22:09 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-04-2010

A súa vida e obra constitúen paradigmas da compatibilidade absoluta do galeguismo co cosmopolitismo cultural máis requintado e anovador

Johán Vicente Viqueira; recuperarmos a un grande patriota

Valorar (68)

MANUEL MIRAGAIA DOLDÁN


Johán Vicente Viqueira


Johán Vicente Viqueira foi un dos máis grandes intelectuais da historia da Galiza, un humanista no máis pleno sentido da palabra. Cómpre non só homenaxear ao admirábel filósofo Viqueira, senón tamén revivir o ricaz pensamento de alguén que foi precedente de moitos dos temas fundamentais da cultura galega. Isto constitúe un obxectivo necesario, sobre todo nunha época como actual, na que escasean  referentes sólidos. O contacto coa súa biografía, obra e espazo vital levan a namorarse da súa figura poliédrica a calquera observador sensíbel e atento. Así é que na sección "Libraría" decidimos incluír unha escolma dos seus textos.

Johán Vicente Viqueira naceu en Madrid o 22 de outubro de 1886. Era neto de Xosé Pascual López Cortón, un emigrante natural de Cedeira que se fixera cunha considerábel fortuna en Porto Rico. Xosé Pascual, un home con ideas provincialistas, decidira construír para vivir a fermosa Quinta de San Vitorio, na parroquia de Vixoi do Concello de Bergondo. Por iniciativa e mecenado de Xosé Pascual organizouse na cidade da Coruña en 1861 uns primeiros Xogos Florais. Os poemas seleccionados constituirían o famoso "Álbum de la Caridad", onde aparecen por primeira vez algúns dos grandes poetas do noso Rexurdimento.

Xosé Pascual terá dúas fillas e un fillo. María Luísa sería a nai de Johán Vicente. Casaría cun tío militar, indo vivir a Madrid. Mais ao pouco tempo  separaríase o matrimonio. Xoán Vicente, aos poucos meses de nacer, irá vivir a Vixoi. Fai os estudos primarios e os secundarios na vila de Betanzos.

Viqueira contou cunha excelente formación académica, da man da Institución Libre de Enseñanza, na que estudou. Obtería a licenciatura en Filosofía pola Universidade de Madrid. E realizou estadías posteriores nas universidades da Sorbona (París) e nas alemás de Berlín, Leipzig e Göttingen.. Foi alumno de grandes figuras da intelectualidade, como Giner de los Ríos e Bartolomé Cossío, asistindo tamén a aulas do sociólogo Durkheim, do antropólogo Levy-Bruhl, do psicólogo Wundt e dos filósofos Bergson, Cassirer e Husserl. Realizou a tese de doutoramento na Universidade de Madrid.

Porén, malia os  anos de intensa vida universitaria cosmopolita, nos que chegou a dominar as linguas  alemá e inglesa, ao voltar a Galiza cando aproba as oposicións a catedrático de instituto de psicología, ética e lóxica, converteuse nun sobranceiro galeguista e nacionalista. Até o punto de presidir nos anos vinte do pasado século a Irmandade da Fala da cidade da Coruña, a máis progresista e numerosa de todas.  Obtivo praza de catedrático no instituto de Compostela en 1917, ano no que casou coa pedagoga estremeña Jacinta Landa Vaz Coronado, de orixes portuguesas. O matrimonio tería tres fillos, que seguen a vir desde despois da guerra civil no exilio mexicano. No curso seguinte conseguiu o traslado ao Instituto Eusebio da Guarda da Coruña.

Escribiu ensaio sobre filosofía, psicoloxía e pegagoxía, mais tamén foi un bo poeta en galego, espiritualista-paisaxista e saudosista, sendo precedente da tendencia neotrobadoresca. Publicou as seguintes obras científicas: Introducióin á Psicoloxía pedagóxica, Elementos de Ética, Leccións elementais de historia da Filosofía, Etica e Metafísica, Psicoloxía contemploránea. Parte da súa obra en galego está espallada polos xornais da época. Algúns deses traballos atópanse no volume titulado "Ensaios e poesías".

Defendeu con firmeza o uso e a normalización da lingua galega, e o seu reitegracionismo co portugués. A publicación en 1918 en A Nosa Terra do artigo 1918 Pola reforma da ortografía considérase como o momento no que naceu o reintegracionismo. Declarouse partidario da galeguización do ensino e da renovación educativa. Relacionouse con relevantes intelectuais portugueses da época. Foi tradutor de obras dos filósofos Hume, Berkeley e Vörlander. Actuou en numerosas ocasións como conferenciante, acadando unha sona merecida de excelente orador.

A súa vida e obra constitúen paradigmas da compatibilidade absoluta do galeguismo co cosmopolitismo cultural máis requintado e anovador. Porque como el mesmo afirmaba: "Cosmopolita é aquel para quen nada humano lle é alleo; non aquel a quen até a súa Terra lle é estraña."

O pensamento político deste humanista galego, en consonancia coa Institución, era progresista. Singularizábase nun nacionalismo galego, democrático, republicano, federal, socialista e laico, en contraposición co galeguismo conservador e católico de Vicente Risco, o outro teórico nacionalista naquel momento. Viqueira uniu por primeira vez na década dos vinte a ideoloxía nacionalista e a de esquerda. De certo Viqueira e Antón Vilar Ponte foron os autores que máis influíron na conformación do pensamento político de Castelao. Así moitas das ideas de Castelao xa estaban, por exemplo, en Viquiera.

A dorosa osteomelite, que padeceu desde a mocidade nunha perna e que o converteu na práctica nun minusválido, levouno á morte aos trinta e sete anos, en 1924, antes de que se convertese probabelmente no intelectual e político galego máis grande da historia. Mais esa doenza que destruiu o seu corpo axudou, nas súas palabras, "a afianzar a miña alma", a se converter nunha "alma penetrada da beleza da terra".  Ser moi crítico co catolicismo non lle fixo achegarse a posicionamentos materialistas, senón a manter en vida a espiritualidade propia do panenteísmo krausista e a querer un enterro laico no cimeterio de Ouces (Bergondo), que orixinou a posterior oposición do clero á continuidade alí da súa tumba.

A calesa coa que se dirixía cada día até a estación de tren de Guísamo para dar aulas no instituto da Coruña aínda se conserva na Quinta de Vixoi. Este ben patrimonial, xunto co edificio, mirador-biblioteca, xardíns, mobles e libros serían o marco ideal para que se crease unha fundación adicada a dar a coñecer o pensamento deste autor, ao que se lle adicou o "Día das Letras Galegas" de 1974. A "Fundación Viquiera" de Bergondo, a diferenza das literarias que xa existen, sería a primeira galega e galeguista adicada a filosofía, psicoloxía e ciencias do ensino.

"Cosmopolita é aquel para quen nada humano lle é alleo; non aquel a quen até a súa Terra lle é estraña." (Johán Vicente Viqueira)


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal