13:40 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2012

É conveninte non esquencer o que sucedeu naquela primavera de 1939

Abril: nacemento e morte da IIª República

Valorar (15)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA



-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------            

Case ninguén ignora que o 14 de abril se conmemora a proclamación da IIª República, pero son moitos menos os que saben que tamén neste mesmo mes se cumpre o aniversario da súa morte, con certificado de asasinato xustamente o 1 de abril.            

É xusto festexar a primeira destas datas. Con todos os seus defectos (os propios da burguesía ilustrada española, tan ben representada por Azaña, e do proletariado afiliado ao PSOE, á UGT e á CNT), dos que o máis grave era a fe nos postulados do españolismo, sen embargo a República significou a apertura dunha fase inédita e enormemente esperanzadora de transformacións de gran calado en todos os nives das estruturas sociais, despregando un horizonte de liberación para os sectores máis oprimidos e tamén, por tímido que fose, para as nacións dependentes, que atoparon nos estatutos de autonomía o primeiro paso cara á soberanía. Así o entendeu o nacionalismo do Partido Galeguista.            
Por iso é comprensible que a IIª República, tan efémera no tempo e tan vacilante nas súas realizacións, suscitase no seu momento a adhesión dos sectores progresistas de todo o Mundo e chegase a adquirir logo, ata hoxe mesmo, semellante relevancia histórica, que nos fai contemplala como unha irrepetible oportunidade truncada.            

En canto á segunda data, é lóxico non conmemorala; o masoquismo non é saúdable. Mais si que é conveninte non esquencer o que sucedeu naquela primavera de 1939.            

Aquel nefasto 1º de abril as hordas fascistas acadaban os seus «derradeiros obxectivos militares», unha vez «desarmado e cativo» o exército da República. Pero había xa cousa dun mes que se empezara a desenvolver o último acto da traxedia iniciada o 18 de xullo de 1936.            

Tras a caída de Cataluña, e sabendo xa inalcanzable a vitoria militar, a perspicaz estratexia do Goberno, presidido por Negrín e apoiado polos comunistas, consistía en alongar ata o extremo a capacidade de resistencia, como única forma de preservar a democracia e poñer milleiros de vidas a salvo da atrocidade fascista, pois a explosión da IIª Guerra Mundial estaba xa no horizonte inmediato. Nesa nova conxuntura, a sorte da República quedaría unida á de todos os países que se visen involucrados na loita global contra o fascismo.            

Despois de tres anos de guerra, sobraban motivos para convencerse de que a claudicación ante Franco só podía desembocar na máis terrible catástrofe, e a República contaba aínda con efectivos humanos e medios materiais (en boa medida grazas á axuda soviética) para acadar ese obxectivo.            

Frente a esa posición, o PSOE (dirixido por Besteiro) e os restos madrileños da CNT poñían as súas utópicas esperanzas nunha imposible paz honrosa cos franquistas, pensando tal vez nunha reedición da experiencia da Ditadura de Primo de Rivera, coa que colaboraran o PSOE e a UGT, esperando así poder salvar do naufraxio algúns restos das conquistas sociais, entre outros a propia UGT.            

Mais para iso era preciso desfacerse previamente de Negrín e dos comunistas, xa que estes eran –coidaban eles– o verdadeiro obstáculo.            

En consecuencia, o 5 de marzo de 1939, este sector, contando con parte do exército republicano, en especial co comandante Casado, responsable da defensa de Madrid, e en contacto cos británicos (máis proclives a Franco que ao Frente Popular) desencadearon un novo golpe de Estado, poñendo fin ao goberno de Negrín e de paso metendo en prisión a numerosos comunistas, que axiña pasaron directamente a mans de Franco.            

Loxicamente, a defensa republicana se desmoronou en cuestión de días. Tamén loxicamente, Franco non aceptou ningunha negociación. A masacre precipitouse sobre milleiros de republicanos completamente inermes.            

A IIª República sucumbiu ante dous golpes de Estado e unha guerra. Cada quen ten a súa responsabilidade histórica.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña