05:11 Luns, 23 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-06-2012

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na área do Barco ten convocada unha manifestación para este domingo 10 ás 20.30 da tarde

O Barco xa non soporta máis recortes no seu Hospital

Valorar (13)

VÍTOR SIERRA NIEVES



A mobilización defenderá a Sanidade Pública de Valdeorras, Terras de Trives e Terras de Viana reivindicando unha vez mais a desaparecida Área Sanitaria do Barco. A golpe de “Somos unha Área”, miles de persoas posicionaranse en contra dos recortes do Partido Popular.      

Por primeira vez en 30 anos o HCV (Hospital Comarcal de Valdeorras) asistiu ao peche de camas no verán pasado cunha única xustificación: non contratar máis persoal. Este verán parece ser que corremos o mesmo risco.      

Outra situación sen precedentes é a que acabamos de sufrir até hai uns días. O HCV e, por conseguinte, toda a Área Sanitaria (Valdeorras, Terras de Trives e Terras de Viana) estivo sen un servizo tan básico como é o de hematoloxía. O hematólogo é un especialista básico nun hospital e estar sen el supón un risco para os doentes que teñan que ser transfundidos ou intervidos de urxencia con necesidade de sangue ou puidera sufrir algún problema durante as intervencións.      
Claro que, a falta de hematoloxía, “só” durou un mes. Este é o xeito de proceder do Partido Popular (como fixo Feijoo insinuando o pago da comida e do aseo nos hospitais). Lanzan un globo sonda, e recollen reaccións á vez que se vai creando o hábito. Unha das oposicións firmes e públicas foi a da Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Área do Barco, da CIG Saúde, e do BNG de Valdeorras.      
Neste hospital leva sen facerse unha inversión desde o ano 2.007, situación que se vai alongar despois da supresión da área sanitaria e a implantación da xestión integrada; pois é posible que desde Ourense non deriven moitas partidas para un hospital situado a hora e vinte de coche.      

Promesas feitas pola Conselleira de Sanidade como un novo TAC ou a redución das listas de espera non foron cumpridas a día de hoxe, co que o HCV segue co TAC máis antigo de todo o País, e as listas de espera seguen a aumentar en todos e cada un dos servizos ao non contratar máis profesionais. A este aumento tamén contribúe a eliminación de especialistas como o que se suprimiu en xinecoloxía. Os sindicatos do HCV levan tempo pedindo un 4º traumatólogo sen obter resultados. A resposta sempre está relacionada coa falta de recursos. Máis nese mesmo servizo semella que non faltan recursos para pagar a un dos traumatólogos (e marido da Xerente María Jesús Magadán) que segue a traballar polas tardes.      

A atención primaria non anda moito mellor. Un concello como a Veiga, o máis extenso de Galiza e posiblemente con máis dispersión poboacional quedouse xa sen un médico.      

En canto a infraestruturas sanitarias, a cousa non pinta mellor. Desde o Goberno Galego informan a través de comunicados de prensa que o novo Centro de Saúde da Rúa está próximo a construírse, pero o certo é que o SERGAS aínda non adquiriu os terreos.              


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña