14:20 Martes, 21 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-04-2010

O precedente a unha medida deste tipo haina que buscar no ano 1995 tamén co PSOE á fronte do goberno do estado

A suba do IVE: A auténtica faciana do zapaterismo

Valorar (41)

RUBÉN CELA DÍAZ



Vivimos nunha sociedade narcotizada ideoloxicamente na que, moitas veces, prima a imaxe, os xestos e as formas sobre o fondo, sobre as consecuencias prácticas dunha política ou doutra. Ideoloxías, moitas veces descafeinadas, que non lle quiten o sono ao statu quo e que na práctica permitan unha alternancia con cambios en cousas -que non son secundarias- pero con idénticas prácticas, en moitas outras cuestións que son capitais para as condicións de vida material da maioría da sociedade (mellor nin falar da visión da configuración territorial do estado onde resulta evidente a coincidencia estratéxica do PSOE e do PP).

Se preguntásemos na rúa se son de "dereitas" ou "esquerdas", medidas como, a legalización do matrimonio homosexual, o aborto ou a eutanasia, a defensa dunha sanidade pública ou un ensino laico, ninguén tería dúbidas. Se preguntásemos novamente por medidas como o abaratamento do despedimento, a privatización de servizos públicos, a defensa do modelo de familia tradicional cristiá, etc. Tampouco terían dúbidas. Sen embargo, existen outras medidas, posibelmente menos "visuais" que nos afectan ao 100% dos cidadáns e cidadás, e que non teñen ese grao de identificación: é "progresista" ou o contrario liberar unha peaxe con fondos públicos? é "progresista" ou reaccionario suprimir o imposto de patrimonio ou transmisións?, é positiva ou negativa para o conxunto da sociedade a suba do IVE?, etc..

Quixera centrarme, pola súa importancia e actualidade, na última das preguntas.

Nos últimos anos, asistimos ao desplome da recadación pública como consecuencia da recesión: menos consumo, menos renda, menos beneficio empresarial... conducen a menores ingresos a través dos impostos directos e indirectos, o IRPF, o Imposto de Sociedades, etc. Ao tempo, o gasto público se dispara con medidas -supostamente- de reactivación da economía e de prestacións sociais (fundamentalmente as prestacións por desemprego).

Ante esta situación, o PSOE, desde o goberno do estado, entende que para encauzar o déficit no menor prazo posíbel (o pacto de estabilidade obriga a todos os membros da UE a ter en 2013 un déficit do 3%) debe subir o IVE, un imposto que, como todo o mundo sabe, se aplica sobre todo producto e servizo. Esa suba entrará en vigor no vindeiro mes de xullo e concretarase en que o IVE xeral* pasará do 16% ao 18% (un incremento nada máis e nada menos que do 12,5%, xa nos gustaría un incremento tan alegre nos nosos salarios...). O IVE reducido* farao do 7% ao 8% (un incremento porcentual maior co anterior, en contra do que pensa moita xente, en concreto un 14,2%). O súper-reducido* manterase igual, no 4%. Con esta medida, o goberno español, pretende recadar 5.150 millóns de euros máis entre 2010 e 2011. A maioría dentro de dous anos, xa que a medida entrará en vigor o 1 de xullo de 2010 e na práctica por exemplo, só terá efectos a nivel empresarial na declaración que presenten as empresas no último trimestre de 2010.

O precedente a unha medida deste tipo haina que buscar no ano 1995 tamén co PSOE á fronte do goberno do estado. Entón foi Pedro Solbes quen eliminou o tipo incrementado (28%) que gravaba os productos de luxo, e subiu un punto o tipo medio (ate o 16%), o reducido (ao 7%) e o superreducido (ao 4%), situación que se manterá ate o xullo deste ano.

O goberno de Zapatero non aproba unha medida deste tipo e coa trascendencia electoral que ten "á lixeira", sobre todo se temos en conta o feito de estar inmersos nunha profunda recesión como a actual, ás portas dunhas eleccións en Catalunya -onde o PSOE se xoga moito- e dunhas eleccións municipais, a menos dun ano, onde aínda se xoga máis. Faino porque, segundo di, entende que é o mellor xeito para reducir o déficit público español e aproveitar esa reducción do déficit para financiar os gastos sociais producidos pola crise e as medidas para superala.

Por outra banda, o PSOE apoia a súa posición na situación dos países da nosa contorna, onde a pesares de que fundamentalmente están apostando por outro tipo de medidas máis que por mudanzas tributarias, entende que a presión fiscal no estado español é máis baixa ca media europea: está no 30,3% antes da suba, fronte ao 40% de media da UE e en particular, o estado español ten un IVE máis baixo co resto, que se moven entre o 19% e o 21%: Alemaña 19%, Franza 19.6%, Italia 20%, Portugal 20%, etc.

Onde radica o problema? Desde o meu punto de vista, en cinco cuestións esenciais:

1. O déficit non é problema, é a consecuencia do problema

O déficit non é a causa da crise senón a consecuencia da mesma. Se se quer dar solucións a longo prazo hai que atacar o problema de raíz e non ás súas consecuencias e desde logo, unha vez que o mal está feito, o que é un disparate e seguir ao dedillo os dictames do catecismo neoliberal que precisamente nos conduciron a este punto. A loita contra o déficit público non é panacea, e desde logo non se debe acometer a calquera prezo.

Non é moi razoábel, e desde logo non é xusto, que a solución a un defécit público causado por unha crise motivada pola desregulación, a corrupción, a codicia sen límite e a especulación salvaxe do capital financeiro a rematen pagando, unha vez máis, non os seus causantes, senón as súas víctimas: as e os traballadores e os segmentos sociais máis desprotexidos.

2. Sóbese un imposto directo

Son dúas as razóns que normalmente emprega o goberno español para xustificar a elección do IVE como imposto a incrementar: simplicidade e velocidade de implementación. En calquera caso, se o obxectivo do goberno é unha maior recadación tributaria para suplir o déficit público, existen diferentes xeitos de acadalo, dependendo sobre quen queremos que recaia a maior carga á hora de pagar, e desde logo non é a máis "progresista" a vía de subir o IVE. Existen outras alternativas tributarias (ademais dun verdadeiro control e loita contra as enormes e crecentes bolsas de fraude fiscal, economía somerxida e evasión a través dos paraísos fiscais) como reformar o IRPF incrementando o seu carácter progresivo e dando o mesmo tratamento ás rendas do aforro que ás do traballo, crear un imposto que grave as altas fortunas e os elevados patrimonios, modificar o IVE de xeito que se reduza o tipo impositivo de bens e servizos de primeira necesidade, reconstituír o imposto sobre o patrimonio que grave aos que máis posúan, aplicar outro tipo de imposto para as SICAV, outro tipo de cambios en impostos directos en persoas físicas e xurídicas con máis capacidade recadatoria, etc.

Ademais, se ben é certo que existen múltiples estudos que sinalan que é factíbel aumentar a recadación vía IVE sen afectar negativamente á progresividade sempre e cando se elixan ben os bens que aumentan o seu tipo impositivo, o que propón o goberno español é un incremento -na práctica- indiscriminado no tipo xeral e no reducido sen ter en conta as consecuencias en termos redistributivos. Non fai falta ser economista para entender que non é o mesmo aumentar o tipo reducido para a vivenda nova que para a importación de bens artísticos ou subir o tipo normal para iates que para a compra dun teléfono móbil.

O IVE non ten en conta a capacidade económica do contribuínte. Son os fogares con menores niveis de renda os que adican a práctica totalidade dos seus ingresos ao consumo, mentres que a medida que medran os ingresos dos fogares a súa capacidade de aforro e inversión é maior. Segundo os últimos datos da "Enquisa de Orzamentos Familiares" os fogares con menor renda destinan o 79.87% do seu gasto en adquisición de bens de consumo. Só a modo de exemplo, as eléctricas, as gasistas, as petroleiras repercutirán enteiramente sobre o consumidor a suba do IVE en xullo aos prezos da luz, o gas, o butano e ás gasolinas. En definitiva, os aumentos do IVE van ter un impacto maior sobre a poboación máis pobre e de maior idade, o que evidencia o carácter regresivo desta medida. No caso dos xubilados e das xubiladas, o IVE é unha parte moito maior da súa carga fiscal total que para os fogares que traballan e que teñen que pagar tamén impostos sobre o traballo, é dicir as e os pensionistas adican practicamente todos os seus ingresos ao consumo, polo que se sube o IVE son os máis prexudicados.

Resulta evidente a diferenza entre como lle repercutirá esta suba do IVE ás persoas que xa remataron a súa prestación por desemprego, ás persoas familias que subsisten co que cobran do paro ou dunha pensión non contributiva, como nos afectan ao conxunto dos traballadores/as de Galiza e como lle repercute esta suba do IVE a Amancio Ortega, Jove, Rosalía Mera, a Tojeiro a Botín, ás Koplowitz, Francisco González, Florentino Pérez,... etc. que ademais das súas inmensas fortunas, por suposto constituíron para as súas inversións SICAVs que seguen a tributar ao 1% os seus beneficios e incrementos patrimoniais.

3. Suba xeralizada dos prezos finais

Apesares das declaracións do goberno sobre que o incremento só afectara a unha cuarta parte dos productos, existen múltiples voces que opinan o contrario, entre outras a da OCU que segundo un estudo propio afirma que a suba do IVE vai supor unha media de 290 euros máis de gasto por persoa polos mesmos productos e servizos.

Á marxe de polémicas estériles sobre os datos que manexa cada quen, é lóxico pensar que, cando menos, unha parte fundamental desta suba do IVE vai incrementar os prezos finais dos productos e servizos xa que non serán os empresarios quen a rebaixen do seu beneficio industrial. Ademais, non sería raro que se aproveite para redondear os prezos á alza a partires de xullo. Á marxe dese hipotético redondeo que se poda crear nos axustes das tarifas, os incrementos de custos ao longo da cadea de producción poden ser latentes desde o cambio do IVE. En concreto:

- Os productos agrícolas adquiridos directamente polos labregos repercuten a un IVE compensatorio para os propios labregos. Este IVE compensatorio sobe no alza do IVE e trasládase a súa deducibilidade só ao intermediario.

- No caso do sector do transporte, os incrementos do IVE ao tipo xeral provoca que o distribuidor final vexa como se encarecen os seus custos nun 2%.

- O IVE en recargo de equivalencia é un método de cálculo que se aplica a case todo o comercio minorista, obrigando a pagar unha cuantía fixa de IVE nas adquisicións, impide a súa deducción e por tanto, todo o IVE soportado incrementa o prezo.

- Actividades con exención limitada de IVE. Son aquelas actividades que non repercuten IVE nos seus servizos, se non en todos en parte. Por exemplo, servizos sanitarios, ensino, seguros e algúns servizos financeiros. Nesta liña estas actividades incrementan custes, dado que son destinatarios finais do IVE, pero elementos intermedios na cadea de distribución.

É previsíbel que de aquí ate o verán vexamos múltiples exemplos de "marketing do IVE" para facer crer ás consumidoras e aos consumidores que os prezos non suben, que se segue vendendo ao mesmo nivel de prezos que en xuño e que a suba impositiva se reflexará contra a cota de resultados do último intermediario, sen embargo, moitas empresas comezan xa agora a elevar os prezos gradualmente para que o aterraxe en xullo sexa suave ou neutro. Outra táctica que se pode pór en marcha por parte das empresas de fabricación e distribución tan sinxela como reducir a cantidade do producto mantendo o prezo.

4. Posíbel freado do consumo

É esperábel que a suba do IVE se traslade de xeito case que íntegro aos prezos como vimos de comentar. É previsíbel unha diminución da renda real no caso de moitas familias, co perigo de que esta circunstancia free o consumo xusto nun momento no que se require o seu despegue. Esta reforma impositiva afectaría de xeito máis agudo aos autónomos e pequenos empresarios que van ter máis problemas para repercutir directamente o IVE aos usuarios e usuarias e manter a carteira de clientes

O que está claro é que se a día de hoxe hai moitas familias en Galiza que o teñen moi complicado para chegar ate final de mes, a partires de xullo, terano máis costa a arriba e terán que seguir axustando, aínda máis, as súas pautas de consumo.

5. Aumento do fraude fiscal.

Tres organismo oficiais: o Instituto de Crédito Oficial, o Consello Económico e Social e o Instituto de Estudos Fiscais estimaron hai xa algún tempo que a economía somerxida situábase en torno ao 20% do PIB, pero no dous últimos anos de información dispoñíbel dá indicios dun medre sostido a respecto deses niveis. En concreto, sinálase que o aumento da demanda de billetes de 500 euros sería a proba de algodón do medre do diñeiro negro...

A priori todo invita a pensar que esta nova suba do IVE vai favorecer o incumprimento das obrigas fiscais. Por unha banda, a experiencia ten amosado que as subas impositivas en procesos recesivos alimentan o fraude fiscal e por outra banda, hai dúbidas razoábeis de que a Axencia Tributaria conte co suficiente impulso político, económico e humano para combater estas ilegalidades nuns intres nos que as empresas e os fogares están sufrindo importante problemas económicos. Tan só hai que analizar o aumento de aprazamentos das débedas tributarias. A organización profesional de Inspectores de Facenda do Estado asegura que veñen observando desde hai meses un importante incremento da defraudación do IVE (e tamén do Imposto de Sociedades), a través de facturas falsas, en moitas ocasións orixinadas polo emprego abusivo do réxime de módulos, o que pon de manifesto que o IVE é un dos impostos cunha recadación máis sensíbel á defraudación. "A falta de honradez e de conciencia cívica, a presión fiscal excesiva, a ineficiencia da loita contra o fraude ou a inadecuación dos impostos á oferta pública de servizos e prestacións" son as principais causas que a cidadanía normalmente imputa ao fraude fiscal. Historicamente o IVE é o tributo con maior nivel de fraude, non só no estado español. Nun informe aprobado polo Parlamento Europeo estimábase que o volume de fraude en operacións intracomunitarias situábase entre 200.000 e 250.000 millóns de euros, unhas cifras que practicamente duplican os cálculos de catro anos atrás. No caso do estado, chama a "atención" que caia a recadación por IVE de xeito moito máis intensa do que o PIB, o cal é, a priori, algo incoherente. En 2008 a recadación bruta por operacións interiores caeu un 9%,cando o PIB medrou en media anula un 0.9%

En definitiva, a crise pagarémola todos, pero uns máis ca outros e non o serán precisamente os seus responsábeis.

Anexo: Os diferentes tipos de IVE a partires de xullo de 2010:

- Superreducido (4%)

Aplícase a produtos de primeira necesidade (pan común, masa de pan conxelada, leite, queixo, ovos, froitas, hortalizas, legumes e tubérculos. Libros, revistas e xornais. Material escolar, salvo produtos electrónicos, medicamentos para uso humano. Vehículos para minusválidos. Prótesis, ortesis e implantes, Vivendas de protección oficial.

- Reducido (8%)

Alimentos en xeral, salvo os que tributan por ao tipo reducido; bebidas refrescantes; animais destinados ao consumo humano e reproductores; bens empregados en actividades agrícolas, gandeiras ou forestais, como sementes ou fertilizantes. Aparellos como lentes graduadas, lentillas, elevadores para minusválidos e para o diagnóstico de enfermidades. Asistencia sanitaria, servizos dentais. Importacións de obxectos de arte, antigüidades. Servizos de perruquería. Entrega de vivendas, incluídos garaxes e anexos. Construcción de vivendas (entre promotor e contratista). Servizos prestados por artistas e técnicos. Servizos de asistencia social. Serbios deportivos. Servizos culturais e recreativos, exposicións e feiras. Servizos funerarios. Hostalaría e restauración, limpeza en vías e xardíns públicos e recollida de lixo. Transporte de viaxeiros e de utilización de autoestradas.

-Tipo xeral (18%)

Afecta a todo o resto de productos e servizos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña