoio que reciba a categoría en si mesma, empapada ou non de ecoloxía. Mais isto poida que nin sequera teña unha repercusión favorable para a natureza.        

É por iso que o discurso ecolóxico, aínda vestindo o santo con calquera das mencionadas categorías, resulta insuficiente para desenlear o enguedello mercado-natureza. O único xeito pois de construcción do discurso político, embebido dun suficiente aporte ecolóxico que sexa quen de entrar na mencionada coordenada, é o de artellar o noso propio discurso político ao redor da soberanía nacional de Galiza, cuestionando o elemento mercado, mais aportando o elemento ecoloxía en cada chazo da escada.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña