14:34 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2012

Endurecemento da posición máis reaccionarias, con semellanzas coa expansión na década pasada das ideas neoliberais

A nova dereita

Valorar (6)

ANDRÉ ABAL MAURICIO



Se algo se pode adiantar das elección francesas, antes incluso da celebración da segunda volta das presidenciais e independentemente do resultado acadado é a consolidación da progresiva radicalización da dereita e un mimetismo cada vez maior coas teses da extrema dereita cando menos en Europa, con certos símiles pero tamén con matices no tocante a Estados Unidos, pioneiro se cabe na conxugación destas dúas vertentes.

No caso francés xa durante a maior parte do seu mandato Sarkozy e a UMP racharon determinadas liñas vermellas da V República, como a aparición da relixión coma peza fundamental da identidade nacional francesa ou o desigual trato dado aos estudantes de diferentes zonas do país, como amosou un estudo publicado por Le Monde no que se concluíu que o gasto do Estado nun estudante parisino era un 47% superior ao gasto nun estudante das banlieue, os barrios periféricos das grandes cidades, onde nun dos situados a beira de París desatáronse no 2005 unha serie de violentos disturbios que se estenderon por todo o país, trala morte de dous rapaces árabes nun destes barrios escapando da policía e as posteriores declaración do entón ministro do Interior, Nicolás Sarkozy, denominando “lixo” aos finados.

Esta deriva, na que tamén se podería incluí-la proposta dun exame para os inmigrantes, ou as recentes conversacións con Alemaña para desactiva-lo tratado de Schengen, que remata coas fronteiras estatais dos países que asinaron e unifica os criterios de entrada ao territorio común; precisamente polo feito dende o control do estado xa non podería explicarse este feito só dende una perspectiva electoral, sen esquecer que sen ser determinante na política practicada si modula a mensaxe e tamén o seu electorado, cando máis partindo –coma no caso de Sarkozy- nunha posición de desvantaxe, cun candidato cunha mala percepción cidadá, e desacreditado para o centro pola súa actuación política, que entende un xiro a dereita como o único caladoiro de votos posíbel, tamén o acontecido nos atentados de Toulouse o mes pasado serviu para reforzar por una banda a posición de home forte do Estado e pola outra para situar os islamistas baixo os focos, reforzando a mensaxe de identidade nacional interrelacionada coa relixiosa que comparte ca Fronte Nacional de Marine Le Pen.

Este endurecemento da posición máis reaccionarias, con semellanzas coa expansión na década pasada das ideas neoliberais distínguese na cada vez menor moderación das teses e propostas, inclusive nas trasladadas directamente a poboación xeral nos diferentes ámbitos; non e difícil distinguir no caso do estado español a perda cada vez maior que abrangue a conquistas sociais que ate fai ben pouco semellaban intocábeis, con especial incidencia nos traballadores e en grupos específicos coma os inmigrantes, que viron días atrás como se lles excluía dunha sanidade en teoría pública, igual que aos mozos de máis de 26 anos que non cotizaran. Ou as propostas do PP para regula-la liberdade de reunión e considerar a resistencia pacífica como atentado a autoridade, tentado amedrenta-lo pobo para non denuncia-los efectos sociais dos plans económicos dos mercados. Esta nova política ten o seu mellor reflexo na páxina web impulsada pola Generalitat de Catalunya, que pasa por riba da presunción de inocencia e dos dereitos de imaxe e privacidade dos cidadáns publicando as fotografías de supostos implicados en altercados nas manifestacións durante a folga xeral en Barcelona para pedir información sobre eles.

Pola outra parte, o Fondo Monetario Internacional alerta do problema económico que supón o aumento da vida media dos seres humanos, chamando a reducir e privatizar pensións, iso si, contribuíndo máis a elas, así como aumenta-la idade de xubilación, ameazando con que de non tomarse medidas o respecto poderá supor un colapso económico no futuro e maior volatilidades nos mercados, en definitiva, considerando explicitamente a lonxevidade como un “risco financeiro” para gobernos e empresas privadas do sector.

Todos estes elementos, que semellan una caste de abeiro a desesperada agardando que escampe a crise de lexitimidade do sistema de organización político provocado pola crise económica e a consecuente incidencia no aumento da desigualdade socioeconómica e o que é máis importante, da percepción da mesma, confirmando ate dende a perspectiva dos estudos capitalistas a vixencia da loita de clases.

Esta eiva, confirmada polas políticas asumidas por estes gobernos poñendo a crise e a mesma supervivencia do sistema xa no centro do debate coma xustificación para por en marcha toda esta batería de medidas abre para a dereita, incluso dentro da excepcionalidade cíclica deste momento económico, a posibilidade de trocar as tornas e introducir en base a radicalización da súa mensaxe cara os votantes un novo status quo que no social destrúa os avances que ate no interior da democracia burguesa supuxo o Estado do Benestar, convertido baixo o paradigma da crise económica nun obstáculo para recupera-lo crecemento económico, cando máis a pasada semana recoñeceuse que o Reino Unido igual que o estado español entraron en recesión, no caso español a primeira vez que acontece dúas veces en tan pouco tempo dende a Guerra Civil.

O conxunto de circunstancias que seguen tentando tirar o centro político cara a dereita esixen da esquerda a adopción de medidas conxuntas que permitan canalizar politicamente as consecuencias inevitábeis a nivel social dos recortes que sufre toda Europa, e limitar o efecto expansivo da dereita no continente. Hai que ter en conta asemade que se ben semella anunciada a chegada do socialista François Hollando ao Palacio do Elíseo, non se debe esquezer que no mellor dos casos é o primeiro paso para rachar esta hexemonía no poder, pero non vai supor de non converterse en acicate da recuperación cando menos relativa do peso activo do discurso de esquerda a transformación que con cada vez máis urxencia precisa a Europa dos pobos.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña