12:38 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-06-2012

Vannos roubar 23.500 millóns de euros no resgate dunha Bankia en ruínas

Salvar o banco do PP

Valorar (12)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Vannos roubar 23.500 millóns de euros no resgate dunha Bankia en ruínas.
               
A dereita creouse unha sona de boa xestora que semella estar bastante estendida entre a xente; é algo que se dá por feito. Visto o que pasa no mundo, no Estado e no noso país –por só falarmos dos últimos tempos- non se comprende ben a que se debe esta sona, alén das toneladas de propaganda coa que nos asolagan diariamente. Agora, non contentes con levar á beira do abismo o propio sistema que eles crearon e gobernaron, obrígannos a apandar coas consecuencias da súa pésima xestión política e económica, que sae á vista neste caso concreto.                

Lembremos que o Banco Financiero y de Ahorros, matriz do actual banco, foi a aposta dunha parte do capital financeiro español moi vencellada ao PP por crear a terceira entidade financeira do Estado, que superase á antiga La Caixa. A reestruturación do sistema financeiro tiña como un dos seus principais cometidos rematar coa existencia das caixas, centralizando, privatizando e bancarizando a súa operativa. Nese proceso é cando Caja Madrid se une con outras seis caixas para dar lugar a Bankia, situación na que tamén se fixeron fortes chamados para atraer ás caixas galegas. Como mostra de que isto respostaba a un deseño político e económico da dereita, coa colaboración necesaria, coma sempre, da socialdemocracia española, é a ampla participación das familias –en sentido literal- do Partido Popular. O máximo expoñente disto foi o até hai unhas semanas presidente de Bankia, Rodrigo Rato, vulto sen-par das finanzas e do PP, con grandes logros xa no seu anterior cárrego á fronte do FMI.                

O caso Bankia exemplifica perfectamente as lóxicas da actual fase do capitalismo. O capital busca na súa financeirización un salto adiante para acadar novas taxas de gaño. Ao tempo, este capital financeiro debe dirixilo todo, sometendo gobernos, poñendo en pé institucións que sirvan aos seus intereses, empobrecendo as maiorías sociais, tiranizando países enteiros por calquera método ao seu alcance. Na actualidade pode dicirse que o Estado Español leva intervido, de feito, dende hai varios meses. Os organismos internacionais, voceiros todos ao servizo dese enorme poder, amósanse con toda a súa bestial crueza ditando sacrificios para os pobos, en nome dos seus santos e intocábeis intereses, pola graza de deus. Hai que subir o IVE, hai que destruír o sistema de pensións,… e o que veña! Daquela, non se debe deixar caer Bankia. A nacionalización é o método para socializar as súas perdas entre todos e todas, pero non entre os responsábeis, directos ou indirectos, que nos trouxeron á situación actual.      

Bankia recibiu até agora 4.465 M € dos fondos iniciais FROB, durante o ano 2010. Logo da súa conversión en banco e de saír a bolsa, o valor das súas accións caeu a menos da metade en tan só dez meses. A nacionalización vai supoñer proximamente que outros 19.000 millóns de euros públicos vaian tapar o furado creado nos últimos tempos. En total estamos a falar que serán 23.465.000.000 euros os que o Estado, todos e todas teñamos que asumir para resgatar esa entidade privada. Dito doutra maneira: 3.904.247.490.000 pesetas, 3,9 billóns, isto é, sete veces máis que o que supuxo a intervención de Banesto hai vinte anos. Coas achegas a Bankia e ás outras entidades financeiras que están nunha situación semellante, o estado leva xa entregados 300.000 millóns de euros de axudas públicas á banca, case seis veces a riqueza de Galiza nun ano. Socializar perdas, nacionalizar empresas en crise para sanealas e devolvelas á esfera privada a costa de enormes recursos públicos, intervención máxima do Estado para asegurar os negocios duns poucos fronte ás maiorías, condenar ao peixe pequeno pero deixar impune aos tabeiróns e aos responsábeis da creba. Esa é a lóxica dun sistema inxusto e enfermo, que fai da especulación un dos seus peares.      

Resulta evidente que coa actual crise quen está a pagar toda a desfeita son as clases traballadoras, que nada tiveron que ver coa orixe nin o desenvolvemento da mesma. Porén, os auténticos responsábeis seguen a xestionar a imposíbel saída á crise dentro das coordenadas xa sabidas. Como en Bankia, as medidas que se adoptan son simples placebos, non solucións que superen os males. Porque no fondo non se trata dun problema de mala xestión, que tamén o pode ser, senón de que o problema é o propio sistema capitalista. Son malos xestores porque xestionan este sistema.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña