12:04 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2012

A mistificación sobre as causas da crise, e as posíbeis saídas á mesma, son o caldo de cultivo que xustifica a regresión sen límites que estamos a padecer

Voltas de parafuso

Valorar (11)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Na guerra aberta do capital contra o mundo do traballo sucédense as medidas regresivas.

Volta tras volta, como no garrote da vil tradición española, as sucesivas reformas laborais van deixando atada de pés e mans á clase traballadora á mercé dun empresariado nunca conforme co que ten. A continua perda de dereitos vense producindo desde os anos oitenta cos gobernos chamados socialistas, e agora, por vez primeira, é o PP o que asume a implantación deste tipo de medidas laborais restritivas. Xa por volta do ano 2002, unha grande mobilización social, que rematou na folga do 20 de xuño, conseguira daquela botar abaixo o decretazo do Goberno Aznar. Aínda podemos lembrar desa data a dureza policial e mediática con que tentaron frear a contestación lexítima dos traballadores e traballadoras. Pero nin así un goberno con maioría absoluta como aquel puido impoñer os seus plans. É este un antecedente para comprobarmos os resultados que se poden acadar con loita social continua, e non pola vía da reiteración de pactos que implican cesión sen fin e perda de dereitos.

Agora volve o PP tentar unha agresión brutal ás condicións laborais en todo o Estado. Como vén pasando nos últimos anos, isto non sería posíbel sen basearse no medo e na mentira. A mistificación sobre as causas da crise, e as posíbeis saídas á mesma, son o caldo de cultivo que xustifica a regresión sen límites que estamos a padecer. Con niveis máximos de desemprego, son difíciles de defender as medidas de apontalamento da banca e o retallamento de pensións e servizos. Porén, a maldición bíblica da crise e unha fuxida cara adiante poden facer que a propaganda volva unha reforma laboral que vai provocar máis despedimentos a un país de desempregados e desempregadas, nunha medida valente dun goberno que quere acabar co desemprego. Isto é o que transmite o PP e os medios repiten mil veces. Se a sociedade permanecer inerme, se os desempregados pensaren que a reforma se fai no seu nome e beneficio, se non derrubamos o muro de mentiras que sostén estas políticas retrógradas, pode que non só perdamos os poucos dereitos laborais que mantiñamos, senón que estaremos camiñando cara a unha xustificación do feixismo.

Porque, alén da propaganda e do xogo de confusión practicado, hai dúas cuestións que debemos pór de relevo. A primeira é que a crise e o desemprego non se solucionan con estas políticas de austeridade, de control do déficit, de retirarlle a capacidade económica ás persoas e de estrangular o crédito. Máis ben ao contrario. Como xa se está comezando a recoñecer, todos os "sacrificios" realizados ante o deus déficit só provocan maior recesión e paro. E por moito que Feixóo teime, o seu é un vieiro choído, que está a levar a Galiza a unha das peores crises económicas, sociais e de futuro a que nos enfrontamos nunca. Haberá algún día que darlle volta a este rumbo alucinado en que nos embarcan, facer das institucións elementos redistribuidores da riqueza, recadadores de recursos económicos proporcionalmente entre as rendas máis altas e que prioricen o gasto de xeito anticíclico, e non simples instrumentos de control por parte do capital que esmaga á maioría social.

E en segundo lugar, débese salientar que esta reforma laboral no só é prexudicial para a inmensa maior parte das galegas e dos galegos, senón que tampouco vai achegar solución ningunha ao problema do desemprego. O único que se persegue, no fondo, é facer os despedimentos case gratuítos, sen control da administración e arrombando o papel de contrapeso dos sindicatos. Tampouco están pensados para favorecer a creación de emprego a flexibilidade total nos contratos (período de proba dun ano, contrato de aprendizaxe até os trinta e cun máximo que sobe aos tres anos), a capacidade absoluta do empresario para trocar as condicións de traballo como quixer (incluíndo a baixa de salarios, ampliación da xornada, troco de horarios, flexibilidade funcional, entre outros), o empeoramento das condicións laborais ou o interese en restarlle capacidade de acción á negociación colectiva (prioridade aos convenios de empresa, eliminación incluso destes en casos moi subxectivos segundo lle convir aos empresarios,...). En definitiva, individualización das relacións laborais que nos leva a un sálvese quen puider, ao esgazamento de calquera vencello de solidariedade que se poida tecer na sociedade.

A crise vale para xustificar todo isto, para mudar de arriba abaixo o modelo de relacións laborais existente, para decantar de vez a balanza cara ao empresariado e o grande capital e contra a clase traballadora. Baséanse no medo e a desorientación de moita xente. Queren dar un golpe de longas consecuencias, pois os dereitos que se perden en meses custa moitos anos de sacrificios conquerilos.

Unha nova volta de parafuso que nos teñen preparada, que non nos esgana definitivamente pero que nos oprime por completo. Niso consiste en exercer ben o oficio de verdugo no garrote vil. A única resposta posíbel é opoñernos na rúa coa CIG e con miles de galegos e galegas. Para nos ceibar, para construír unha Galiza onde poidamos vivir digna e simplemente do noso traballo.

[06-03-2012 08:39] Xosé Antón comentou:

Non podemos ir cara atrás senón para adiante. A sociedade futura debe ser máis xusta, equilibrada e equitativa que a de hoxe. Ningún pai e ningunha nai quere para os/as seus/súas fillos/as unha vida pior que a que eles/as viviron, POR ISO HAI QUE TOMAR A RÚA E CONVERTILA NUNHA FORTALEZA PARA DEFENDER A XUSTIZA SOCIAL, O TRABALLO DIGNO E CON DEREITOS, O REPARTO DA RIQUEZA, QUE NINGUÉN SOFRA A FAME , A DESPROTECCIÓN E/OU A EXCLUSIÓN SOCIAL, a globalización da solidariedade e da xustiza. NON PODEMOS DAR XA MÁIS PASOS PARA ATRÁS, levamos moitos, e xa É HORA DE REVERTIR A SITUACIÓN. SÓ CUNHA MOBILIZACIÓN CONTUNDENTE LLES PODEMOS PARAR OS PES, e para iso temos que cuestionar o seu PODER, que VEXAN QUE TEMOS MOITAS FORZA E SOMOS MOITOS/AS, E QUE SAIBAN QUE SOMOS QUEN DE CONCENTRAR O PODER POPULAR PARA DEFENDER OS DEREITOS E A SOBERANÍA DO POBO.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña