07:28 Sabado, 20 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-04-2012

Yacimientos Petrolíferos Fiscales, YPF, non tivo a mesma sorte que Pdvsa

YPF

Valorar (21)

XURXO MARTIZ CRESPO



A década dos 80 en Latinoamérica foi a chamada, economicamente falando, «década perdida». O pagamento da débeda externa, tanto pública como privada, os seus xuros e a súa amortización estrangularon  a todas economías latinoamericanas por igual.  

Os petrodólares árabes da primeira crise do petróleo, que alegremente meteron os árabes en bancos estadounidenses, foron unha pesada carga para eses bancos que non dubidaron en subir a un avión e «repartir» dólares por toda Latinoamérica, porque aínda hai moitos que non saben que o negocio[i] dos bancos é prestar cartos… non recibilos.  

Pero prestar cartos a quen non os pediu nin os pode devolver ten as súas consecuencias e na década dos 80 e comezos dos 90 un andazo de quebras de bancos percorreu os Estados Unidos.  

Os bancos vendían a débeda-país (de Latinoamérica) por paquete ao mellor ofertante e a un prezo inferior á débeda que se tiña que cobrar; máis vale un favor feito que cen apalabrados.  

Pero a débeda seguía aí e a falla de crédito internacional e os organismos internacionais, FMI, BM, puñan condicións leoninas para a concesión de novos créditos.  

Así que na década dos 90, xunto a hiperinflación, Latinoamérica descubriu a auga morna desposuíndo os seus Estados, aínda máis, de soberanía e vendendo empresas rendíbeis como as das telecomunicacións e privatizando (desde logo en mans estranxeiras) os seus recursos naturais.  

O alumno máis avantaxado foi a Arxentina de Menem e o inefábel ministro de economía Cavallo. Unha vez entrada a chea de cartos das privatizacións e o seu posterior gasto, Arxentina non tiña ningún outro ingreso porque non lle quedaban empresas propias. A solución: estrangular con impostos unha depauperada poboación. En Venezuela privatizáronse as telecomunicacións e os servizos básicos.  

No ano da entrada ao poder de Chávez, un dos seus principais contrincantes políticos era Luis Giusti, presidente da empresa estatal Petróleos de Venezuela S.A. (Pdvsa) 1994-1999, un dos principais defensores[ii] da privatización do petróleo venezuelano. Para levar a cabo o plan de privatización tentaron quebrar a compañía coas seguintes medidas: iniciaron unha máxima produción, 3.750.000 barrís diarios, que bautizaron como «estratexia volumétrica», é dicir, as ganancias proveñen do volume e non do valor do barril, que eles mesmos rebaixan con esa sobreprodución.  

Esa sobreprodución era contraria ás directrices da OPEP[iii], e significou unha baixada no prezo do petróleo venezuelano a 7,35[iv] dólares por barril. A intención era quebrar Pdvsa e xustificar a privatización, recorrendo ao manido argumento de que o Estado é mal empresario  e peor xestor e, en consecuencia, a privatización «necesaria e inevitábel» da industria  petroleira venezuelana.    

O propio Giusti cuestionaba o patriotismo e a soberanía ante a privatización, do que se gaban hoxe as autoridades españolas, alegando que «Había que adecualos ás realidades do mundo de hoxe. Aquí esgrímense consideracións de soberanía e de patriotismo. Xa está ben»[v].  

O plan truncouse coa chegada ao poder de Chávez, que recibiu unha Pdvsa chea de contratos leoninos (privatizacións encubertas) baixo o eufemismo de «apertura petroleira» e «convenios operativos» con compañías estranxeiras, coa escusa de que o Estado venezuelano non tiña os recursos económicos, tecnolóxicos nin materiais para a explotación e procura dos campos petrolíferos da Faixa do Orinoco[vi] e os xacementos de gas. O goberno revolucionario mudou as condicións leoninas deses «convenios» e moitas empresas estranxeiras marcharon.  

Yacimientos Petrolíferos Fiscales, YPF, non tivo a mesma sorte que Pdvsa. As razóns da súa privatización, sempre en mans estranxeiras, non distaban moito da estratexia seguida con Pdvsa.  

Hai tempo que en Latinoamérica, coa chegada de gobernos progresistas e revolucionarios, a pregunta non é se é lícita ou ilícita a nacionalización, senón se foi lícita ou ilícita a privatización e a entrega e a hipoteca-dependencia de por vida do benestar da poboación e do crecemento económico en mans de intereses privados estranxeiros.

-------------------------
[i]
Un bo exemplo desa repartición «alegre e ao chou» dos cartos podemos velo no crédito fácil dos bancos no Estado español durante o «maná do tixolo» e as súas actuais consecuencias.
[ii] Xunto a el estaban outras coñecidas personalidades entregadas a intereses estadounidenses, como José Toro Hardy, Humberto Calderón Berti, Andrés Sosa Pietri, Alan Viergutz, Alberto Quirós Corradi e Erwin Arrieta.
[iii] Organización de Países Exportadores de Petróleo, da que Venezuela é fundadora e membro permanente.
[iv] Fidel Castro, de xeito agudo, para amosar o control que o imperialismo ten sobre as materias primas dos Estados do Terceiro Mundo, anotou que as dúas veces que estivo en Caracas, 1958 e 1988, o prezo do barril de petróleo era o mesmo, nun lapso de 30 anos.
[v] El Nacional, 7 de xullo de 1998, páxina 2, corpo E.
[vi] A maior reserva petrolífera comprobada do mundo.


----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña