15:57 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-02-2012

Publicación en formato pdf dun libro esencial para reconstruír a historia de Galiza

Os labregos diante da loita de liberacion nacional

Valorar (28)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez



Esta obra de Ramón Muñiz de las Cuevas
foi escrita no ano 1979 baixo o seudónimo de Xosé Fernández Roupar e prologada polo crego de Sésamo ou o crego das Encrobas, Moncho Valcárcel, ten o grande mérito de ser feita por quen estivo eses anos levando a responsabilidade política diante do nacionalismo da orientación colectiva destas loitas e da ideoloxización dos e das afectados. Aínda máis, procurouse, e acertouse, creando vencellos de solidariedade e organización de cara o futuro entre quen sufriron os abusos dos poderes fáticos e tamén se estableceron vencellos co nacionalismo político, nun intre tan decisivo como aquel no que a partir dos sentimentos de Patria Común se estaba creando todo "ex novo". Non se estaba refundando nada senón fundando.

Cunha oratoria propia dos devanceiros irmáns da resistencia galeguista, remata o prólogo de Moncho Valcárcel: "Os protagonistas do libro son os labregos organizados nas Comisións Labregas, as que levaron ao agro o facho esperanzador da redención, da liberdade. Desde a súa aparición unha corrente de nacionalismo espallouse polas parroquias, aldeas e rueiros, xuntando a emancipación labrega coa liberación de Galiza. Desde entón o labrego escomeza a saber que só nunha Galiza ceibe e popular se rematará a súa escravitude."  

O corpo teórico do programa interclasista e frontista desde os dez puntos fundacionais da UPG até a creación da AN-PG e as "Bases Constitucionais" remataba de pasar pola proba empírica da dialéctica social da loita de clases aquí e agora, na Galiza rural dos anos 70 do século pasado. O libro, como indica o autor, abarca desde o ano 1973, cando se fundan as Comisións Labregas, até principios de 1978.

Partindo dun seudónimo cun nome ben abundante en Galiza, un xentilicio e un topónimo de entre a Terra Cha e a Costa o autor pon de relevo uns fenómenos políticos que incluso a esquerda máis radical española negaba naquel momento: Os labregos teñen conciencia e consciencia política. Son unidos, valentes, solidarios, e organizados, e as súas loitas fanse imprescindíbeis para consolidar o movemento nacionalista.

Refléxase tamén no libro o necesario apoio doutros sectores da poboación e o potente empuxe dunhas xentes xóvenes uníndose a estas loitas agrarias. O incuestionábel papel das organizacións de masas e a xenerosidade coa que se enfrontan as dificultades e a represión do poder.

Tamén se pode utilizar o libro como manual de loita sindical e social no que se describen cantas confrontacións sociais, na rúa e en moitos lugares, se ían dando entre os intereses duns negocios alleos e colonizadores e os dunhas xentes dun país que todo lle lo van quitando sen explicación nin nada a cambio.

As Encrobas, Xove, Baldaio e outros lugares quedarán resoando moito tempo como as grandes loitas das crases populares e particularmente dos labregos e labregas galegos contra a colonización de Galiza.



Listaxe de ligazóns

[13-02-2012 16:31] maría comentou:

obrigada por deixarnos desfrutar deste traballo

[11-02-2012 12:49] Antonio das Mortes comentou:

Dióvolopague!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña