00:07 Sabado, 23 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-02-2012

O paquebote esmaltado (Cartografías da cultura)

Non sei

Valorar (17)

CARLOS NEGRO


Wislawa Szymborska


Imaxino o seu corpo baixo a neve, nunha tumba humilde perto de Cracovia; o seu epitafio, como o de Lois Pereiro, xa estaba escrito de antemán, con esa actitude que na ironía atopa un esconxuro contra o mármore da solemnidade: "Aquí xace antiga como a coma/ a autora dun par de versos. Eterno descanso/ tivo a ben agasallarlle a súa terra, a pesar de que a defunta/ non pertenceu a ningún grupo literario."

A defunta, a quen a terra ha ser leve, chamábase Wislawa Szymborska. Quizais a alguén lle resulte significativo que no ano 1996 fose recoñecida co premio Nobel de Literatura, ou quizais non; pero resulta probable que ela, dado o calmo discorrer dos seus versos, aceptase ese galardón cun aquel de escepticismo, intelixente e distanciado. Pero máis alá das efemérides, o único que merece lembranza é o feito obxectivo de que deixou escritos algúns poemas que explican, sen levantar a voz, o asombro da condición humana, do teatro do mundo que denominamos existencia.

Foi Szymborska unha autora que estimaba, por riba de todo, o engado das palabras pequenas, pouco enfáticas, case nunca esdrúxulas. Fuxía como dun andazo dos posicionamentos absolutos e absolutistas, dos discursos altisonantes que non permiten a dúbida nin aceptan a ambigüidade. E se cadra por iso arrenegou sempre de calquera concepto de totalidade:

Todo
-palabra insolente e inflada pola vaidade.
Ten que se escrita entre comiñas.
Aparenta que nada omite,
que agrupa, comprende, encerra e ten.
Pero resulta que só é
un farrapo de balbordo.

Contra o estrondo enxordecedor do fanatismo, contra as trompetas do poder, os versos de Szymborska pulsan a temperatura da vida, detéñense na descrición de sucesos aparentemente nimios que logran transcender a súa  irrelevancia para nos desvelar a tensión existencial do ser humano, os seus paradoxos e contradicións, sempre desde unha perspectiva que renega tanto do tópico como do dogma. E por iso avisa: Que me perdoen as grandes preguntas polas pequenas respostas. Verdade, non me fagas caso con demasiada atención.

Xorde, pois, a poesía de Szymborska dunha actitude de reflexión constante a partir da dúbida, entendida esta como primeiro chanzo cara a un proceso de indagación e verdadeira aprendizaxe;  se cadra por iso, no discurso de recepción do Nobel,  insiste no seu aprezo por dúas palabras que asume como núcleo primixenio da súa mirada poética: non sei. Palabras cativas, insignificantes, pero dotadas de ás para o voo.

Cada poema de Szymbosrska constitúe, pois, unha resposta provisoria a esa insatisfacción do non saber. Un discreto instrumento de canto que intenta calmar, sen ofrecernos miraxes nin milagres, a sede de coñecemento que acompaña o tránsito fugaz das nosas vidas. E así, en cada poema acontece unha especie de revelación do instante, entendido este como verdade poética, como apreixamento dunha experiencia cotiá que transcende a circunstancia e se volve eternidade:

Un bosque coa aparencia dun bosque polos séculos dos séculos e amén
e no alto paxaros voando no papel de paxaros voando.
Ata onde a vista alcanza, goberna aquí o instante.
Un deses terreais instantes
convidados a perdurar.

A partir desta actitude atenta cara á epifanía do instante, e usando sempre dunha linguaxe irónica e levemente humorística, a lectura do seus versos supón unha viaxe sen destino fixo, unha especie de indagación aleatoria nas máis diversas circunstancias da memoria individual e colectiva, en acontecementos históricos e reflexións paisaxísticas, en análises introspectivas e apuntamentos filosóficos, mais sempre sen adobíos retóricos, coma quen pasa a carón nosa con pés de la, como outro rostro calquera entre a multitude. E isto non implica unha renuncia a unha ética do compromiso, pois a autora é ben consciente de que todo acto humano, toda palabra ou calquera silencio, implica un posicionamento específico ante os acontecementos da Historia:

Queiras ou non queiras,

os teus xenes teñen un pasado político,
a pel, un matiz político,
os ollos, un aspecto político.

Porén, nun dos seus derradeiros poemas, Szymborska semella agasallarnos cunha chamada esperanzada á redención do ser humano a través da beleza artística, sintetizada na homenaxe a un famoso cadro de Vermeer, e que coincide, na tonalidade afectiva, con aquel poema que Manuel Rivas titulara A leiteira; pero ela dinos:

En tanto que esa muller do Rijksmuseum

con esa calma e concentración pintadas
día tras día siga vertendo
leite do cántaro ao cunco,
non merecerá o Mundo
a fin do mundo.

E se cadra por iso faise imprescindible, de cando en vez, atopar un intre de acougo que nos permita experimentar a lectura silenciosa duns cantos versos de Wislawa Szymborska, un deses terreais instantes convidados a perdurar.


*Wislawa Szymborska: Versos escollidos, Tradución e Limiar de Lucía Caeiro; Edicións Positivas, 2011.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña