03:28 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2012

Unha fonda fenda agrandou as diverxencias entre o núcleo ou estados centrais, representado por Alemaña e os territorios da banana europea, e a periferia

Saír do euro para saír da crise

Valorar (60)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



A crise que afecta a zona euro ten dúas causas principais. A primeira é a grande turbulencia iniciada a altura de 2007 e que pronto se tornou en recesión mundial, algo que emparenta coa financierización como resposta á tendencia ao estancamento que caracteriza ao capitalismo maduro. Atopámonos así ante unha nova fase da crise do capitalismo monopolista, só existente na súa versión financierizada, e que estaría indicando o auxe e a hexemonía  do capital diñeiro e a transformación simultánea das economías capitalistas maduras. A segunda causa da crise atopase na culminación dos perfís estruturais no interior da zona euro. Unha fonda fenda agrandou as diverxencias entre o núcleo ou estados centrais, representado por Alemaña e os territorios da banana europea, e a periferia, que podemos considerar formada entre outros por Grecia, Portugal ou o Estado Español.Esta división visualizase nunha progresiva perdida de competitividade da periferia fronte ao núcleo que supón un déficit sistemático na conta corrente desta e de xeito complementario, un superávit igualmente sistemático na conta corrente dos estados centrais.Xa que logo o estoupido da inestabilidade xeneralizada a finais de 2009 é a expresión dos profundos desigualdades na zona euro.

A crise da zona euro é en primeira instancia unha crise de débeda. Os mercados financeiros víronse enturbados desde finais de 2009 polas presións derivadas da extraordinaria acumulación da débeda dos  países  periféricos da área, débeda que é resultado do desequilibrio nas relacións económicas entre a zona central e a súa periferia. Os estados periféricos sumíronse na débeda, publica e privada, interna e externa, a medida que perderon competitividade en relación co núcleo. Agora ben, a débeda tamén é consecuencia do rápido avance da financierización dos estados periféricos, un proceso que ten reflexo no crecemento do sector financeiro e na expansión do endebedamento de empresas e familias. A débeda pública, finalmente, comezou a incrementarse de xeito acelerado, unha vez que se iniciou a recesión de 2008/2009. Independentemente da súa orixe, a débeda ten unha lóxica propia que determinou o desenvolvemento da crise, xa que puxo en cuestión a solvencia do sistema financeiro, pola exposición da banca dos estados centrais a periferia pero tamén polos problemas de financiamento aos que tiveron que facer fronte. En consecuencia, ao converterse a crise  da débeda nunha ameaza para a banca, as autoridades da eurozona elaboraron os paquete de medidas extraordinarias de intervención, porén as entidades de crédito persisten nos seus problemas e cada día enfrontan unha situación máis crítica.


A contrapartida do rescate aos bancos por parte do goberno da eurozona foi a imposición da austeridade na periferia e tamén en grande parte do centro. Agora ben a austeridade presiona sobre o único elemento da demanda agregada que amosou algún dinamismo nos últimos tres anos que é o gasto público e por suposto golpea ao consumo, co que segue a bater contra a demanda agregada. En definitiva ás políticas de austeridade dos dous últimos anos só podían conducir a agravar a situación, que naturalmente vai camiño de tornarse nunha recesión moito máis severa e por suposto alongada no tempo. A maiores, dado que a austeridade tamén golpea as clases populares do centro, isto suporá unha redución do poder adquisitivo dos traballadores dos estados centrais. En consecuencia a desventaxa competitiva da periferia, que se atopa no corazón da crise na zona euro, non so desaparecerá no futuro, senón que se agravará. De feito, o que existe é unha receita para unha maior inestabilidade económica e dislocación, en particular para os países periféricos e por suposto para acentuar as relacións de poder do capital fronte ao traballo no conxunto da área. A profundidade da crise e a receita da austeridade só recomendan alternativas radicais, tanto económica como socialmente. Se o volume da débeda dos países periféricos incrementa as posibilidades dun impago a curto prazo, para que este sexa eficaz ten que estar dirixido polo debedor  e non polo acredor. Se fose liderado polo acredor, non se acadarían reducións substanciais da débeda, pero si significarían novos beneficios para a banca. Pola contra, un impago a instancias do debedor si podería reducir de xeito significativo a contía da débeda da periferia así como a saída da zona euro co fin de reactivar a actividade económica, mediante o control da política monetaria e fiscal.

Os estados da periferia europea atópanse na encrucillada e a súa situación exemplifica o fracaso histórico, pero tamén a natureza do proxecto europeo. Até o momento a crise está a ser xestionada atendendo aos intereses do capital, especialmente dos estados do núcleo da eurozona, porén pode tornarse nunha oportunidade que lle de a volta ao equilibrio de forzas en favor do traballo tanto no núcleo como na periferia. É necesario acumular forzas e tecer as alianzas políticas e sociais, que rematen coa mordaza do euro, que aprisiona aos pobos de Europa.


-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------

[23-04-2012 00:42] ondanois comentou:

En resumidas contas: recuperar soberanía.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña