07:53 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-02-2012

Desde a fronteira, A falacia do economicismo e Economía humanista, tres títulos imprescindíbeis para comprender a decadencia do sistema capitalista desde unha visión humanista

Lecturas de onte para os tempos de hoxe

Valorar (12)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Grande foi a nosa decepción cando tivemos entre as mans o libriño de Stéphane Hessel. Despois do éxito que Indignez vous! acadara en Francia e da publicidade que se lle deu en diversos países e en todos os medios, a verdade é que agardabamos un texto de máis profundidade filosófica. Mais esa lectura convidounos a regresar máis unha vez ao pensamento de José Luís Sampedro e a un libro extraordinario de Carlos Mella sobre a decadencia do sistema económico capitalista, unha tese na que tamén coinciden o propio Sampedro e outros intelectuais como o sociólogo estadounidense Immanuel Wallerstein. En realidade non alcanzamos a entender como nestes tempos tan necesitados da lucidez dos pensadores heterodoxos non se fixo nada por divulgar e promover a lectura dun libro plenamente actual como é A falacia do economicismo, publicado en 1994 na colección de ensaio de Espiral Maior, que polo que nós sabemos só tivo inexplicabelmente unha edición en galego e una tradución ao catalán, cando é unha obra dun valor inmensamente superior ao traballo de Stéphane Hessel e un libro que podería ser un fenómeno cultural e editorial en calquera lingua do planeta.

A análise que fai Carlos Mella neste seu traballo ensaístico sobre o sistema capitalista está escrita, como non podía ser doutro xeito, desde a súa grande solidez académica e intelectual e cunha admirábel claridade discursiva. Mella apenas precisa referencias de autores e de títulos para expor con brillantez as súas ideas, o que fai que a lectura do texto sexa un exercicio enormemente gozoso e accesíbel a calquera persoa, por moi pouco que saiba de economía. Xa nos temos referido nun artigo anterior á forte vontade didáctica de Carlos Mella na súa obra ensaística. Certamente,  este ilustre estradense, que na época de Albor fora vicepresidente da Xunta de Galiza e conselleiro de Economía e Facenda, é un intelectual que escribe para ser lido por un público moi amplo e que procura sempre contaxiarnos dunha outra visión da sociedade e facernos reflexionar sobre o mundo que construímos. E consígueo. A falacia do economicismo non deixa indiferente a ninguén. Libros como o que aquí estamos a comentar de Carlos Mella son os que se precisan para cambiar a mentalidade das persoas que teñen no cumio dos seus valores a rendibilidade, a competitividade e o lucro ou a mentalidade dos que aínda non se decataron de que o sistema económico capitalista está na etapa final da súa decadencia, por moi poderoso que hoxe sexa o poder financeiro. Esta é tamén unha obra escrita desde a esperanza e desde a confianza no ser humano: "O home -dinos Mella- non é só como se traduce hoxe, un produtor e consumidor, non se esgota no binomio producir-consumir; o home é tamén poeta, é tamén un ser curioso de mirar marabillado, é tamén un ser esperanzado, é tamén un ser que sabe de xenerosidade, de solidariedade, de amor, de amizade e de fe. Un ser capaz de gasta-la súa vida na construción dun mundo novo".

José Luís Sampedro é outra referencia fundamental para explorarmos nas profundidades do ser humano e nas contradicións deste sistema que camiña firme cara á súa destrución. Unha das cousas máis marabillosas que nos aconteceu na nosa vida foi descubrir a Sampedro cando tíñamos dezasete anos, nun programa de entrevistas que dirixía Joaquín Soler Serrano na televisión española. Desde aquela conversa no programa "A fondo" da TV-2, en decembro de 1977, xa non deixamos de ler todo canto caía nas nosas mans de José Luís Sampedro: as súas novelas, unha tras outra, discursos, entrevistas, artigos, leccións maxistrais sobre a súa obra, libros de conversas... E aínda a vida nos sorprendería permitíndonos gozar da súa presenza na Universidade Popular de Ortigueira e de moi felices días de paseos, xantares e conversas con el durante aquel verán de 1990, unha amizade que se prolongaría durante algúns anos máis a través da correspondencia, dun seu prólogo que alguén sen eu saber lle solicitou para un meu esquecido libro de poemas e dun breve ensaio que nós fixemos sobre a súa novela Real Sitio e que agora a miña amiga Gloria tivo a xentileza de subir ao blog mulleresfragadassaimas. Permitídeme que o diga aquí: igual que todas e todos temos un médico ou unha médica de cabeceira, eu teño un sabio de cabeceira: José Luís Sampedro. A verdade é que somos milleiros de persoas as que estamos fascinadas coa súa sabedoría, os que temos un lugar preferente na nosa biblioteca para os seus libros, os que regresamos unha e outra vez á súa obra e ao seu pensamento humanista.

Algún tempo despois de estar en Ortigueira, José Luís enviounos Desde la frontera, o seu discurso de ingreso na Real Academia Española. Quen me coñece sabe que levo moitos anos facendo fotocopias deste texto para os amigos e recomendando con verdadeira paixón a súa lectura. Agora calquera persoa o pode baixar da web da Real Academia Española. Poucos libros logran enriquecernos tanto como este discurso de Sampedro. Velaquí outro traballo que debería circular por todo o planeta. Trátase dunha lección para aprender a vivir desde unha visión humanista e desde unha crítica radical ao sistema occidental. Pido encarecidamente que ninguén deixe de ler este discurso académico de José Luís Sampedro. Descubrirá un pensamento rebelde e transgresor, escrito cun estilo transparente, sen retórica nin erudición. É unha prosa onde florece a sabedoría, un traballo luminoso, de lectura deliciosa, breve na súa extensión, mais con raíces profundas no coñecemento do ser humano e da historia da humanidade. Lendo ou escoitando a José Luís apréndese sobre todo a reflexionar e a pensar criticamente.

Entre os seus últimos títulos publicados queremos destacar aquí Economía humanista. Algo más que cifras (Editorial Debate, 2009), unha selección de artigos, capítulos de libros e conferencias pronunciadas en diferentes foros, que datan principalmente dos anos sesenta e setenta, aínda que o primeiro traballo recompilado por Olga Lucas e Carlos Berzosa é de 1947, ano no que José Luís Sampedro tamén se iniciou como profesor de Estrutura Económica na Universidade Complutense. Curiosamente, neste texto inicial xa aparecen reflectidas as súas ideas sobre a decadencia do sistema occidental, que serán logo unha constante ao longo de toda a súa actividade docente como profesor de economía de moitas xeracións e que non deixarán nunca de ocupar un lugar destacado nas súas conferencias, en toda a súa obra ensaística e de creación, nos seus libros de conversas, artigos, manifestos e entrevistas realizadas nos máis diversos medios. Nun dos máis interesantes traballos que figuran neste libro ("La crises del desarrollo y el medio ambiente"), José Luís Sampedro, xa en 1982, precisa que a crise é mundial, o que nunca ocorreu en séculos anteriores, e que repercute en todas as partes do planeta, pero de modos moi distintos e até opostos segundo os escenarios parciais. E noutro artigo publicado en 1983 explica a nosa civilización occidental coas seguintes palabras: "o símbolo desta civilización é unha árbore sen raíces, e como tal, condenada a caer; unha árbore cuxas ramas e froitos proliferaron, mais sen crecemento cara á profundidade interior". Así escribe José Luís de economía, desde o seu radical humanismo, convencido de que vivimos desde hai décadas a decadencia do sistema capitalista, proclamando xa nunha conferencia no Círculo de Economía de Barcelona en maio do 68 que o mundo vai en dirección a outra forma socialista de organización da economía. "Por iso contemplo a crise con esperanza -escribiu Sampedro hai trinta anos-, porque esta crise é a proba histórica de que aquel mundo non pode continuar. A crise demostra que o vello -e o desarrollismo convencional é o vello- está morrendo, aínda que o novo non acabe de nacer". Unha e outra vez José Luís Sampedro diranos que cantas máis razóns ten para o pesimismo, máis motivos ten para a esperanza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña