23:42 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-04-2012

(lenda africana)

Mandele Mandele Mandele

Valorar (15)

CARLOS NEGRO


É o tempo das chuvias, é o tempo das chuvias, cantan as ras na lagoa das árbores con follas bolboreta.

O pai Okavango, o grande río, fai florecer unha vez máis os estensos bosques de mopane.

O pai Okavango, o grande río que nunca ve o mar, fillo de Xaxaba, o manancial do que abrollan as augas profundas nos cumes do norte.

Esta é a terra de Kubu, o irmán hipopótamo.

Esta é a terra de Thulwa, a alta xirafa.

Esta é a terra de Nare, o búfalo negro.

Esta é a terra de Pitse Ya Naga, a pequena cebra, e de Mokabayane, o antílope que chouta lixeiro.

Esta tamén foi a terra de Tshukudu, o rinoceronte de corno branco, aquel que xa non corre sobre a herba.

Eu son a voz de Tlou: o trono que retumba cando pisa, o corpo que fai sombra de baobab nos soños dos setsuane.

Eu son a voz de Tlou, o mastodonte: aquel que axita o aire coas orellas, aquel que fai nacer a chuvia da súa trompa.

Eu son a voz de Tlou, o paquidermo:  sesenta veces secou a terra que piso;  sesenta veces enchoupouse de novo.

Aquí habito desde os tempos en que Kori, a avutarda de longo pescozo, tomou posesión das ribeiras do Okavango.

Vou vello; axiña emprenderei a viaxe que remata no lugar sen nome, máis alá das dunas vermellas do Kgalagadi, na gándara da Grande Sede, alí onde todos os corpos fican reducidos a calcio e poeira.

Vou vello: mais aínda son carne e marfil, pulmón e sangue, memoria hervíbora da terra que tripo.

Eu son Natureza.

Eu son Continente.

Eu son Elefante.

De súpeto, axítanse os babuínos.

De súpeto, Nthsu, a aguia branca, advirte co seu voo do perigo.  

Mandele, mandele, mandele!

Outra vez a tribo de pel pálida, os fillos da Lúa, aqueles que nunca se deteñen a escoitar o rechouchío dos paxaros nos sicomoros.

Ruídos que non emanan da terra: metálicos, mecánicos, feroces.

De súpeto, un estrondo.

Unha lanza invisible que estoupa e que abrasa.

O corpo cambalea, montaña que retumba e se derruba.

De súpeto, a noite nos ollos.

Alguén lonxe, un vellote torpe, co sorriso torto do cazador, fai acenos de triúnfo.

Cheira a home branco no esplendor do Okavango.


[29-04-2012 21:05] Barbanzón comentou:

Moi bo, gustoume moito. A miña curiosidade obrígame a preguntar: Carlos Negro coñece África ou é froito do seu maxén e da súa investigación?
Norabao en calquera caso.

[29-04-2012 17:39] Lamas comentou:

Magnífico! Que contraexemplo elocuente para o que está a se pasar! Parabéns a Carlos Negro

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña