11:38 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-05-2012

O dereito á protección da saúde está recoñecido no artigo 43.1 da mesma Constitución, que se inclúe, como ben sabemos, dentro do Título Primeiro

Perniciosas reformas nos servizos sanitarios

Valorar (15)

EDUARDO ÁLVAREZ



En cumprimento da obriga que teñen os poderes públicos de xestionar do xeito máis eficiente as capacidades do sistema, débese garantir […] a protección da saúde  mantendo, con base no financiamento público, a universalidade e a gratuidade dos servizos sanitarios
. Estas palabras pertencen, vaia sarcasmo!, á exposición de motivos do Real Decreto-Lei 16/2012, de 20 de abril, aprobado polo Consello de ministros ese mesmo día, que leva por epígrafe, vaia sarcasmo tamén!, de medidas urxentes para garantir a substentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións.  

Unha norma xurídica con forza de lei, da que se anuncia como obxectivo mellorar a calidade e a seguridade das prestacións e que afirma garantir a universalidade e a gratuidade dos servizos sanitarios, de seguido, no seu articulado, priva do dereito á atención sanitaria os máis desfavorecidos da sociedade e implanta un sistema de repagamento de determinadas prestacións sanitarias e farmacéuticas. Afirma o Goberno reforzar con estas medidas o Estado do benestar e simultaneamente procede ao derrubamento dun dos seus máis rexos piares.  

En primeiro lugar, o Goberno recorre ao uso do decreto lei para introducir reformas no sistema de prestacións sanitarias de forma inconstitucional, pois este tipo de normas, segundo indica o artigo 86 da Constitución, só son procedentes en casos de extraordinaria e urxente necesidade e tampouco non poden afectar os dereitos, deberes e liberdades dos cidadáns regulados no seu Título Primeiro. O dereito á protección da saúde está recoñecido no artigo 43.1 da mesma Constitución, que se inclúe, como ben sabemos, dentro do Título Primeiro. Ula a urxente necesidade dunha norma que, entrando en vigor o día 24 de abril, coincidindo co da data da súa publicación no BOE, contén disposicións que comezarán a seren aplicadas a partir do día 1 de setembro, isto é, máis de catro meses despois?  

O mesmo artigo 43 da Constitución, no seu apartado segundo, proclama que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios. A Lei estabelecerá os dereitos e deberes de todos respecto disto. Fixémonos na literalidade deste texto. En primeiro lugar encarga este mandato constitucional aos poderes públicos directamente: o deber de protexer a saúde pública coas medidas preventivas necesarias ofrecendo a todos os cidadáns as prestacións e os servizos necesarios para acadar este cometido. Xa desde os seus comezos, o Real Decreto-lei elimina o concepto de cidadanía sanitaria común e igual para todos ignorando, en primeiro lugar, a Disposición Adicional Sexta da Lei 33/2011 sobre universalización da sanidade aos cidadáns españois residentes no Estado, e modificando, logo, o artigo 12 da Lei orgánica 4/2004, coñecida coloquialmente como lei de estranxeiría. En virtude da nova redacción desta última lei fican fóra do acceso á sanidade pública os inmigrantes sen papeis, que xa non terán cobertura sanitaria nas mesmas condicións que os españois. Negarlles as prestacións sanitarias aos inmigrantes é cruel e inhumano e constitúe unha mostra do máis rancio populismo xenófobo. Coa desculpa de aforrar uns euros nos gastos ocasionados na atención primaria destas persoas, o sistema de saúde vaise resentir gravemente. A razón da gratuidade dos servizos sanitarios non só obedece á atención de cada un dos individuos que integran a sociedade senón tamén a motivos distributivos e á presenza das denominadas en Economía externalidades ou efectos externos. Da mesma interpretación do artigo 43 da Constitución se desprende que o dereito á prestación sanitaria se presenta nunha dobre vertente: a saúde pública, que ten como finalidade conservar e preservar a saúde da colectividade, e a asistencia sanitaria, referida á vertente individualizada.  

Na inversión sanitaria de carácter preventivo, mal chamada gasto, a presenza de efectos externos resulta decisiva e, por esta razón, as prestacións deben ser totalmente gratuítas para todos os cidadáns. A prevención das enfermidades, algunhas delas altamente contaxiosas, para toda a sociedade convértese nunha mellora que beneficia, ao cabo, a todos, a non ser que pensemos, como se recoñeceu recentemente desde o FMI, que o incremento da esperanza de vida constitúe un grave risco económico que pode ocasionar a quebra do sistema de pensións.  

Mesmo desde unha consideración redistributiva dos bens públicos preferentes, entre os que se encontra a atención sanitaria, o Goberno, coa exclusión de determinados colectivos, opera de xeito totalmente contrario a como debería proceder. Se a finalidade do gasto sanitario se considera de carácter redistributivo, resulta aberrante pretender que os cidadáns máis necesitados de recursos sexan privados dun ben esencial como a atención sanitaria.  

O Real Decreto afecta a moitos aspectos da asistencia farmacéutica. Entre eles, o máis grave, consiste na introdución do pagamento por primeira vez no sistema sanitario para os xubilados. Con esta modificación, as pensións galegas, que son xa as máis baixas do Estado, sofren un grave recorte nestes momentos de crise en que, en moitos fogares, serven de axuda a familiares en situación de desemprego. Porque, se ben é certo que o Real Decreto Lei estabelece topes mensuais nos repagamentos segundo tres tramos de renda, tamén o é que os doentes terán que pagar primeiro na farmacia e pedir logo o reintegro ao SERGAS das cantidades satisfeitas que superen o tope que lles corresponda segundo o seu nivel de renda.  

Ah! Unha curiosa e sarcástica anécdota final deste Real Decreto consiste en que introduce unha medida de aparente equidade fiscal e de política redistributiva ao recoller que os usuarios do sistema público cuxa renda sexa igual ou superior a 100.000 euros paguen un 60 por cento do prezo dos medicamentos. De existir algún usuario ou beneficiario da sanidade pública que, gozando desta elevada renda, acudise a unha farmacia na procura dun medicamento que se expedise ao prezo de dez euros, pagaría seis por el. Pola contra, un dos tantos pensionistas cuxa renda fose de 6.000 euros tería que pagar un euro. É dicir, o primeiro paga seis veces máis que o segundo polo medicamento. Ah, mais a renda de un non é seis veces superior, senón exactamente 16,66 veces. Así cumpre o Goberno o mandato constitucional que proclama que todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade (Art. 31.1 CE).


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña