09:23 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2012

A crítica literaria xornalística é unha xanela que nos permite ver o río da literatura e a súa vitalidade

Criticalia: un moi meritorio esforzo a prol da visibilidade do libro galego

Valorar (18)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Os que nos empezamos a interesar polo libro galego a mediados dos anos setenta, aínda lembramos como algo excepcional na prensa galega dese momento aquela sección de Carlos Casares que el titulou “A ledicia de ler” e que moitas e moitos de nós seguíamos cada semana. Xa sei que había autores e títulos dos que Casares non escribía nunca. E igual sucede na crítica literaria que se fai hoxe, na xornalística e na académica. Mesmo houbo e hai libros que acadaron un grande éxito de público a pesar de non se ocupar desas obras ningún crítico literario. Mais que haxa ausencias clamorosas no que cada crítico escribe, guiado sempre polas súas preferencias, pola súa liberdade intelectual e mesmo ás veces pola súa ideoloxía, non nos debe impedir ver a enorme importancia dese labor para a divulgación e a valoración social do libro galego. Sen o conxunto deses milleiros de recensións críticas publicadas semana tras semana nos suplementos literarios e seccións de cultura da prensa do noso país, o libro galego aínda sería máis invisíbel para a nosa sociedade. A literatura galega ten, pois, moito que agradecerlle a algúns autores, non só pola súa obra creativa ou de investigación, senón tamén polo seu labor de críticos literarios na prensa periódica. Estamos a pensar, por exemplo, en Ricardo Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares, Vicente Araguas, Xulio López Valcárcel, Xesús González Gómez, Armando Requeixo ou Ramón Nicolás. Escribir semanalmente dun libro é un compromiso que esixe esforzo, constancia e entrega aos demais creadores. Por outra parte, a crítica literaria xornalística non sempre é valorada como se merece, pois a crítica académica en revistas especializadas ten outra consideración no mundo cultural e universitario. É un acto de xustiza, xa que logo, recoñecer o importante labor que pola difusión e a valoración do libro galego fan os nosos críticos literarios nos diversos medios xornalísticos do país, á marxe de que haxa autores e obras que non teñan nada que agradecer á crítica literaria. Igual que hai que recoñecer o papel dos editores no sistema literario, aínda que algúns como Vittorini e Leonardo Sciascia cuspiran no manuscrito Il gattopardo de Giuseppe Tomasi di Lampedusa.

Lamentabelmente a atención que os diferentes xornais lle dedican ao libro galego é cada vez menor. A literatura non galega e as principias novidades das editoriais españolas acaban eclipsando o pouco espazo que a prensa do noso país lle dá á nosa literatura. “La Voz de Galicia”, por exemplo, ten máis preocupación polas letras foráneas que por promover o coñecemento da literatura galega, que en ningún caso ten o seu oco en suplementos de libros da prensa española. Neste sentido non é difícil comprobar como o libro galego ocupa cada vez un lugar máis marxinal na prensa periódica de Galiza. Queda xa moi lonxe aquel “Domingo Letras” de “El Faro de Vigo” que dirixía Francisco Fernández del Riego, o “Caderno de Cultura” de “La Voz de Galicia” que coordinou Luís Álvarez Pousa, as páxinas de crítica literaria de “A Nosa Terra” ou a “Revista das Letras” de “O Correo Galego”, onde a lingua e a literatura galega ocupaban sempre un lugar preferente. Hai uns anos, nunha xornada sobre a crítica literaria organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, o especialista en Literatura Brasileira Abel Barros Baptista xa se queixaba de que en Portugal a crítica literaria xornalística tiña desaparecido da prensa portuguesa, incluso para os libros de autores como José Saramago ou Antonio Lobo Antunes. Así de triste. Aí, no país irmán.

Armando Requeixo é un dos críticos literarios que máis leva feito entre nós nos últimos vinte anos pola visibilidade da literatura galega. Mindoniense como Noriega Varela ou Álvaro Cunqueiro e lector voraz desde neno, Requeixo, animado e orientado por profesores como Claudio Rodríguez Fer e Luís Alonso Girgado, iniciouse moi noviño na lectura pública dos libros, colaborando nas páxinas dos xornais “El Progreso”, “El Correo Gallego” e “A Nosa Terra”. Moi axiña a súa sinatura fíxose habitual en todos os suplementos de cultura da prensa periódica do país e hoxe a súa análise constitúe unha referencia imprescindíbel para coñecer as novidades editoriais e o pulso da literatura galega actual. Este seu prolífico labor xornalístico compaxinouno sempre Armando Requeixo co estudo máis sosegado e profundo dalgúns escritores galegos, dando ao prelo un exhaustivo libro sobre os Escritores mindonienses e moi valiosos traballos sobre Ánxel Fole, Xosé Díaz Jácome, Aníbal Otero ou Luís Seoane. Precisamente cun estudo sobre o poeta Díaz Jácome gañou recentemente o Premio Ánxel Fole.

Agora Armando Requeixo entréganos nun volume de máis de 360 páxinas unha escolma das súas recensións baixo o título de Criticalia (Sotelo Blanco, 2011), un título que coincide tamén co seu blog, un dos máis visitados nos últimos meses nos medios dixitais que prestan atención á cultura galega. Neste libro, o profesor e crítico literario mindoniense convídanos a regresar de novo a aqueles textos que semana tras semana xa tivemos a ledicia de ler en xornais e revistas e que el considera os de máis interese e os mellor escritos ao longo desa súa longa dedicación á crítica literaria xornalística, mais recolle tamén unha completa relación de varios centos de lecturas críticas que el fixo desde 1991 e que ao final se quedaron fóra desta antoloxía, co que nos permite ter unha visión global, aínda que sempre incompleta, da literatura que se fixo no noso país nas últimas décadas. Queda aquí demostrado que a crítica literaria xornalística é unha xanela necesaria para ver o río da literatura e a súa vitalidade.

Cómpre non esquecer que o crítico literario xornalístico ten que axustarse a un espazo concreto, a un determinado número de palabras, e ten que saber, ademais, que está escribindo nun xornal, para un público amplo, interesado polo libro galego, mais non necesariamente formado na súa maioría por especialistas no campo da literatura. É preciso, pois, un estilo que, sen renunciar ao rigor analítico propio da crítica literaria, resulte xornalístico e ameno para calquera lector ou lectora de prensa. Mais non será nunca un texto de información, aínda que teña tamén unha función informativa. O crítico é un escritor e debe posuír un estilo de seu á hora de escribir as súas recensións, un estilo que nos permita recoñecer ao autor do texto sen necesidade de ler quen o asina. E Armando Requeixo escribe desde a súa profunda formación académica, co rigor necesario, pero poñendo sempre a súa claridade discursiva e a súa lucidez analítica ao servizo dun estilo de seu. Combina así perfectamente a aproximación ao autor e ao libro que é obxecto da súa atención, mesmo dándose un proceso de osmose, sendo iso máis frecuente na análise dos libros poéticos, onde se aprecia un alento lírico que nace do propio texto que se comenta. 

Outra característica do labor crítico sobre as novidades editoriais é o risco en equivocarse no xuízo. O estudo dunha obra literaria que está considerada xa unha peza fundamental dunha literatura pode ofrecer sempre novas interpretacións, novas lecturas (o caso máis paradigmático nas nosas letras é seguramente a poesía de Rosalía de Castro), mais estamos falando de títulos que teñen xa o recoñecemento de obra clásica. Iso, naturalmente, non sucede cun libro que acaba de saír publicado, e que incluso en moitas ocasións é dunha autora ou dun autor novel. Aquí o xuízo faise despois dunha primeira lectura, sen ningún tipo de análise comparativa con outras lecturas críticas e sen saber aínda con certeza se a obra en cuestión pasará a peneira do tempo. E só a sagacidade, a lucidez do crítico, o seu olfacto para descubrir a boa literatura, é o que permite acertar na valoración dun libro que vén de ser publicado. E se un le este monllo de recensións críticas de Armando Requeixo poderá comprobar como esa análise feita moitas veces aos poucos días de saír o libro do prelo non foi corrixida logo co paso do tempo por lecturas que puxeran en cuestión a valoración de Requeixo. Moi raramente un autor ou unha autora, un libro que Armando Requeixo saúda moi eloxiosamente e con gozo, remata por perder esa valoración crítica co paso dos anos. 

Este volume no que se recollen preto de trescentos traballos permítenos coñecer tamén os gustos literarios do profesor e crítico mindoniense, non só a súa preferencia pola poesía e a narrativa fronte a outros xéneros, senón tamén os seus escritores preferidos na literatura galega de hoxe. Hai autoras e autores aos que Armando Requeixo regresa unha e outra vez, revelándonos as claves profundas da súa obra e contaxiándonos do seu entusiasmo por esa literatura. Aí están, por exemplo, os seus textos críticos sobre Álvarez Torneiro, Fernán Vello, Eva Veiga ou Manuel Vilanova na poesía ou sobre Miguel Anxo Murado, Rei Núñez, Suso de Toro ou Xavier López López na narrativa. Naturalmente, tamén nos chama a atención a ausencia dalgúns autores na súa xa ampla obra de crítica xornalística. Non chegamos a comprender que nesta escolma non haxa un só artigo sobre algunha novela de Carlos Casares, de quen precisamente Requeixo acaba de falar nun recente artigo como un “clásico moderno”, ou de Lois Diéguez, outro dos nosos novelistas cunha obra máis sólida na literatura galega contemporánea. De calquera xeito, o crítico literario de xornais e revistas é moi libre de escoller autor e libro e non ten nunca as ataduras de quen elabora un manual de historia da literatura, onde resultarían inexplicábeis certas ausencias. Por iso a falta deses traballos non lle resta valor a este volume, que en todo caso reflicte moi ben o esforzo intelixente e constante de Armando Requeixo ao longo de vinte anos por darlle visibilidade ao libro galego, por orientar ao público no contido das obras e por crear lectoras e lectores para a nosa literatura, o que é moito de agradecer nun tempo e nun contexto social no que o libro e a cultura en xeral non ten ningún valor.

[25-03-2012 11:17] Gustavo Adolfo Garrido comentou:

Prezado Manuel,
Na Fundación CC temos prácticamente recompilados todos os textos de "A ledicia de ler", e andamos traballando sobre eles co obxectivo de publicar en libro unha escolma o máis representativa posible. Seríanos de moita axuda que nos facilitases unha lista dos autores e os títulos sobre os que Casares non escribía nunca. Ou que nos indicaras quen podía aportarnos documentación sobre este particular.
Se cadra xa o sabes, que na nosa páxina web, sección Documentos da Fundación, están dispoñibles para lectura e descarga gratuita 24 reseñas da dita columna, que continuamos recuperando periódicamente.
Un cordial saúdo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña