01:26 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2010

Estamos dispostas a ver impasíbeis a un goberno que se mofa da igualdade?

Feixóo ao natural

Valorar (19)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



Hai poucos días tivemos a ocasión de escoitar a Feixóo "ao natural". Nun acto con mozos e mozas en Boqueixón, na súa intervención pública confesaba: "Bueno, voy a ser breve porque he quedado con María Meira (...) De momento me dijo que no, pero lo voy a intentar". Recoñezo que tiven que ver este vídeo varias veces porque non daba creto. Non podía crer que a esas alturas, un cargo público -nada máis e nada menos que o Presidente da Xunta de Galiza!- recorrera aos típicos tópicos machistas nun acto público.

Mais aí están as novas tecnoloxías para darnos un baño de realidade. A realidade da cousificación das mulleres, do pensamento sexista que reduce ás mulleres a un mero obxecto sexual. Pode ser que o subconsciente, ou mellor o inconsciente de Feixóo, o traizoara e xa se vira como protagonista dunha versión galega do idilio Sarkozy-Carla Bruni.

Frivolidades á marxe, a miña preocupación radica noutro extremo: que podemos agardar as mulleres de quen traduce con tanta claridade a súa ideoloxía conservadora? O balanzo deste primeiro ano non invita precisamente ao optimismo.

O goberno do PP ten situado nun plano secundario as políticas de igualdade, protagonizando retrocesos que son reveladores dunha ideoloxía que se sinte cómoda co rol tradicional das mulleres. Retrocesos que se sitúan tanto no plano das accións concretas, como no terreo do simbólico, que non é menos importante.

Xa o diciamos hai un ano, a decisión de Feijoó de incumprir a lei que o obriga a facer un goberno co mesmo número de homes e mulleres non era inocente. O vaticinio cumpriuse e hoxe temos que lamentar que o Goberno do PP se teña empeñado en poñer máis barreiras das que xa teñen as mulleres, desenvolvendo políticas que de facto son contrarias a avanzar nunha sociedade con equidade de xénero.

Os exemplos falan por si propios. Cando o PP decide darlle luz verde á tramitación dunha Iniciativa Lexislativa Popular promovida por asociacións antiabortistas, sitúase do lado dos que cuestionan a capacidade das mulleres para decidir sobre a súa maternidade. Cando o PP decide que os colexios que segregan a nenos e nenas reciban fondos públicos, está apostando por un modelo educativo discriminatorio e contrario a unha escola coeducativa. Cando o PP decide que se pechen puntos de información as mulleres ou as equipas de igualdade de igualdade das oficinas de I+B, está limitando o dereito das mulleres a acceder á información e a un acceso igualitario aos recursos. Cando deciden non continuar co proceso para crear a rede de kanguras, está obstaculizando os recursos para a conciliación. Cando paralizan o incremento de escolas infantís ou centros de día públicos está restrinxindo as posibilidades materiais das mulleres de acceder a un emprego remunerado.

Como remate desta xogada temos a presentación dun anteproxecto de lei para suprimir o Servizo Galego de Igualdade. Non partimos dunha adhesión inquebrantábel a este modelo, pensamos que se pode mellorar. Mais recoñecémoslles virtudes. Ao ser un órgano creado por lei dáballe estabilidade ás políticas de igualdade, garantía que como mínimo, en todos os gobernos existiría unha estrutura administrativa co obxectivo de erradicar as desigualdades de xénero. Con ese anteproxecto o que fai o PP é eliminar esas garantías.

Xa sabíamos que a sociedade continúa sendo machista, que a ideoloxía e estrutura patriarcal son realidades coas que convivimos no día a día. Agora ben, estamos dispostas a retroceder? Estamos dispostas a ver impasíbeis a un goberno que se mofa da igualdade? Podemos escoitar impertérritas como o presidente da Xunta reproduce os máis rancios estereotipos sexistas? Esta é para min a cuestión chave neste momento. Feixóo xustificaba as palabras coas que empeza este artigo en base a que estaba nun acto distendido, dito doutro xeito, estaba sendo natural. Con esta aseveración introduce unha carga de profundidade contra os principios do feminismo, revela que a incorporación da igualdade, no seu caso, é só un recurso do politicamente correcto. Pero acabar coa desigualdade require accións contundentes, cambios estruturais que ou promovemos nós, ou seguiran agardando tempos mellores.


[02-04-2010 ] Eu comentou:

Feijóo en estado puro: é capaz de poñer podres aos adversarios e dicir que non fala mal de ninguén... na mesma frase! E burlarse de quen ocupa cargos públicos precisamente el, que lle saíron os dentes na administración! E é normal que un cincuentón lle "entre" desa maneira en público a unha rapaza?

[02-04-2010 ] Marta comentou:

Excelente artigo! É evidente que estamos asistindo a un retroceso brutal en cuestións de igualdade real, aínda que a igualdade formal estea garantida por lei. Concordo totalmente na importancia do simbólico: a ideoloxía de xénero, rancia máis que conservadora, coa que se bombardea as mulleres novas está dando froitos e infelizmente moitas delas séntense cómodas co seu papel de obxecto sexual. Pero é indignante que, ademais do telelixo, teñamos que aturar este discurso nun cargo público que ten a obriga de pular pola igualdade.

[02-04-2010 ] Susana comentou:

Noraboa polo artigo
Está claro que este home está envestido dunha soberbia que o cega a él e ao seu governo, e seica pretende cegarnos a tod@s. O seu é mirar cara atrás, carece de visión de futuro, fai apoloxía da desigualdade de xénero, da desigualdade de clases, da desprotección dos intereses linguisticos e económicos da nosa terra, favorece á especulación, é simplemente desastroso como gobernante e impresentable como home. Si non cae nas próximas eleccións ímolo pasar moi mal.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña