11:21 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-02-2012

As axudas públicas á banca xa superan os 270.000 millóns de euros

Reforma financeira ou atraco?

Valorar (40)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



As dúas grandes reformas que en materia económica, a laboral e a financeira, veñen de aprobar o Goberno do Estado non fan máis que continuar as políticas xa definidas polo anterior executivo socialista. Nun caso e noutro, continuase coa guerra de clases desde arriba,coa intencionalidade de garantir os beneficios do capital e transferirlle os custos da crise as maiorías sociais. Así as cousas non debe sorprendernos que desde o inicio da mesma, a polarización social e os procesos de concentración da riqueza xa están desfigurando a estrutura de clases anterior a 2008. Abonda como exemplo os propios dados que remata de facer públicos a OCDE no seu informe de 2011 onde afirma " que a desigualdade entre ricos e pobres acadou en 2011o nivel máximo dos últimos 30 anos, supoñendo os ingresos medios do 10% máis ricos en España  13 veces máis que o 10% máis pobres cando na media da OCDE esta diferenza é de 9 veces". Non hai lugar para a dúbida, estamos diante dunha nova volta de torca, se se quer máis dolorosa, no que o eixo central segue a ser o saqueo das arcas públicas para rescatar a banca.

A nova reforma financeira, baixo a aparencia de pretender sanear o balance das entidades de crédito, axilizar o proceso de fusións das mesmas así como mellorar o seu goberno corporativo, algo xa recollido no FROB, non é máis que unha coartada para posibilitar unha unha inxección masiva de diñeiro público a bancos e caixas. A 31 de decembro de 2011, o sistema financeiro español tiña recibido axudas públicas por máis de 220.000 millóns de Euros, aos que debemos sumar os máis de 50.000 millóns inxectados polo Goberno Rajoy neste primeiro trimestre do ano sen esquecer os chutes de liquidez ao 1% de 350.000 millóns de Euros aportados polo Banco Central Europeo a finais de 2011. Aínda así a situación do sistema a día de hoxe é de quebra, posto que segundo recoñece o Ministro de Guindos só asociado ao crédito promotor (aproximadamente 410.000 millóns de Euros), o furado é de 135.000 millóns, ao que debemos sumarlle o que se xera dos créditos hipotecarios (aproximadamente 680.000 millóns de Euros) cun nivel de mora real do 9% así como as perdas derivadas da desvalorización dos activos inmobiliarios. O propio goberno volveu a prorrogar as disposicións recollidas na Lei do Solo de 2007 e na Lei de Economía Sostíbel para evitar os novos criterios de taxación para o solo rústico e urbanizábel que tiñan que entrar en vigor en 2009. Estamos logo, diante de máis do mesmo, isto é mirar para outro lado, posto que sanear o sistema significaría intervir varias entidades, co custo económico que representa, e tamén porque un control rigoroso implicaría poñer ao descuberto o verdadeiro furado do sistema financeiro, que tanto o Banco Internacional de Pagos de Basilea acaba de cifrar en preto de 325.000 millóns de Euros. Que non nos cegue a operación de maquelaxe de limitación dos salarios aos directivos das entidades que recibiron axudas públicas, pénsese que o recorte só afecta aos salarios non ao resto de retribucións noutros conceptos, posto que a reforma vai significar o destino doutros 100.000 millóns de Euros de diñeiro público ás entidades bancarias antes de que remate o ano.

O Decreto Lei que recolle a nova arquitectura para o sector establece unha liña de axudas dirixidas a aquelas entidades que aumenten nun 20% o seu balanzo(10% en casos especiais non determinados) mediante operacións societarias así como un Plano de Viabilidade Económica e Goberno Corporativo antes do 31 de Maio. Non hai dúbida algunha que Nova Galiza Banco entrará nalgunha das operacións de fusión, co que implica de entregar, neste caso a Bankia, os activos bos da entidade, isto é o 42% da cota de mercado que mantén en Galiza, un territorio que segue a xerar aforro neto. Chegados a este punto pouco sentido tería volver sobre as causas da desaparición do sistema financeiro galego, ou reiterar as responsabilidades das dúas forzas políticas do torno neste desenlace. Poren o nacionalismo non pode desentenderse primeiramente de dar, esta si, a derradeira batalla sobre a galeguidade e a orientación publica de NGB, en segundo lugar analizar novas alternativas a fin de garantir que Galiza conte con ferramentas financeiras de seu e por último debuxar o novo cenario que se abre para as PEMES, os autónomos e o tecido produtivo de Galiza coa desaparición do instrumento financeiro co que máis vínculos mantiñan.

[23-02-2012 08:59] Xosé antón comentou:

Supoño que somos moitos/as galegos/as que precisamos saber qué podemos facer e ónde deberíamos poñer os nosos pequenos aforros para mellor servir á Patria con eles, e alimentar a criazón de riqueza e tecido produtivo propio, despois da conversión das nosas caixas en NovaGaliciaBanco. Precisaríamos saber que alternativas temos, se é que hai algunha boa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña