03:36 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-01-2012

Galeguismo daquela significaba igual que nacionalismo

Encol do galeguismo

Valorar (62)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Pois o mesmo ocorre con outra verba, coa verba galeguismo. Coidamos ter sido nós os que primeiro a puxemos en circulación. Galeguismo daquela significaba igual que nacionalismo. Mais esta verba xa hoxe para nós fica tamén valeira e morta. Non hai politiquiño dos da nosa Terra, nin xornal caciquil que non se chamen galeguistas. Todos galeguistas. Mais xa fica dito que agora ninguén deixa de chamarse galeguista. Rexionalismo e galeguismo, pois, para nós desde isto carecen de valor. Son verbas mortas e fan falla verbas vivas.

A verba galeguismo ou rexionalismo que empregamos ao principio para designar as nosas doutrinas -porque así fixeron os nosos precursores- foi logo collida por algúns que quería limitar o alcance das nosas xustas arelas. O que, en moitos casos ven a querer dicir: un rexionalismo que non se opoña aos compromisos que teñen adquiridos. Entón, colleuse como máis expresiva, a verba nacionalismo, manifestando, no Programa de Lugo, que a de "galeguismo non recolle todas as as aspiracións, nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas".

Algúns téñenme dito: eu son federal, son galeguista pero non son nacionalista. A idea de federación supón primeiro a libre determinación dos pobos que queiran federarse para entrar nela; isto é un axioma que ninguén pode negar. Outro tanto acontece co galeguismo, posto que non pode existir unha Galiza galega, se esta non conta con resortes de poder que sexan quen de frear o centralismo e parar a españolización da nosa terra. Por iso cando escoito dicir a frase "eu son federal ou galeguista, pero non son nacionalista" cáusame o mesmo efecto que si un católico me dixera "eu son católico pero non creo en Deus"

Non podemos nin por un instante pensar en esquecer este nome: nacionalismo. Porque a moitos pon medo e porque hoxe todos se chaman federais ou galeguistas. Todos desexamos que a Estremadura ou o Aragón teñan a autonomía propugnada polos seus intelectuais máis significativos. Mais o caso destas rexións non se pode medir co mesmo criterio que os de Cataluña, Euskadi ou Galiza. O tema nacional, único, intransferíbel, eterno no vivir histórico, de Euskadi ou de Galiza, non se pode contentar coa autonomía. ¿Como nós, galegos do Rexurdimento, imos a discutir a verba nacionalismo?

Ningún dos parágrafos anteriores, como moitos xa vos dariades conta, son da miña autoría. Pola contra o primeiro deles correspóndense cun coñecido artigo de Antón Vilar Ponte titulado "Verbas mortas"; o segundo deles é da autoría de Vicente Risco e recollese na súa "Teoría do nacionalismo Galego", o posterior ao do Ourensán foi publicado en 1922 por Lois Peña Novo, primeiro concelleiro nacionalista de Galiza e cabeza do movemento enfrontado a Risco; e fechamos cunhas liñas dun artigo publicado en Céltiga en 1931 por Don Ramón Otero Pedraio. Mágoa de non saber máis de nós, de non coñecer mellor o noso corpo doutrinal, posto que nos evitaría repetir debates que moitos, empezando polos homes das Irmandades, daban por fechados en Novembro de 1918 na "magna asemblea de Lugo", como afirmaba Castelao.


[24-01-2012 20:17] rexionalista comentou:

O que pasa é que trascurriu un século, levamos trinta e pico anos de institucións proprias e o nacionalismo segue a ser moi minoritario. E estes insignes próceres esperaron no seu día que coa autonomía, conseguida co concurso dos rexionalistas dos partidos de esquerda, se puidese conseguir algo similar á criación dunha conciencia nacional entre os galegos. Non foi así, o experimento non deu froito, a Galiza é maís e máis española non só en conciencia, como o foi sempre, mais tamén en lingua e costumes, que antes era unha terra con sináis identitarios proprios dos que a maioría se esvaeceron. O que parece difícil é lograr nunha terra sen eses sináis de identidade o que non se conseguíu nun país linguística e culturalmente diferenciado como era a Galiza de hai cincuenta anos. Por iso algúns antigos nacionalistas pensamos na vía rexionalista de novo, para tentar salvar os mobles no naufraxio, e alomenos tentar un acordo social maioritario sobre a conservación do que queda da lingua e a cultura galegas. Para conseguir, por exemplo, que dentro de cen anos os que vivan nos Salgueiriños saiban o que é un salgueiro, cousa que parece difícil de seguirmos pola vía que vamos de marxinalización social e mesmo caricaturización pola maioría da sociedade, cómodamente instalada nunha españolidade acrítica, do nacionalismo e de rebote da lingua e cultura galega.

[24-01-2012 09:18] Eu comentou:

Non podo estar máis de acordo coas verbas destes nacionalistas históricos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña