09:22 Sabado, 25 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-05-2012

Falando a súa lingua o pobo fai afirmación rotunda de existencia

Novas en galego

Valorar (18)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA



“Sen discusión ningunha hai que admitir que cando un pobo chegou á creación dun instrumento orixinal de expresión, dun idioma propio, tal pobo se acha en inmellorables condicións para ser por si mesmo, sen tolerar que encol del graviten decisións alleas que poidan coutar as manifestacións ceibas da súa vontade. Falando a súa lingua o pobo en cuestión fai afirmación rotunda de existencia.”
   

Ramón Vilar Ponte    

Estas verbas do lucense Vilar Ponte son suficientemente claras e certas arredor da “cuestión da lingua”, que de novo axita un maio máis no país, aínda a forza de deixar ermos o resto dos meses. 

Moitas son as actividades que durante estes días do maio de Paz Andrade erguen a bandeira da lingua, esa que despois na maioría dos casos pasa ao sobrado e até o vindeiro ano. Heime deter nunha que creo atinada, aínda con todas as pexas que se lle queiran poñer: “Vitaminas para o galego” lanzou unha campaña implicando a medios: tv ( non hai ningunha), prensa, radio, internet; na que se pretende impulsar o emprego do idioma nos medios de comunicación e reivindicar a existencia dos mesmos na nosa lingua.    

Efectivamente é este un sector estratéxico, (diranme “coma todos” para a nosa lingua). Si pero hoxe en día os medios, as canles de información e, non só iso, senón de relación social, estanse a converter nun espello no que unha grande parte da sociedade galega se mira a cotío, e cada vez máis, xeracións máis novas, que nacen á procura de información na rede e que no futuro serán ávidas consumidoras de información nelas e nas que, polo tanto, máis ca nunca é preciso contar cunha ampla presenza en galego.    

Nos últimos anos a desfeita en canto a medios en galegos foi tremenda, tanto no papel coma en internet, debida sobre todo ao acceso do PP ao goberno da Xunta e o estrangulamento que provocou neles. Unha perda grave que nos deixaba nun ermo con efectos negativos, pois significaba un retroceso que amparaba teorías sobre escasa demanda ou resistencia perante a presión globalizadora.    

Afortunadamente houbo reacción e, pouco a pouco, fóronse recuperando posicións, fundamentalmente nos medios vinculados ás novas tecnoloxías. Velaí por exemplo,  que a recente aparición de Sermos Galiza, represente a necesaria pantalla en galego e contraste informativo por un tempo perdidos, pero que nese lapso se demostrou imprescindibles.    

O espello que antes dicía son os medios para a sociedade, devolve  maioritariamente imaxe en castelán, imaxe ficticia dunha vida que se desenvolve en galego pero que logo os mass media traducen a manchego.    

Velaí que me parece atinada a iniciativa de Vitaminas para o galego e alegra ver 29 medios do país comprometidos coa lingua. Aínda crendo que a cantidade non o é todo, si que reconforta ver cifras que avalan que hai futuro e que algún día a construción non conseguida polo nacionalismo galego dun medio propio para todo se faga realidade.      


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña