14:50 Venres, 24 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-04-2012

Que deixen dunha vez de nos quereren vender broa de varios días

Refornar a broa ou enganar a cidadanía

Valorar (20)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Hai varias semanas, nun xantar coa familia, puiden asistir a unha interesante narración dun “xoven” nonaxenario referida aos seus anos mozos. Nese relato oral lembraba os trucos dalgunhas persoas para faceren con que o pan vello pasase por novo e así poderen presumir de que non comían nin pantrigo nin broa de varios días. Isto resultaba unha práctica relativamente común, mais adquiría maior importancia cando había xente convidada. O tal proceso chamábase refornar e, aínda que non unicamente, adoitábase producir coa broa cando xeraba barolo: a peza en cuestión era cocida novamente no forno, ou cando menos quencida, de tal modo que quería pasar por pan do día. Da broa que sofría esta singular operación dicíase que era “broa refornada” e, como resulta obvio, os segredos do seu remoceamento só os coñecían as pedras do forno, as persoas responsábeis desa limpeza de cute e o propio pan, que vía como, en pouco tempo, perdía todos os fungos barolentos con que a humidade e o pasar dos días o foran agasallando. En resumo, broa resesa agora virada fresca e en aparencia apta para o consumo.  

Escoitei esa historia nunha aldea de Arteixo e amizades da rexión de Bergantiños confirmaron que se trataba dunha práctica asaz coñecida. Embora se poida pensar que debe ter correspondido a un procedemento habitual en diversas partes do país, o verbo refornar non figura en todos os dicionarios modernos e isto dá para reparar en que, de se levar a cabo este ritual purificador, moito posibelmente se empregase un vocábulo diferente. Como queira que fose, os potenciais sémicos de refornar son doadamente aplicábeis a diversas actuacións da vida cotiá, de modo que non só é a broa a que pode protagonizar esas operacións: procesos de ampliación ou mudanza semántica derivados dos mecanismos que proporcionan as metáforas son capaces de ampliaren a esfera significativa do dito verbo. Así, dunha perspectiva cultural, laboral, lingüística, social ou política tamén se poden achar actuacións de refornamento, se se nos permitir xerar esta palabra, destinadas a enganaren a cidadanía por parte das estruturas gobernamentais.  

Isto resulta doadamente de se exemplificar nas persoas que acompañan Núñez Feixoo no seu labor á fronte da Xunta da Galiza, ou sexa, os novos e os vellos caciques, os tecnócratas da obra, os xudas que se venderon por pouco máis de trinta moedas etc. Temos así que se atreveron a refornar a cultura, o ensino e o sistema de saúde públicos, o sistema laboral, a lingua etc., coa esperanza de confundiren a xente e coa indecorosa vontade de que os comensais, isto é, as galegas e os galegos, acrediten en que están a degostar a mellor broa posíbel. Vexamos como se desenvolveron algunhas desas estratexias.  

Unha das falsidades que, como a broa resesa que torna á mesa disfarzada de panmillo novo, conseguiu ter certo predicamento na sociedade asenta na demagoxia de feira que se proxectou sobre a lingua. É un tema sobre o cal se leva mentido moito até ao extremo de crear problemáticas onde as non había ou de reverdecer ideoloxías totalmente desfasadas (isólanos do mundo, non serve máis aló de Pedrafita, é propia da aldea, non é útil para a investigación, non vale para o ensino, só a fala a xente idosa etc.). Como se tentou refornar o tema da lingua? Voltándoo á mesa vestido de decreto de trilingüismo no ensino non universitario, de falacias esteadas nunha suposta liberdade individual, de propaganda inútil e folclórica... En fin, de vellos fatos tirados do arcón, mais agora limpos e remendados. A resposta social ás calumnias e aos ataques que afectaron o idioma non se fixo agardar e proba diso son as multitudinarias manifestacións e as diferentes actividades que entidades cidadás como Queremos Galego organiza(ro)n sucesosamente ao longo e largo da nación. A cerna dese lingüicidio proxectado pola Xunta-FAES asenta no seguinte lema: Acabar dunha vez por todas coa lingua. Como é vendido, despois do labor de “refornamento”? Favorecer a liberdade de escolla.  

Máis un procedemento de similares estratexias tivo e ten a cultura como albo. Enténdase, como é claro, a cultura feita en galego; as flamencadas ou as touradas non corren risco. Así as cousas, para algunhas persoas, como a actual Concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández Gómez, a cultura debe facerse en linguas que se perciban con facilidade polos turistas e polas turistas e non en idiomas que, como o noso, resultan intelixíbeis para os millares de persoas que se achegan á capital ártabra. De que xeito entra de novo a cultura no forno e de que modo sae? Pois apelando á crise e a unha non se sabe que chamada austeridade para recortaren as axudas, nalgúns casos acordadas desde hai ben anos, para que diversas organizacións culturais de base non poidan desenvolver con normalidade a súa programación: tal é o caso da AC Alexandre Bóveda ou o da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que viron como eran anulados os seus respectivos convenios anuais de colaboración entre estas entidades e o Concello. En confronto, o mesmo partido que rexe os destinos da cidadanía coruñesa aprobou na Deputación provincial axudas de 123.000€, provenientes de fondos públicos, para os descendentes da emigración e do exilio galegos en Sudamérica poderen pagar locais de lecer e computadores. E esa mesma forza política orientou agora no Concello de Ferrol cantidades notábeis de euros, tamén públicos, para agrupacións antiabortistas de carácter privado, cando tradicionalmente se concedían a entidades culturais. En síntese, cal é a mensaxe real? Laminar a cultura galega. E como se vende (cando menos superficialmente)? Renovar a cultura galega.  

Unha outra mostra das mentiras levadas a cabo en diferentes “fornos” políticos (o de San Caetano, o da Rúa Génova etc.) aplicou o seu ataque aos servizos públicos. Logros da cidadanía conseguidos desde finais do século XIX até á actualidade, sempre con moito esforzo e non poucas veces con vítimas mortais, son obxectivos fundamentais agora para o desmantelamento final do que fica do chamado “estado do benestar”: é preciso que o ensino, a sanidade, as prestacións sociais etc. sexan “depuradas”, pois supoñen gastos desnecesarios que as políticas ultraliberais da FAES e as ordes da emperatriz Merkel non poden permitir. Con este panorama, apélase á ocorrencia das “medidas impopulares” para faceren agoniar máis aínda eses servizos e prestacións, na propedéutica de que falezan de vez en pouco tempo. De que maneira se está a levar á práctica todo isto? Pois desde o goberno, coa connivencia entregada da maior parte dos medios de comunicación. Que ideoloxema foi agora refornado? Masacrar as maiorías sociais. Como é que sae desa operación? Pois Rendibilizar os servizos públicos.  

Pensemos agora na medidas adoptadas polo goberno do PP en materia laboral, continuístas das liñas tracexadas na anterior lexislatura polo PSOE, cun retroceso dos dereitos das clases traballadoras en varias ducias de anos. Os propios mentores da reforma xa sinalaron que non vai xerar novos postos de traballo, mais que se trataba dunha decisión “necesaria”: necesaria, a noso ver, para precarizar aínda máis os estratos sociais menos favorecidos, precisa para eliminar a lexislación laboral, necesaria para profundar nas cada vez máis grandes diferenzas económico-estratuais, adecuada para apagar de vez as voces discordantes nos comités de empresa, útil para o enriquecimento dos de sempre, acaída para unha feudalización do dereito ao traballo, óptima para reiniciar procesos de despedimentos ditados caprichosamente e necesaria para criminalizar o labor sindical. Como o respectábel non ignora, ocúltanse as consecuencias de tales reformas coas consabidas noticias sobre os “panes et circenses” e con fume que tenta impedir a visión clara (casos de corrupción, celebracións en Cádiz pola Pepa, un dos mellores telelixos do mundo, xornalismo de patacón, xuízos a xenros e ‘noros’ reais etc.). Preguntémonos agora por como está a ser percibido este miserábel labor: como se leva ao forno todo o proceso? Pois coa idea de Escravizar as clases traballadoras. Cal é o produto após a retirada do barolo? Axilizar a contratación.  

Repárese agora nun último caso, cal é a tentativa do PP de terminar dunha vez por todas co ensino público. Os centros para as crianzas máis pequenas deixaron de ser “Galescolas”, un proxecto do goberno BNG-PSOE, para viraren non se sabe que tipo de pitas, corvos, galdaripos ou galiñas azuis. As medidas tomadas en San Caetano reduciron drasticamente as axudas destinadas a eses centros, de forma que agora, para favorecer certa caste de empresas das amizades vinculadas en moitos casos a ordes relixiosas, se afirma que é necesaria a entrada de diñeiro privado para continuar a manter ese sistema de xardíns de infancia. Segundo se acha a situación actual, din os líderes e as lideresas populares, non é economicamente viábel a manutención de toda a rede de centros. A maior parte dos medios de comunicación dá a razón ás persoas que trazaron ese brutal retroceso dos servizos públicos. Formulemos, por tanto, a pregunta: cal é o verbo que define esa estratexia antidemocrática? Privatizar. E como é vendido á cidadanía? Externalizar ou, obscenamente, mellorar.  

Ben. Xa deixamos constancia do feito de que, desde hai cando menos noventa anos, houbo xente que tencionou ofrecer ás persoas convidadas á festa broa vella facéndoa pasar por nova. E tamén puidemos verificar como, desde as instancias gobernamentais urbanas, provinciais, nacionais ou estatais, os gobernos do PP tentan, igualmente, daren pan barolento ás cidadás e aos cidadáns dicíndolles que é pan novo. Na realidade, a pouco que se pense, é a súa estratexia política: a ameaza, o engano, a manipulación, o medo, a reiteración de mentiras… Non lembra comportamentos político-policiais practicados durante corenta anos? De certo si, pois teñamos en conta que esa forza política aínda non condenou publicamente nin a Guerra Civil nin a subsecuente ditatura fascista. Que deixen dunha vez de nos quereren vender broa de varios días.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña