17:54 Mércores, 25 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-04-2010

Logo da Manifestación en defensa do Astano o pasado día 27, vese que a sociedade comarcal mobilízase cando somos quen de fixar obxectivos claros e de acreditar nas propias capacidades

Sindicalismo estatal, cabalo de troia en Ferrolterra

Valorar (10)

FERNANDO BRANCO PARGA


Cartel da pasada manifestación celebrada o pasado 27 de marzo en Ferrol


Tense explicado moitas veces a penalización que, por motivos políticos, aplicaron diferentes gobernos do Estado, tanto PSOE como PP, nun sector estratéxico como é a construción naval civil de Fene. Un proceso que dura xa máis de 25 anos, e que nunca se tivese levado a cabo sen a complicidade activa do sindicalismo estatal. Primeiro, coa sinatura de diferentes Acordos (o último no ano 2004, onde concretaron e cuantificaron a destrución de emprego)  e logo, para xustificar e edulcorar as consecuencias, co anuncio de pantasmais Planos de reindustrialización que prometían un futuro de diversificación e xeración de novos postos de traballo.

En definitiva, o mecanismo sempre foi semellante: concretar en tempo real a perda de emprego e deixar para o futuro as compensacións, que nunca chegaron. Por iso, cando tanto falan de diversificación, bótase de menos que cambien os seus mecanismos de narcotización social e que, cando menos, "diversifiquen" algún día o seu particular agasallo de reindustrialización, o seu particular "cabalo de troia".

Nestes anos, desde a primeira reconversión naval, tivemos na Comarca a ZUR (zona de urxente reindustrialización), ZID (zona industrial en declive), ZPE (zona de promoción económica), Plan Especial para Ferrol e a súa Comarca, Miner Reindustrialización e, agora, temos o Plan Ferrol. Este último instrumento foi impulsado polo PSOE, co apoio e a participación de todos os sindicatos - tamén por certo, e ao noso pesar, da CIG comarcal - e prometía a creación de 4.000 postos de traballo. Contrariamente, catro anos despois, a Comarca ten 4.000 persoas máis en paro.

Agora, desde o Goberno da Xunta, e logo de ser críticos nos últimos tres anos, o PP tamén apoia este Plan e, mais unha vez, anúnciase o creación de 1.000 postos de traballo; iso si, sen que exista ningún compromiso orzamentario e ¡¡tatachin, tatachin!! os sindicatos apóntanse de novo a esta versión "remasterizada" do enésimo Plan.

A maiores, estas organizacións sindicais que foron tan combativas contra a Manifestación realizada o sábado 27 de marzo, en defensa do sector naval e polo levantamento do veto a Astano, que estiveron máis de dúas semanas enviando artigos de opinión á prensa comarcal, chamando a non asistir, e mesmo repartiron comunicados na porta da Bazán - baixo a falsa escusa de que pedir o levantamento do veto leva implícito a privatización do estaleiro - tragan  agora acriticamente con este novo anuncio dun futuro prometedor por parte do Goberno de quenda.

Organizacións que hai anos que xa deixaron o seu papel de  dinamización social e, hoxe dun xeito consciente, traballan para frear calquera actuación de reivindicación social que cuestione a destrución industrial; nunha Comarca onde temos unha cifras de paro e de perda de poboación moza que resultan dramáticas.

No que ten a ver coa CIG, aínda que hoxe un sector da súa dirección comarcal xa cuestiona abertamente esta política de apoio aos pantasmais instrumentos que o españolismo espalla na Comarca, existe aínda unha inercia de seguidismo ao sindicalismo estatal que, por moito que o vistan de radical e con simboloxía do País, non deixa de ser abertamente reaccionario e colaboracionista.

Por iso, se o nacionalismo quer rachar con esta esperpéntica situación ten que determinar abertamente cal é o papel de cada axente social na Comarca, e seguir pensando en alianzas con certas prácticas sindicais é pouco menos que acreditar na existencia dos Reis Magos.

Por certo, logo da Manifestación en defensa do Astano o pasado día 27, vese que a sociedade comarcal mobilízase cando somos quen de fixar obxectivos claros e de acreditar nas propias capacidades. Por aí temos que comezar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña