14:32 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-02-2012

Semella que a cuestión dos centros comarcais chega a un final digno desta consellaría e deste goberno de altura presidido polo señor Feijóo

Os funerais polos centros comarcais

Valorar (9)

ANABEL GULÍAS TORREIRO



Semella que a cuestión dos centros comarcais chega a un final digno desta consellaría e deste goberno de altura presidido polo señor Feijoo, ocupado ultimamente, en facer política en Andalucía ou en Madrid (débelle prestar máis alí)

En fin, tómase a decisión de liquidar a Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal (SODECO) en aras da contención orzamentaria. O problema é que neste goberno de decisións arbitrarias e nesta consellaría agro- marítima (!!!) que nin pincha nin corta seguen tomando decisións apresuradas e sen ter en conta a ninguén. Aproveitando convintemente que esta cuestión, por descoñecida, non ocupa os grandes titulares nos medios de comunicación.

Relatarei o que aconteceu nos últimos días do xa esgotado 2011 para ilustrar o proceder. O día 23 de decembro recibimos unha carta do "liquidador oficial" da Sociedade, dicindo que o contrato asinado entre o GDR e SODECO xa non tiña validez polo que a partir do día 30 de decembro quedabamos sen sede do grupo.

Paralelamente a este proceso de semi peche os provedores chamaban para darnos aviso de que estaban cortando o subministro, o persoal de mantemento non sabía se debía continuar traballando ou non. Un par de semanas antes a prensa local avisaba do peche inminente dos centros comarcais a día 31 de decembro. Na última semana do mes empezaron a desmantelar os centros levando todo o que tiña valor.

Para exemplificar a descoordinación deste goberno neste tema, falemos concretamente do Centro de Tabeirós - Terra de Montes, no que eu traballo. Querían trasladar a oficina da extensión agraria ao edificio comarcal, en fin, xa levamos varias reformas (as últimas precisamente provocadas por non facer efectivo o traslado) e seguimos na mesma. Alguén pode respostar claramente e dicir cantos cartos se investiron aí ? E alguén pode explicar de quen é a responsabilidade?

A día de hoxe febreiro 2012 todo sigue aparentemente igual.

Mais o máis criticábel sen dúbida é o trato ao persoal. Nin se lles informa da situación e menos do seu futuro senón que se lles comunica o último día a adscrición a outros servizos tal como aparece publicado no DOG. Igual é que eu teño unha visión anacrónica do papel que deben xogar os traballadores no sistema de produción como pezas imprescindíbeis para o funcionamento de calquera entidade pública ou privada. Ou igual é que eu coido, a diferenza dalgunha xente, que é básico seguir garantido os dereitos laborais logrados a base de loita social (espero que isto non soe a comunismo nin outras palabras impronunciábeis que impiden o aperturismo ou a conexión social) o certo é que a min non me parecen xeitos de tratar aos traballadores que aínda non teñen ningún dato do que vai a pasar con eles .

Sen desviarnos do tema que non ocupa resulta abraiante a solución da Administración para resolver esta cuestión o 2 de xaneiro sae no DOG o DECRETO 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, e no seu preambulo dí "De conformidade co artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, autorízase o Consello da Xunta de Galicia para proceder á disolución, da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Desde o momento no que se produza a extinción da personalidade xurídica da sociedade anónima, o Instituto de Estudos do Territorio, en función das novas competencias atribuídas e a estrutura necesaria para o seu desenvolvemento, subrogarase nos dereitos e obrigas da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, no que se refire á Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia.

A posta en funcionamento do Instituto de Estudos do Territorio implicará, desde o punto de vista organizativo, a supresión da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a atribución das funcións desta última á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e ao Instituto de Estudos do Territorio, así como a adscrición da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica ao instituto, acadando, deste xeito, unha maior eficiencia e axilidade na xestión, e evitando duplicidades innecesarias no desenvolvemento das funcións administrativas"

Curiosa é esta última frase de evitar duplicidades primeiro porque recoñece expresamente o innecesario da creación de SODECO. Pero cómpre non esquecer, que cando houbo un intento por dotar de contido e funcionalidade os centros comarcais o goberno actual do PP encargouse de paralo. Co cal... que nos queda agora? Centros comarcais pechados? Centros comarcais adscritos a unha nova estrutura administrativa de novo innecesaria? E ante estas preguntas a resposta é ..... INCERTIDUME, coma sempre, patada para diante ao problema que isto non interesa a ninguén.

É o peor destes textos legais que van a artellar a nova situación dos centros é o lugar no que deixan ao persoal do mesmo. Se ben é certo que en principio trasládaos a outras unidades administrativas deixan a porta aberta a unha reestruturación ou dito doutro xeito, despois da pertinente elaboración dunha relación de postos de traballo, poden proceder sen problemas a un despido disimulado coa tan manida escusa do PP: a austeridade, iso si, austeridade selectiva para traballadores que cobran non moito máis de 1000 euros e que xa teñen o salario conxelado.

Estamos diante dunha actitude cómplice dunha determinada ideoloxía que pasa polo adelgazamento dos servizos públicos nunha escena na que parte da sociedade aplaude medidas lesivas para os traballadores da función pública (por certo, por se alguén lle crea suspicacia eu non pertenzo a ela)

En fin, veñen tempos complicados cunha reforma laboral inadmisíbel pero os primeiros pasos dos ataques contra a función pública xa comezaron, insisto na idea de que ao mellor o tema dos centros comarcais, probabelmente, non xere audiencia mediática pero non podemos esquecer que os grandes cambios ou neste caso a pervivenza dun sistema salvaxe e privatizador tamén pasa pola asimilación dos pequenos cambios.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña