23:42 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2012

A sonoridade de tales cornamusas transpórtanos sen ningún tipo de dúbidas a outros séculos, nomeadamente ao XIX e até ao XVIII

Valorizarmos o noso patrimonio: gaitas antigas e modernas

Valorar (21)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Quen acompañase algún destes contributos podería comprobar o meu interese pola música tradicional galega. Neste marco, e desde hai certo tempo, véñome interesando pola tímbrica e afinación das gaitas do século XIX e dos primordios da centuria seguinte que conseguiron chegar aos nosos días. Algunhas, quizais as máis coñecidas, áchanse no Museo de Pontevedra e pertenceron a gaiteiros oitocentistas hoxe míticos, como Manuel Vilanova de Poio (tamén artesán), Perfecto Feixoo ou Xan de Campañó. Outras, polo que comentan certas persoas que investigan eses temas, pertencen a coleccións privadas ou están en mans de particulares. Non faltan contados exemplares que, mesmo se encontrando coas súas lexítimas propietarias ou propietarios, se ven infravalorizados por estes, gardados en armarios ou até case esquecidos e amoreados, xunto con diversos obxectos sen valor, nunha caixa do faiado ou nun recanto do rocho da garaxe. Porén, a maioría deses instrumentos coñeceu un final máis dramático, xa que unha grande cantidade perdeu a batalla da conservación e da restauración. O abandono, o desleixo, o lume da lareira ou o uso con outras finalidades distintas das musicais foi un destino frecuente para esas reliquias do pasado; un ilustre artesán comentábame hai uns días que moitos gaiteiros, cando adquirían unha gaita nova ou cando recollían no obradoiro a que tiñan encarregada, tiraban co instrumento antigo mesmo nunha gabia…  

A sonoridade de tales cornamusas transpórtanos sen ningún tipo de dúbidas a outros séculos, nomeadamente ao XIX e até ao XVIII, en que nos podemos preguntar cantas veces as persoas que protagonizaron o Rexurdimento e o nacemento das reivindicacións políticas no país escoitarían algún deses instrumentos; probabelmente, o gaiteiro de Penalta, cantado por Curros, utilizase un gaita de tales características. Ancestrais, adoito coa técnica da dixitación a “man fechada”, cunha potencia sonora hoxe inusual e cunha arcaica afinación modal (non temperada) anterior á reforma da música barroca –o cal impide que dúas toquen xuntas ou con outros instrumentos–, a súa transcendencia e posta en valor como elementos de primeira orde do patrimonio musical galego, decorre, no entanto, inversamente proporcional á atención que merecen por parte dos organismos públicos. Se as altas esferas que din rexer os destinos da cultura da nación tivesen só un mínimo de sensibilidade cara ao asunto, de seguro que habían de facer todo o posíbel para que a cidadanía galega do noso tempo puidese contar con facilidades para se adentrar nuns dominios de certo tan máxicos canto pouco explorados da música tradicional da Galiza.  

Loxicamente, xa que manexar as gaitas orixinarias as podería pór en risco, as mesmas altas esferas observarían a necesidade de que houbese réplicas exactas para quen quixer pesquisar nesa tímbrica e nesa afinación; tamén posibilitarían que cada museo dos existentes no territorio (etnográfico, musical ou histórico) contase cando menos con unha desas copias cos debidos textos divulgativos; con parecidas ansias, encarregaríanse de que as cornamusas que figuran en Pontevedra e noutras institucións museísticas se encontrasen sempre nun acaído estado de conservación; e sen dúbida favorecerían que algúen se parase a traballar dunha vez en por que a música tradicional da Galiza, cantada ou instrumental, é ponderada con xusteza por musicólogos internacionais como unha das máis ricaces e interesantes da Europa, en vez de destinar diñeiro público a empresas moito menos decorosas…: no seu traballo clásico Bagpipes, dado a lume en 1960, Anthony Baines afirmaba que de todas as gaitas que coñecía e que tocaba (e son moitos tipos distribuídos polo mundo adiante!) a que máis o satisfacía era a galega.  

Acuarela (1941) Castelao - Gaiteiro

Hai certo tempo, unhas amizades e eu propio visitamos o Museo de Pontevedra coa esperanza de vermos (só vermos) eses elos musicais co pasado. Era a segunda tentativa en pouco tempo, mais os resultados foron idénticos á ocasión anterior. Primeiramente, unha empregada até cuestionou que existisen eses antigos instrumentos…, ao que o grupo de xente con que me achaba tivo de sinalar que, con efecto, estaban nas dependencias da entidade. Após constatar con algúns seus compañeiros que non mentiamos, explicou que non se encontraban expostas e que non se podían ver nin manipular, excepto que tivésemos unha autorización especial; tamén nos clarexou que “só” traballaba con elas un par de gaiteros hoxe en día moito coñecidos e que unicamente se costumaban ceder a estes dous músicos. Despois, de edificio en edificio e de responsábel en responsábel, e unha vez cuberta a solicitude que nos ofreceron para conseguirmos a antecitada licenza especial, dixéronnos que xa nos chamarían para nos daren unha resposta, quizais xa no mesmo día. Entendo que a palabra “día” tivo noutro empregado da institución un significado con seguras reminiscencias bíblicas do Antigo Testamento: se o deus hebreo acometeu a creación do mundo en apenas seis días, conforme se pode ler no libro da Xénese, tamén aínda nos debemos de encontrar dentro daquel día pontevedrés, pois, doutro xeito, non se pode percibir que hoxe, meados de maio de 2012, case dous anos despois, aínda esteamos a agardar que nos digan se podemos ver o conxunto de cornamusas alí conservado pertencente a Perfecto Feixoo.  

A situación é ben distinta noutros países que, tamén contando cunha importante tradición gaitística, non só non teñen problemas en mostraren os seus instrumentos antigos ao público, como antes favorecen que este valorice e coñeza eses aspectos tan importantes do seu respectivo patrimonio musical. Desta maneira, en termos comparativos, chama a atención como no Museo do Castelo de Edimburgo se exhibe unha gaita escocesa das Terras Altas de finais do século XIX en perfecto estado de conservación e que, conforme se pode ver na lexenda explicativa, foi utlizada en innúmeras batallas. A tal gaita figura no completísimo catálogo en rede pertencente ao “The  Bagpipe Place” (dispoñíbel en http://www.thebagpipeplace.com/museum) que recolle centos de exemplares de gaita escocesa localizados en diversas partes do mundo. Como é obvio, o valor económico dese instrumento é moito elevado, máxime a termos en conta que o torneado da madeira e o deseño non son os habituais neste tipo de cornamusas. Mais felizmente isto non parece ter importado ás persoas responsábeis do organismo, que non dubidaron en o expor para que tanto a cidadanía escocesa como o elevado número de turistas que acolle a capital de Alba puidesen contemplar a antiga gaita.  

Con todos estes pensamentos postos por escrito, fica fóra da nosa intención criticar o xeral funcionamento de entidades como o Museo de Pontevedra, máxico sitio que condensa o mellor da historia da nación. Outrosí, tamén non estamos a reivindicar que o son da gaita galega moderna deba retrotraer a súa evolución en 150 anos. Tampouco é a nosa pretensión que a afinación dos nosos tempos teña de ser esquecida pola arcaica, pois sería imposíbel a súa maridaxe con outros instrumentos. E non tencionamos defender que a tradición das cornamusas galegas deba renunciar a unha sorprendente e extraordinaria evolución desenvolvida nos últimos corenta anos, que fixo que a nosa gaita sexa admirada e imitada noutros países de forte presenza social e histórica do instrumento. Só pretendemos facer unha chamada de atención sobre a importancia que teñen eses instrumentos e no difícil acceso que ten a cidadanía a eles. Será, por acaso, tan difícil de entender?


[06-04-2016 22:16] Xosé Manuel García Paz comentou:

Non podo estar máis de acordo. Aínda que o leo catro anos tarde, este artigo sóame moi próximo, pois haberá un ano ou pouco máis, preguntei no Museo de Pontevedra se podía ver as gaitas de Feixoo, e incluso se me deixarían tomarlles as medidas para poder reproducilas. O primeiro funcionario respondeume que non sabía do tema, pero remitiume cun compañeiro que sí. Falando con este outro, comenteille eu que cría recordar que non había moito a famosa gaita de Feixoo fora tocada por Carlos Núñez, mais rápidamente me correxiu: "ése non, foi Óscar Ibáñez" (podo alegar que se parecen?). O caso foi que me dixo que non ia poder acceder á célebre colección de instrumentos a causa das obras que estaban a decorrer no museo naquelas datas, que obrigara á súa reubicación temporal sen acceso ó público. Mais tamén me animou a que presentase un formulario tipo solicitando o acceso ós instrumentos. A verdade é que xa non recordo moi ben en qué punto do proceso burocrático me din por vencido.
De tódolos xeitos, eu son da opinión de que ademáis de todo o que comentas sobre a conservación e valorización, incluso non é tánto pedir que os planos deses instrumentos sexan de dominio público, de forma que, por exemplo, non teña máis que descargalos da web do Museo de Pontevedra para poder facerme eu a miña propia réplica. Iso tamén é preservar o legado cultural.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña