03:25 Domingo, 29 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2012

Álvaro Cunqueiro, Miguel González Garcés e Manuel María son algúns dos autores galegos que amosaron unha extraordinaria fascinación polos pintores italianos

De Piero della Francesca a Tintoretto: a pintura italiana na poesía galega contemporánea

Valorar (11)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Para quen tivo a sorte de nacer en Ortigueira e descubrir aos doce anos un fermosísimo artigo de Álvaro Cunqueiro onde se relacionaba Santa Marta de Ortigueira con Italia, todo o que despois caía nas nosas mans e tiña a ver coa pintura desa outra terra irmá sempre contribuíu a alimentar ese noso temperá interese e a nosa fonda admiración polo Renacemento italiano. Nunca máis se me foron da memoria as referencias que nese artigo facía Cunqueiro a Tintoretto e a Veronese nin tampouco aqueles versos que tanto gusto de recitar: Santa Marta, laguna veneciana / que la bebe un pájaro de bruma… / Tenderemos un puente hasta Cariño? / Puente muy largo, amor, para un suspiro. / -Diré Carino, Carino, a la italiana / para que suba con música el mar esta mañana… Como vai un esquecer estes versos de don Álvaro Cunqueiro, señor meu de Mondoñedo? Ou aqueles outros que din: Santa Marta, la luz, si te preguntan / por dónde va la luz, por qué mañana, / si de oro de aire o de manzana. Per favore, que alguén rescate das gabetas aquel caderno de poemas que o mindoniense escribiu en Ortigueira ao comezo da Guerra Civil! Ninguén como el elevou os soños tan alto: “…bajar a Santa Marta de Ortigueira es como descender, tal un verso del Petrarca, ¨de la orilla de la tiniebla al río de la luz¨. Y aún desde Mera a la Isla y al mar, es más claro y luminoso el paisaje que el verso del Petrarca”. E engade Cunqueiro referíndose á luz de Ortigueira: “Se posa lentamente sobre la tierra y sobre la onda de la ría, como polvo enamorado: como en la pintura de Piero della Francesca, del que digo que pintó la mariña ortegana, y ahora está la pintura en la mañana florentina, en el triunfo de Segismundo, duque de Urbino. Y en verdad que le va a aquella Ortigueira imaginaria la luz italiana, una luz llena de violines de Vivaldi, como pájaros despiertos porque ha venido la primavera… ”. Naqueles días de Ortigueira, coa primeira luz da mañá, Álvaro Cunqueiro escribirá tamén algúns dos máis belísimos versos que se teñen escrito sobre a morte: El mundo fue una vez como una nube / y fue cerezo todo árbol. / Estás ahora inevitable muerto, / los pies helados y los ojos secos, / y la marea te lleva al otro lado / (…) / Estás ahora inevitable muerto, / sin anillos y sin los tiernos sueños, / vacío el pecho y la boca seca, / y seco el río hondo que en tu cuerpo / el alma niña y sola te habitaba. / Hubieras escuchado. No te importe. / Del otro lado están los bosques frescos / y Dios tejiendo los pañuelos blancos. Don Álvaro Cunqueiro Mora, admirábel sempre!  

A devoción por Italia, pola súa historia, pola súa arquitectura, pola civilización etrusca, polo mundo clásico grecolatino, e especialmente polo Renacemento italiano, está moi presente en moitos libros de viaxes e en numerosas obras de creación da literatura dos últimos séculos. Goethe, Stendhal, Ruskin, Henry James, Oscar Wilde, Thomas Mann, Jean-Paul Sastre, Marguerite Yourcenar, Rafael Alberti, Luís Cernuda, Mary McCarthy, Sophie Chauveau, José Luís Sampedro, Antonio Colinas, Luís Racionero, César Antonio Molina ou Narcís Comadira son algúns dos autores que teñen dedicado algunhas das súas mellores páxinas a temas relacionados con Italia e coa cultura italiana. Entre nós, na nosa lingua, Álvaro Cunqueiro, Miguel González Garcés, Manuel María, Cesáreo Sánchez Iglesias ou Medos Romero abriron igualmente a súa sensibilidade creativa a destacados artistas italianos. E non queremos esquecer tampouco o caderno de viaxe Pintor por Italia, de Correa Corredoira, ou O armiño dorme, de Xosé A. Neira Cruz, unha narración que naceu da contemplación dun retrato de Bia de` Medici realizado por Bronzino, que está na Sala della Tribuna da Galleria dos Uffizi. E, xa á marxe da relación da literatura galega coa pintura renacentista, é imprescindíbel citar aquí a Melodía italiana de Euxenio Montes e a tradución ao galego que da Divina Commedia fixo Darío Xohán Cabana, labor polo que o de Roás recibiu no Palazzo Vecchio a Medalla de Ouro do Concello de Florencia, nunha cerimonia na que non faltou unha procesión desde a casa de Dante Alighieri até a Piazza da Signoria, con estandartes e con florentinos vestidos con roupas típicas do 1300.  

Máis aló da fascinación destes nosos escritores polo mundo artístico e literario do Renacemento italiano, o que está no fondo dese diálogo son os temas que desde sempre preocupan á humanidade: a beleza, o gozo, o amor, a alegría, o sufrimento, a morte, a soidade, o paso do tempo, a eternidade posíbel… Nada que ver, pois, cunha visión elitista da cultura clásica. O que de verdade subxace na raíz deste reencontro entre artistas de onte e escritores de hoxe son as profundas reflexións do ser humano, a súa angustia e os seus temores, os seus desexos e os seus soños. Non podemos quedar na epiderme da palabra, na codia do verso, na marabilla que se describe, no amor que se canta. A miúdo é o poeta o que expresa o seu propio sentimento a través da súa moi persoal percepción dun determinado cadro,  dunha personaxe ou dun pintor. Unha lectura superficial de certos libros podería levarnos a non comprender o auténtico sentido dos textos e a pensar que estamos diante dunha simple recreación literaria sobre importantes obras artísticas. E non é así. O poeta pode chegar a falar do seu propio sufrimento, da súa desesperación, dos seus medos ou do seu gozo a través das pinturas sobre as que escribe.  

Cesáreo Sánchez Iglesias, no seu libro Variacións Nube (Edicións A Nosa Terra, 2004), elaborou unha moi persoal historia da arte universal, na que ocupan un lugar destacado os pintores italianos, desde Giotto, o gran renovador da pintura, a Amedeo Modigliani, aquel pintor de Livorno que chegou a París con 21 anos para instalarse na bohemia de Montmartre pintando retratos por dez francos e unha botella de viño. Entre os versos de Cesáreo Sánchez que máis admiro nese poemario están os que o poeta dedica á Anunciación de Fra Angelico do Museo do Prado: Algo de min faise / nun antiquísimo silencio azul / un case que branco silencio / onde non hai nada / senón o máis ausente deus e unha longa ferida. E algo seguramente moi fondo, moi dolorosamente íntimo, faille escribir así ao poeta da pintura de Piero della Francesca namentres contempla os frescos de Arezzo: Na lenda da Veracruz pídolle óleo / da árbore da misericordia / para unxir o corpo do pai no seu morrer: / O home na súa soidade última, na súa perdida luz. Nestes versos hai algo máis que unha poderosa emoción provocada polas pinturas. Talvez os frescos de San Francesco iluminan nese intre o territorio da dor do propio poeta. É isto o que buscaba: / a flor dourada das palabras non ditas, a súa pureza. / Quen escoitou o silencio non o esquece: / a súa ollada: redonda, sen eco. / E morre sen perecer. Frente ao ser. O sosego que o corazón precisa, a loita do ser humano contra a morte.  

Como moi ben sinala Dorinda Rivera Pedredo, autora, entre outros traballos, do libro De Dante a Cunqueiro e dun magnífico ensaio sobre as “Reminiscencias pictóricas do Quattrocento e do Cinquecento no universo literario de Álvaro Cunqueiro”, o escritor mindoniense integrou dentro dos seus paraísos imaxinarios, do seu universo marabilloso, os lirios e as paisaxes paradisíacas de Leonardo da Vinci, Botticelli e Fra Angelico, a luminosidade das gamas cromáticas que anegan as mariñas dos cadros de Piero della Francesca, as pinceladas purpúreas de Veronese e Tintoretto, o sorriso dun rostro nun lenzo de Antonello da Messina ou a fragrancia musical de Giorgione e de Carpaccio. No fondo deste seu mundo creativo está a súa propia persoa, cos seus soños, tan necesarios para vivir, está a melancolía ante o paso do tempo, a fantasía, a esperanza, a procura da beleza, e todo iso como un xeito de rebelarse contra a escuridade e a mediocridade do seu tempo, como un refuxio fronte a unha realidade histórica que tampouco a el lle agrada. E desde este enfoque hai que ver textos seus como o poema que dedica ao lenzo de Antonello da Messina que se atopa en Cefalú e que se publicou por primeira vez no poemario Herba aquí e acolá (Obra en galego completa, Galaxia, 1980). Non sabemos se Álvaro Cunqueiro chegou a ver este cadro nunha viaxe que fixo a Sicilia na compaña de Néstor Luján en 1976, mais esa era a razón principal para achegarse a Cefalú: poder contemplar cos seus propios ollos o sorriso enigmático e irónico daquel home que pintou Antonello da Messina. “Quería eu comprobar -escribiu Cunqueiro- se é certo que o home pintado por Antonello ás veces se cansa, pestanexa somnolento e ao fin pecha os ollos…”. O cadro de Antonello, lembremos, é o retrato de alguén que está vendo pasar as xeracións unha tras outra, indiferente, en silencio, despreocupado, mofándose de todo o perecedoiro, porque el é eterno: Alguén dixo que a súa mirada é desdeñosa. / Indiferente sorrí ás xeracións que pasan / e xulga, sen amosalo, / e sen que poidamos sospeitar que ao mellor leva / peso de mortes na conciencia súa. / O home, un non sei que de luxurioso, / unha fina crueldade, un esculcarte / deica o fondo do sangue e dos xardíns / do pensamento, e do soño. Búlrase / dos séculos e dos anxos, e de todo / o que non dura, porque el é eterno.  

Outro grande poeta galego que amosou unha extraordinaria fascinación por Italia e pola literatura, a arquitectura e a pintura italiana foi Manuel María. Nun poema que mesmo escribe antes de viaxar a esas terras do Mediterráneo e que aparece en O camiño é unha nostalxia (1985),  Manuel María xa confesa toda a súa paixón por ese país: Usei e gastei moitísimos ensoños / imaxinando a Italia: maiormente / o prodixioso acento da Toscana / que é música anxélica, / recendo a azahar e caravel / e fondo soloucar de violín. / Viume, habitoume e posuíume / o perfecto silencio de Verona, / o aire fráxil como o vidro / que envolve e bica á Umbría, / os montes escuros e azulados / e a lira sutil dos alcipreses / tanxidos polo vento do solpor /…/ Os meus ollos galegos case cegan / coa claridade azul do mar latino. / E olleime retratado dende sempre / nunha pintura borrosa de Pompeia. A este primeiro poema seguirán outros textos poéticos en libros como Oráculos para cavaliños do demo (1986) ou un moi persoal e delicioso percorrido histórico-cultural por Florencia, que o poeta titulou “Cupreso e lirio”, e que foi publicado en 1989 nun Caderno de viaxe de varios autores. Mais onde se produce a verdadeira eclosión creativa do poeta relacionada coa cultura renacentista é no libro A primavera de Venus (Espiral Maior, 1993), que se abre cun fermosísimo poema: Sabémonos caducos e mortais: só / unha sombra ferida mortalmente / polas imperiosas voces do divino. / Imploramos con fe e humildade / ser merecentes de que os deuses / benignos, comprensivos e potentes / nos sexan clementes e propicios / e poñan, para sempre, neste noso / pobre e desamparado corazón / a flor marabillosa dun asombro.  

Botticelli-a primaveira-

Manuel María, que tanto amou a cidade de Florencia, que coñecía moi ben a cultura clásica grecolatina e que era, ademais, un grande humanista, non podía ser un poeta indiferente á delicada beleza dos cadros de Sandro Botticelli. “A Primavera” e “O nacemento de Venus” non deixaron nunca de ser unha inesgotábel fonte de inspiración, á que dificilmente se puideron resistir moitos escritores e artistas dos séculos posteriores. Non é estraño, pois, que algúns dos versos máis luminosos de Manuel María estean neste poemario: Gracias che dou, Sandro Botticelli, / por poñer diante dos meus ollos / e gravar a lume, no fondo do fondo / de meu ser, á doce Primavera / venusina e o verdadeiro nacemento / de Venus Florentina. / Por ti sabemos que / a Primavera e Venus son Florencia. / A Primavera, Venus e Florencia / son sangue de meu, gracias a ti. / Fidel a elas son. / Levo a súa luz, / divina embriaguez que me posúe, / como razón de ser do meu vivir, / ergueita bandeira dos meus soños…  

Sobre Tiziano, outro dos mestres máis sobresaíntes de todo o século XVI, escribiu Miguel González Garcés tres poemas para a súa derradeira entrega lírica, Un nome só na néboa (Deputación da Coruña, 1989), o libro que se presentou na súa amada cidade da Coruña o día anterior ao seu falecemento e que constitúe o seu verdadeiro testamento poético e humano. Xulio López Valcárcel, biógrafo e grande coñecedor da poesía deste autor (espléndido, por certo, o seu libro Miguel González Garcés, mineiro de luz), di que estamos ante “o libro máis radicalmente sentido de todos os de Garcés”, e engade: “é a reflexión fronte á morte, a desposesión, a nudez, o inventario do vivido, o balance final”. Aínda que o poemario nos ofrece nas súas páxinas a visión do poeta sobre o sartego de Ilaria de Carreto (…un nome só na néboa. / Ilaria de Carretto, espello dunha sombra, / detida na beleza.) ou sobre a Pietá de  Michelangelo Buonarroti, o certo é que o tema central do poemario é a pintura, sempre desde unha concepción radicalmente humanista. E aí aparecen tamén, naturalmente, os pintores italianos: Piero della Francesca, Leonardo da Vinci, Tiziano, Tintoretto, Modigliani… Así dialoga Miguel González Garcés co Concerto de Tiziano que se atopa na Gallería Palatina do Palazzo Pitti, na outra beira do Arno: ¿Cara onde te volves? / ¿Asómbraste e mais foxes? / ¿Inventaches a música? / ¿Arredaste de ti na sombra do que miras? / ¿Escoitas a palabra ecoante do silencio? / O drama da enerxía que agroma no teu rostro. / O drama da pregunta á que ninguén responde. / ¿E sentes a volupia do frade caviloso / que ole no momento a flor fonda da vida? / ¿O do alarde baixo que cisma salaiante /  naquel soño fermoso que tecera nun tempo / e vacila na dúbida dun outro paraíso? Quen dixo, preguntamos nós, que a poesía de Garcés só habita nos xardíns do artificio culturalista, na simple descrición da beleza ou nunha expresión poética sen loita interior, sen pulso, sen tensión persoal? Aquí latexan as súas interrogantes como ser humano, máis aló do que o lenzo representa.  

Na poesía galega actual temos que citar aquí necesariamente a Medos Romero, pois o seu último libro publicado até o momento é un poemario dedicado a Tintoretto e a Botticelli, cunha parte central na que nos estremece a desesperación e o pranto dun home novo diante da realidade da súa propia morte. Como afirma o poeta Manuel Vilanova no prólogo desta obra, o lector ten a obriga de “descubrir que Medos é unha revolucionaria da dor. Esa é unha vehemente presenza que asolaga este libro e o fai moi especial. Estes versos axexan latentes a posibilidade de sufrir, axexan a morte, a ausencia do corpo…”. En Do corpo e a súa ausencia (Colección Esquío, 2010), Medos Romero condúcenos a través das pinturas de Tintoretto e dos diálogos co universo de Sandro Botticelli á proclamación da vida, á beleza e ao gozo, mais tamén á única eternidade posíbel: a eternidade dos corpos na obra dos artistas. Os corpos dos enormes lenzos de Tintoretto crean unha imaxe de figuras escultóricas que Medos Romero, con economía expresiva, plasma en versos moi luminosos: O corpo esgaza / do mármore. / O corpo, detido / sobre a brancura / máis eterna. Un dos poemas máis fermosos do libro, de maior redondez formal, é o relativo ao cadro “A conversión de San Paulo”: Existe unha imprecisa luz, / a desorde dun universo / quedo e tráxico, / o sufrimento / dos animais, o poder / sobrenatural da xenreira / e o seu desatino. / Existe o temor / de ficar feridos / por sempre, convertidos / en pedra e alabastro, / nesa eterna imaxe / de ausentes sen alma. A poeta, por outra parte, non sempre se limita a mirar, a contemplar, a describir ou a interpretar desde fóra do cadro a súa escena. Tamén falan as  propias figuras do lenzo, como sucede no breve poema no que unha personaxe dun lenzo de Tintoretto fala co propio pintor: Cando inundas de roxez / a miña túnica, / trémeme o sangue / en rebeldía. / Nun trazo impreciso / dególome de brancura, / e son eterno ao fin: / animal que a beleza / pronuncia.  

En cada verso unha flor. Se algún día de novo por Italia imos -e iremos, aínda que só sexa para poder contemplar outra vez unha “Última Cea” de Domenico Ghirlandaio ou “A Fornarina” de Raffaello do Palazzo Barberini-, se por aló volvemos, prométovos aquí que deixarei un verso en lingua galega na tumba de cada un destes grandes artistas: a Fra Angelico na igrexa romana de Santa María Sopra Minerva, a Botticelli na igrexa florentina de Ognissanti, a Tintoretto en Madonna dell`Orto, en Venecia… Quen tanta beleza nos entregou para gozo dos nosos ollos e tanto nos iluminou por dentro, ben merece unha flor nesta lingua milenaria na que marabillaron ao mundo Pero Meogo e Rosalía de Castro. Traio na mao un talo de orquídea con dúas flores. /…/ Traio comigo o lirio. Un silencio grande e doloroso…


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña