07:36 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-02-2012

A militancia nacionalista, isto é, a do BNG, non se merece este trato tan cruel

Galiza precisa do BNG

Valorar (106)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ



É xa demasiado tempo de convulsión, de balbordo, de vergoñento espectáculo público, de erosión do nacionalismo organizado, de tanto afán destrutivo. A militancia nacionalista, isto é, a do BNG, non se merece este trato tan cruel. Nin o noso proxecto político. E moito menos o pobo que defendemos e polo que loitamos. Meses e meses de censura pública, de reproche, de condena ou directamente de insulto precisan de explicación cabal para rematar co desconcerto e a confusión. Este longo proceso -falei de meses, probabelmente son anos- responde a unhas causas. Vou obviar as persoais, que as hai, para me centrar nas relevantes: as políticas e ideolóxicas. Singularmente no relativo á flagrante vulneración, por parte da persoa que exerceu como referente público dun colectivo de militantes que decidiu autoexcluirse da frente patriótica, dos principios que inspiraron o nacemento e existencia do Bloque Nacionalista Galego. Así de clariño. Ollemos:

1. Democracia. Non coñezo unha organización máis democrática que o BNG. A XIII Asemblea Nacional, e o proceso comarcal previo, non só deparou uns resultados democráticos. Foi a mellor demostración de que a soberanía do BNG reside xustamente na súa militancia. Mulleres e homes libres que falaron, debateron e votaron libremente. Quen quixo falar, falou. Quen quixo propor, propuxo. Outra cousa é que non se aceiten os resultados democráticos, ou que se deslexitimen alegremente cando non gostan. Mesmo cando a conformación dos órganos de dirección resultantes do proceso asembleario garanten a presenza de todas as correntes organizadas na toma de decisións. E procedendo dun contexto previo no que ningunha corrente, ningunha, posuía maioría mecánica no Consello Nacional do BNG. Tanto ten. O importante é reproducir acriticamente a monumental mentira do suposto "control", no que reputados benególogos (recoñecidos e desacomplexados antinacionalistas) tanto teñen insistido. Mais a realidade vai por outro camiño.

2. Galiza nación. Autodeterminación. Autoorganización. Velaí a cuestión fundamental. Principios fundacionais, si, como o da autoorganización, foron cuestionados na práctica. Unha nación -comezando pola nosa- para se liberar, para exercer a autodeterminación, precisa de instrumentos organizativos propios. Da autoorganización. Forzas políticas, mais tamén organizacións sindicais, xuvenís, culturais, de mulleres, veciñais, deportivas, profesionais, etc., sen dependencia. É de catón. Procuramos unha nación libre, non sermos sucursal de ninguén. É posíbel ser de esquerdas nunha nación colonizada sen asumir o problema nacional na práctica organizativa? Eu sosteño que non. Porén, hai quen aposta abertamente por desprazar, poño por caso, ao sindicalismo nacionalista en beneficio de opcións sucursalistas. A deriva ideolóxico-política desta posición é ben evidente, e colide cun principio básico para calquera nacionalista.

3.- Discrepancia pública. Ninguén cuestiona este principio. Ocorre que hai unha diferenza, nada sutil, entre discrepancia pública e linchamento mediático. E houbo quen preferiu optar polo linchamento público do BNG de xeito consciente e deliberado. Por esa razón gozaron de agarimo mediático, porque erosionaban o BNG e fortalecían o poder. Por iso, e só por iso, contribuíron a encher páxinas de xornais, horas de emisión radiofónica e protagonizaron portadas televisivas. Porque, na práctica, foron funcionais cun poder político e económico empeñado en destruír ao BNG. Recentemente un ex-senador do BNG afirmaba sentirse incómodo na organización, mais aclaraba que no caso de decidir a súa baixa, marcharía con discreción, para non danar o BNG. Curioso conceito da "discreción" o que algúns practican, consistente en informar aos medios de comunicación, minuto a minuto, da marcha do proceso de reflexión íntima sobre a permanencia ou non no BNG, e as correspondentes manifestacións públicas cando a decisión adquire carácter definitivo.

E o que temos finalmente, como corolario dese proceso, non é unha decisión política de abandono do BNG. Non. Esa decisión xa estaba tomada e practicada con anterioridade. O que houbo foi unha decisión "administrativa", formal. A outra, a relevante, a política, xa se tomou cando se atacaba ao BNG. Na práctica, que é o que vale, xa estaban fóra.

E agora, o que toca é seguir. Seguir adiante. Como sempre fixemos e como sabemos facer. Conscientes de que, a día de hoxe, a dinámica política impulsada polo sector que abandonou o BNG funciona como auténtico balón de oxíxeno ao servizo do Partido Popular. Nin máis nin menos. Debilitar o nacionalismo e afortalar o Partido Popular, beneficiario obxectivo deste proceso surrealista e esperpéntico, e protagonista dunhas políticas radicalmente antigalegas e antisociais.

Galiza precisa do BNG. Defendamos o BNG, todo el, dende o pluralismo e a diversidade. Un BNG útil para o seu pobo, activo e con incidencia social. Acción e combate social para enfrontar tempos moi duros, de retroceso democrático e recortes sociais e laborais. Todas e todos collemos nun BNG que é instrumento imprescindíbel de autodefensa nacional. Exerzamos o orgullo de participarmos nunha organización que é a expresión política da consciencia dun pobo e do seu empeño de existir libre e dignamente.


1 2 3 4 5 6 seguinte

[20-02-2012 11:46] oscar g. carballeira comentou:

É indudavel o dano que lle fan á militancia e ó sono nacionalista e a Galiza estes individos que a pasan ollándose o embigo entre liortas mentres os votos esbuen coma auga nun paxe. Eles van ó seu, viver de moca na convicción de seren insustituiveis nunha organización de panoios -coidan-. Pro ren máis lonxe da realidade. A militancia, alineada ou non, é o espiñazo do BNG e está aguantando esas arroutadas por compromiso co país. É o único insustituivel. Eles deberian porse a andar que é o seu deber e meio de vida en moitos casos e se non lles vale coller os picos sen alforxas. Que todo ten un linde.

[20-02-2012 08:40] Xosé Antón comentou:

Superemos xa os debates internos e as escisións ou saídas do BNG, e recuperemos -canto antes- o traballo político e social pois o que está a virnos enrriba é moi forte e precisamos dun BNG unido e dunha militancia concienciada para invertir o ¨tsunami¨ actual de aniquilación nacional, recentralización institucional, dereitización social e empobrecemento popular, que non pode collernos máis tempo enzarzados nestas liortas que malia seren importantes para o nacionalismo galego, son intrascendentes agora mesmo para o conxunto dos/das nosos/as compatriotas, a base social popular do BNG.

[19-02-2012 11:58] Uxío Riouxa comentou:

O BNG está deixando aparcado o sector máis dinámico e de máis futuro da nosa sociedade: a mocidade. A presenza de Galiza Nova hoxe nos centros de Ensino, e falo como "profe", é case inexistente. Nos "I.E.S"a inmensa maioría dos nosos moz@s non saben da existencia de Galiza Nova. Cómpre dedicarlle menos tempo ás liortas internas e máis á organización, na liña do artigo de Bieito Lobeira, que me pareceu moi oportuno. Os nacionalistas de verdade, vense no traballo diario, como o que fas ti , BIeito, no Parlamento, especialmente na defensa do noso idioma, e non no narcisismo das "estrelas mediáticas".

[19-02-2012 00:31] Suso comentou:

O problema está en que o BNG estaba perdendo votos, non chegaba á xente. E os direxentes do BNG sempre o negaban, non facían autocrítica. Está claro que o BNG estaba perdendo votos. E sempre crín que apartar a Beiras fixo perder moitísimos votos. Non hai ninguén no BNG que teña a metade de carisma que ten Beiras. E dicir que o de EI estaba todo acordado, vamos, a última asamblea do EI foi o máis democrático que vin, alí falaban todos. Tamén creo que que esto vai mobilizar a moita máis xente, moita irase con EI, e moitos outros voltarán ó BNG porque haberá moito debate de ideas, e iso sempre está ben. Saúdos

1 2 3 4 5 6 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña