03:05 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-02-2012

Como dote, ó tempo de casarse coa súa dona recibiu tres mil ducados en diñeiro

A casa de Lamas de Quintalonga. D. Antonio Lamas Vaamonde

Valorar (13)

XOSÉ ISIDRO FERNÁNDEZ VILALBA



Era fillo lexitimo de Don Gaspar de Lamas Vaamonde e de Catalina del Busto, veciños que foron da freguesía de Santa Eulalia de Vilausende, concello de Sante e tivo casado con Dona María Sanjurjo Montenegro e Cantooira, filla lexitima de D. Pedro Núñez Sanjurjo e Dona María de Aguiar e Pedrosa, veciños que foron da Vila e Concello de Castropol.

Como dote, ó tempo de casarse coa súa dona recibiu tres mil ducados en diñeiro e despois da morte de Pedro Núñez Sanjurjo e Dona María de Aguiar e Pedrosa, os  pais da súa muller, recibiu outros mil oitocentos  ducados, ademais doutros débitos que había  contraído o seu sogro  ata a cantidade de trescentos ducados. Ademais  por parte dun tío irmán da súa muller, o Capitán Juan de Lago, antes de partir do reino de Andalucia para as Indias, obtivo unha cadea de ouro valorada en cincocentos ducados de vellón, unha xoia de Cristal, con catro esmeraldas por guarnición dun valor de vinte pesos e cincuenta dobros de dous escudos en especie.

Do seu matrimonio tivo por fillos lexítimos a:

Dona Ana Lamas e Montenegro, monxa profesa no Convento de Santa Clara da Vila de Ribadeo a cal deron e pagaron de dote principal, os vestidos e enxoval e gastos de profesión e alimentos de novicia con un importe total de mil cincocentos ducados.

No momento da súa profesión esta renunciou a favor da súa nai, María, as súa lexitima paterna e materna, contentándose coa mencionada dote.

A D.ª Xoana  de  Lamas e Montenegro, a cal casaron e dotaron con D. Pedro Theodoro de Miranda. Esta recibiu de dote catro mil cincocentos ducados, incluíndo nesto o deixado pola súa tía Dona María Pardo de Cela, mil cincocentos ducados e os mil douscentos deixados en testamento por D.ª Theresa Pardo de Cela, seiscentos a Dona Xoana e seiscentos da renuncia que fixo a súa irma, Ana, no momento da profesión a favor da súa irma Xoana.

A D. Antonio de Lamas e Montenegro, primoxénito, casado con D.ª Isabel Menéndez Navia e Villaamil, veciños da cidade de Mondoñedo e o dito Antonio déronlle e consignaron algúns alimentos e cota de froitos, os cales goza anualmente para axuda do seus sustento e da súa familia.

A D. Gaspar de Lamas e Montenegro, clérigo presbítero, Comisario do Santo Oficio da Inquisición deste Reino de Galiza e cura propio de San Xulián de Cabarcos, bispado de Mondoñedo.

A D. Joseph de Lamas, tamén presbítero, cura propio de Santa Eulalia de Vilaosende e capellán da Capellanía de San Sebastián, que fundou polo testamento co que faleceu nas Indias, Esteban Pardo de Castrillón, a cal esta inclusa na Igrexa Colexiata da Vila de Ribadeo.

Sendo aínda menor e estando baixo a potestade do dito Antonio Lamas, o seu pai, emancipouno por escritura pública e autoridade da xustiza e ademais dos bens que por si e súa patria había adquirido  durante dita patria potestade e me tocaran conforme a dereito, o seu valor trescentos ducados, lle din e entreguei o mesmo tempo tres eguas "embras" con un "rocin" que andaba con elas, dúas vacas parideiras e unha peza de monte sita  onde chaman "Os Valiños" lugar do Soto, freguesía de Vilaosende, segun deu testemuña D. Marcelino Pérez, escriban da súa maxestade, na data de mil seiscentos  oitenta e oito anos. A dita peza de monte  debera volver o maiorazgo que posée Antonio Lamas na parroquia de Santa Eulalia de Vilaosende, a morte do mencionado Joseph, para disfrute do posehedor do maiorazgo.

D. Antonio Lamas Vaamonde e lexitimo posesor do vínculo e maiorazgo que con facultade Real fixeron e fundaron os señores Pedro Núñez de Lamas e Teresa Rodríguez de Vaamonde a súa muller de todos os bens que tiñan e poseían, debaixo do signo e campana desta freguesía de Santa Eulalia de Vilaosende e unha casa na vila de Ribadeo e dos demais bens que o dito vínculo agrega D.ª María González de Trelles viúva que foi de Diego López de Villapol veciños da vila de Ribadeo.

O dez de xuño de mil setecentos, Antonio Lamas fixo testamento  no cal dispón: Que o seu corpo fora amortallado no hábito do Seraphico Padre San Francisco e fose sepultado na Capela Maior, onde esta o dito Gaspar de Lamas o seu pai da Igrexa Parroquial de Santa Eulalia de Vilaosende. Ordena que o crego ou relixioso que lle axude a ben morrer déselle de esmola dunha vez catro reais de prata. Despois da súa morte ordena se remita unha persoa a Mondoñedo, para que no altar de privilexio do Santo Cristo das Animas da Santa Igrexa Catedral e se nos diga unha misa de corpo presente por nosa Anima por un prebendado ou capelán do Coro da dita Catedral, dándolle de esmola tres reais.

O día do seu enterro se diga na parroquia de Vilaosende unha misa e vixilia cantada con Diácono e Subdiácono e a letania de Nosa Señora.

Manda que o mesmo día do enterro se vistan seis pobres dos mais necesitados da dita freguesía, que acompañen o noso corpo desde a nosa casa a igrexa parroquial e ata que sexa sepultado. Para o vestido de cada pobre se lles de tres varas de pano pardo e uns zapatos novos e de comer aquel día. Os demais pobres que nos houberan acompañado desde a porta da nosa casa déselles de esmola pan e carne ou pescado ou cartos según o día da morte ou parecer dos cumpridores.

Ordena que a súa filla D.ª Ana de Lamas, relixiosa no Convento de Santa Clara de Ribadeo se lle de cen reais de vellón anualmente  polos anos da súa vida, para axuda e remedio das súas necesidades e se lle paguen polas pascuas de Nadal.

Manda dar cincocentos ducados de vellón por unha vez a María Josepha Casimira, a súa neta, filla lexitima de Juana de Lamas e Montenegro e de D. Pedro Theodoro, como axuda para tomar o estado de casada ou relixiosa.

Deixa por cumpridores do seu testamento a Pedro Theodoro de Miranda, o seu xenro, e os seus fillos D. Antonio e D. Gaspar Lamas.


[05-05-2019 16:36] Freyre de Andrade comentou:

Especulador? Non vexo con que especulaba. Podería ser, mais non é certo. Simplemente foi un home rico, un rico fillo de ricos e neto de ricos. Talmente. Xa que logo, moito máis triste que quen se dedica a medrar através da especulación. Quen se sinta torto debe ler e reflexionar. Non hai nada peor que quen non quere ver. E si, nefasta fidalguía como nefastos e nefastas foron e son o país e as xentes que o poboaron, consentidores e consentidoras dunha situación onde os e as grandes se aproveitaban dos e das pequenas. Demagoxias fóra

[09-02-2012 00:32] Freyre comentou:

E ...?
A esse Antonio Lamas Vaamonde hoje chamariamo-lo ESPECULADOR.
E que nunca imos analisar a nossa História com rigor e ubicar a essa nefasta "fidalguia" onde lhe correspom.
Não há maldição bíblica contra nos, mas há muito "tuerto querendo nos cegar"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña