14:43 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-02-2012

A nós tócannos vivir tempos duros, pero a diferenza deles sen ilusións

Dúas reflexións

Valorar (12)

PABLO CARRACEDO GOLDAR



Onte tiven unha conversa pedagóxica cun amigo taberneiro, vou procurar reproducir as ideas que saíron da mesma, que  coido deberiamos asumir  como nosas.

Vivimos unha crise provocada e intencionada polo sistema capitalista no que vivimos, que trouxo consigo unha recesión económica, de produción, recortes de dereitos laborais, recortes sociais... Non vou facer un relatorio dos acontecementos económicos e socias actuais porque son ben evidentes. Do mesmo xeito comezan a agromar comportamentos sociais moi significativos, son preocupantes e cicais sexa a chave dos mesmos: a desilusión.

Os tempos dos nosos pais foron moi duros, probabelmente máis que os que nós estamos a vivir, pero hai un cambio substancial, mentres eles/as se mantiveron firmes en base a grandes ilusións, nós carecemos delas. Facer unha casa, formar unha familia, crear unha pequena empresa... Se era preciso ir fóra para conseguilo, pois emigrábase. A ilusión podía con todo!

A nós tócannos vivir tempos duros, pero a diferenza deles sen ilusións. Que a xente non case, ou renuncie a ter fillos/as, por non teren traballo, a independizarse, por non teren unha boa situación económica, é algo habitual. En ter casa en propiedade nin pensamos, pois a crise bancaria embarga diariamente no estado español máis de 200 vivendas. Estas son cuestións anecdóticas, estou xeralizando moito cicais, mais é significativo.

É o momento de apostar por transformar esta situación. É preciso recuperar a confianza e as ilusións, desexar ter desexos!!. O noso papel na transformación da sociedade non debe esquecer este concepto: A ILUSIÓN.

Debemos devolverlles a ilusión a todas as persoas, compañeiros e compañeiras que de xeito altruísta traballan no BNG, no noso proxecto común. Esta é unha obriga, unha responsabilidade de todos/as: da "maioría" e das "minorías". E tamén é obriga de todos/as nós, casa común do nacionalismo galego, devolverlle ao noso pobo a ilusión. Temos un proxecto coherente e alternativo e agora máis que nunca é o momento de amosalo sen fisuras, facer proselitismo, construír conciencia  nacional e tamén, como non, ilusionar.

A segunda reflexión é unha metáfora, (con todo o meu respecto aos traballadores e traballadoras dun hospital), baseada nunha situación real:

Cincuenta persoas agardando impacientes na sala de espera dun hospital para pedir cita. É unha situación na que hai xente de distintas ideoloxías, crenzas, personalidades..., máis cun problema propio, ou dun amigo/a, ou familiar: a enfermidade. É unha situación desagradábel, que neste caso vese incrementada por unha circunstancia que nos atrapa nun espazo e nun tempo. Un tempo no que nada transcorre. Un tempo morto no que a paciencia se agota. Entrou o meu compañeiro a pedir cita, tiña unhas ganas incontrolábeis de usar o cuarto de baño, cousa que o pon máis nervioso. No momento no que entrou, escoitou a xente falar do que se fala sempre nestes lares: -"Chove?" -" Non, cae auga". -" E o Madrid?"- Etc. Despois viu unha papeleira de aluminio e o primeiro que pensa é: -"Isto cunha patada ten que facer un barullo..."- E sen pensalo dúas veces dálle unha patada, voa a papeleira e soa contra o ascensor como se fora un trono. Métese no baño con calma, e cando sae, que atopa?

Toda unha xungla de xente berrando improperios, protestando, dando a súa opinión a berros, enfrontándose a esa situación na que teñen que manter as formas mentres sofren en silencio, resignados, dóciles.

Que cadaquén saque as súas conclusións, mais eu farei a miña segunda reflexión:

- Ás veces é un acto de responsabilidade con nós e os nosos, perder as formas por un intre.
- Enlazando isto coa frase do compañeiro Guillerme: "A paciencia é revolucionaria"; cómpre dicir que cicais en nós estea a misión de dar esa metafórica patada.

Adicado a un amigo, filósofo e taberneiro na lingua dos canteiros pola súa sabedoría.


[03-02-2012 19:46] Revoltallo comentou:

Veterano eres simple ata para criticar. Hai un sector que semella ter tantas laghañas nos ollos e tanta cera nas orellas que por moito que se intente seguen no seu, retroalimentandose de clichés e prexuizos. Reflexiona e pensa o que queiras que eu tamén penso que con este bloque non se vai a ningún lado pero non ando a criticar artigos de ninguén por criticar. Rexenaración e apertura é o que fai falta e de ahí virá a ilusión da que falan aquí

[02-02-2012 22:54] Veterano comentou:

Rapaz, supoño falas por ti. Se a tua ilusión é o BNG coido que tes poucas ilusións. Mira ao teu redor e verás xente con moitas ilusións, algúns mesmo nas cadeas. Hipotecando a súa mocidade. Xente que se ergue cedo para ir traballar para traer un salario co que manter a súa familia e subsistir malamente. Que a te ilusiona o BNG? Vale. Pero as familias que as están pasando p. non poden ilusionarse cunha organización que no seu día apoiou o plus dos altos cargos, que lle acaba de dar unha a rúa a Manuel Fraga en Monforte, ... Ilusións ou iluso? Ti verás.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña