13:36 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-03-2012

Este asunto, como o funcionamento do Igape, amosan a realidade da Consellaría de Economía e Industria

Áridos reciclados de aglomerado, un caso árido para o PP

Valorar (11)

FERNANDO BRANCO PARGA



En setembro de 2009, unha asociación ecoloxista denunciou a Augas de Galiza o amoreamento de refugallos de tipo asfáltico en solo rústico, entre os Concellos de Cabanas e Fene, e na zona de policía do río Baa, ao carón do polígono de Vilar de Colo.

Como medida precautoria, o 28 de setembro de 2009, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, informou con carácter urxente ao Concello de Cabanas das medidas que cumpría adoptar polo responsábel do amoreamento para previr posíbeis afeccións ambientais, consistentes na execución dunha gabia perimetral que recollese as drenaxes de posíbeis efluentes e balsas de retención e decantación.

A pesar de que o Grupo Municipal do BNG de Cabanas levou este tema repetidas veces ao Pleno do Concello, con maioría absoluta do PP, o Alcalde sempre contestou que estaba á espera do informe de Augas de Galiza e nunca requiriu á empresa propietaria o cumprimento da legalidade urbanística.

O expediente aberto por Augas de Galiza en setembro de 2009, resolveuse en setembro de 2010 cunha "durísima" sanción de 901,52 euros e, posteriormente, en marzo de 2011, logo da solicitude de legalización pola empresa propietaria, este mesmo organismo autoriza o amoreamento destes áridos, coa obriga do cumprimento dunha serie de requisitos, moi semellantes aos comunicados anteriormente ao Concello de Cabanas e que, aínda hoxe, non hai constancia de que cumpra.

Mais este asunto que, cando menos, podemos considerar de permisividade administrativa, colleu relevancia nos medios de comunicación logo dunha denuncia da Asociación Galega de Áridos (AGA), diante da administración galega e da fiscalía, pois este produto vendíase a metade do prezo dos áridos de Galiza.

O proceso xudicial aberto, coñecido como caso Area, provocou a dimisión dun deputado do PP no Parlamento Galego, logo de coñecerse a súa imputación sobre supostos tratos de intermediación e de favor á empresa propietaria dos áridos.

A denuncia da AGA cuestiona a validez do marcado CE destes áridos, procedentes do fresado de estradas de Holanda que, teoricamente, deberían pasar por un proceso de valorización, entre eles un tratamento a 850°C, para eliminar o 100% dos betumes; e AGA aporta dúas análises destes áridos realizadas por diferentes empresas de control de calidade: unha de Enmacosa que obtén entre un 6 e un 6,38% de betume, e outra de Appuls onde conclúe que o betume presente está entre un 4,54 e 4.80%.

Preguntado por este asunto, o Conselleiro de Economía e Industria afirmou no Parlamento Galego, en decembro de 2011, que existía un informe externo realizado por Euroconsult confirmando o cumprimento do marcado CE, polo que non existía ningún impedimento para a súa comercialización e que, ademais, arquivaran a denuncia da AGA.

A pesares de ser solicitado todo o expediente destes áridos reciclados de aglomerado, pola vía regulamentar do Parlamento, a Consellaría nunca entregou ningunha documentación.

Mais o BNG foi quen de dar a coñecer este expediente da Consellaría de Economía e Industria, onde hai dous informes, o xa comentado de Euroconsult e outro da Universidade de Santiago.

O da Universidade de Santiago conclúe que o material analizado demostra claramente a existencia de betumes e asegura que a mostra non foi calcinada previamente, é dicir, non pasou por un forno a 850°C, identifican produtos como o α-benzopireno e outros que indican unha procedencia de orixe vexetal do alcatrán utilizado e unhas características de toxicidade que clasifican ao produto como perigoso, e consideran, a súa utilización como árido sería desaconsellábel en todos os casos en sistemas superficiais e moito máis sen un estudo específico, unha análise de riscos e un plan de seguimento.

O informe de Euroconsult, utilizado polo Conselleiro para defender a utilización destes áridos, conclúe o seguinte: as mostras, ou ben non se someteron a un proceso de calcinación ou, de facelo, dito proceso foi insuficiente (por temperatura ou tempo) para eliminar todo o ligante.

E sobre o marcado CE, este informe, nunha redacción moi medida e moi cauta, só di que as catro mostras analizadas cumpren as especificacións declaradas polo fabricante no seu marcado CE, sen entrar a valorar ou a opinar se o marcado é correcto.

Mais sobre a súa utilización afirma, en canto ao seu uso para firmes de estradas, como zahorra artificial, e tendo en conta que non analizaron todas as prescricións do prego, non recomendamos a súa utilización.

No entanto, segundo informou a prensa, estes áridos foron empregados en diferentes obras nos concellos de Bergondo, Culleredo, Betanzos, Miño, Pontedeume, Ortigueira, Narón e Ferrol, mesmo en obras públicas.

Como resposta ao BNG, pola publicación destes informes, a Consellaría, en nota oficial, informa da existencia dun terceiro informe (cantos precisará?), neste caso realizado pola empresa Novotec Consultores no que considera a documentación relativa ao marcado CE do produto aportada polo fabricante suficiente, adecuada e apta para a comercialización do árido.

É curioso que dese esta resposta a mediados de febreiro de 2012, cando en decembro de 2011, no Parlamento, o Conselleiro só falaba da existencia do informe de Euroconsult, logo solicitou un informe novo en dous meses?

A actuación da Consellaría, ocultando información e esquecendo a súa responsabilidade de vixilancia do mercado, é sorpresiva, pois o correcto era dirixirse en primeira instancia ao fabricante, Bentum Recycling Centrale, para constatar se estes áridos foron valorizados, ou tamén, solicitar un estudo dun organismo notificado, que son os únicos competentes e con responsabilidade para conceder ou comprobar un marcado CE, mais limitouse a solicitar análises a empresas de control de calidade que non poden emitir un informe vinculante.

É outra contradición, o xulgado solicitou información a Europol sobre a procedencia dos áridos e estes están hoxe amoreados, na parcela de solo rústico de Cabanas, no propio polígono de Vilar do Colo e no Porto Exterior de Ferrol, sen que se comercialicen a pesar da aprobación da Consellaría.

Este asunto, como o funcionamento do Igape, amosan a realidade da Consellaría de Economía e Industria.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña