14:05 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-02-2012

O funcionamento do IGAPE, nestes tres anos de lexislatura de Feijóo, é un bo exemplo de “transparencia, eficacia e austeridade”

O IGAPE de Feijóo

Valorar (16)

FERNANDO BRANCO PARGA



En maio de 2011, os dous máximos dirixentes do IGAPE foron detidos e imputados nunha causa xudicial sobre determinadas subvencións a un grupo empresarial, posteriormente o Director dimitiría e o Subdirector pasou a ocupar outras funcións dentro do propio IGAPE, responsabilizándose da zona norte de Galiza.

Pasados seis meses, a principios de decembro, cesouse por segunda vez a esta última persoa, nesta ocasión por coñecerse que unha familiar directa recibira axudas xestionadas polo IGAPE no denominado Plan Ferrol.

Esta familiar que, como actividade empresarial coñecida xestionaba unha escola infantil, recibiu para unha empresa de tratamento, reciclaxe e valorización de aceites usados e outros residuos industriais, un total de 1.338.207 euros. Este préstamo ao 0%, aparece publicado no BOE do 26 de novembro de 2009, a data é importante porque o Conselleiro de Economía e Industria, nunha clásica manobra de confusión, imputoulle ao anterior Goberno da Xunta esta decisión, fica claro que en novembro de 2009, o actual Goberno de Feijoo xa levaba máis de seis meses na Xunta.

Pero é que, xa no ano 2011, esta mesma "empresaria" foi quen de montar dúas empresas e seis días despois aprobárselle axudas, do mesmo Plan Ferrol, por valor de 2,6 millóns de euros, que non chegou a cobrar ao facerse público o seu parentesco co directivo do IGAPE.

Non acaban aquí as situacións curiosas no IGAPE.

18 millóns para a CEG

Logo de cambio de goberno, o 11 de setembro de 2009, tomaba posesión o novo Secretario Xeral do IGAPE que, segundo a nota oficial publicada polo propio organismo, viña de exercer a súa actividade profesional no ámbito privado, como director do servizo de licitacións internacionais da Confederación de Empresarios/as de Galiza (CEG).

Sendo Secretario Xeral, o normal é que as súas funcións fosen sobre a xestión do orzamento e de recursos humanos, porén, adicouse a viaxar polo mundo, mesmo acompañando a algún representante do Goberno Galego e da CEG.

Baixo a súa xestión asinouse un Convenio entre o IGAPE e a CEG, polo cal se privatizan as oficinas do IGAPE no estranxeiro e pasan a ser xestionas pola CEG que a cambio recibe do Goberno Galego 18 millóns de euros, a pagar en catro anos.

Ao parecer este Convenio, que nunca foi entregado no Parlamento a pesares de ser solicitado formalmente, non recollía o compromiso da CEG de facerse cargo da estrutura que IGAPE xa tiña no estranxeiro. E danse situacións como a da oficina de Miami, onde o IGAPE ten alugado un local até novembro do 2013, pola que paga uns 6.000 euros mensuais e que non vai ser empregado pola CEG. Situación semellante deuse na oficina de Sanghái. Todo un exemplo de aforro e eficiencia.

Nova Secretaria Xeral

A finais de decembro do 2011 foi cesado este Secretario Xeral, e pasou a ocupar ese cargo a persoa que ate ese momento levaba a Xerencia da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico, esta nova Secretaria Xeral acumula, da súa responsabilidade anterior, varias denuncias sindicais por acoso laboral, persecución sindical e despedimentos improcedentes.

Orzamento do IGAPE no 2012

A pesares da crise económica e das dificultades para atopar financiamento, a Xunta minorou o orzamento do IGAPE para este ano nun 45%, é dicir, terá 118 millóns de euros menos.

En definitiva, en só tres anos, o IGAPE é un claro expoñente da xestión transparente, da eficacia e da austeridade da política industrial do Goberno Feijoo, que é moi difícil superar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña