14:05 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-01-2012

Para agochar as desfeitas da Consellaría o mellor é realizar unha campaña de publicidade e propaganda

Consellaría de Economía e Industria, caso aberto

Valorar (19)

FERNANDO BRANCO PARGA



Os casos de corrupción e favoritismo, ligados a súa ineficacia, como reflicte claramente o Índice de Produción Industrial e a destrución do tecido industrial, definen á  xestión da Consellaría de Economía e Industria.

Sen entrar nas políticas destrutivas promovidas por esta Consellaría, como foi a derrogación do anterior Concurso Eólico, nin no desleixo que deixou outros sectores sen actuacións políticas efectivas, caso do naval (tanto o público de Navantia como o privado), dos sectores de biomasa e biodiesel, da automoción, da industria da conserva, da madeira ou da minaría; desleixo que logo se traduce no Índice de Produción Industrial, onde Galiza nos últimos datos publicados -outubro 2011-, ten a segunda maior caída do Estado, un -6,9%, cando a media estatal é de -0,7%, datos que significan perda directa de emprego e destrución do tecido produtivo; mais a pesares diso, como dicía ao principio, ímonos centrar en só tres actuacións concretas que tamén serven para definir o funcionamento desta Consellaría.

Igape

O Secretario Xeral deste organismo, recentemente substituído, proviña do sector privado, onde asesoraba á Confederación de Empresarios de Galiza na promoción de servizos no comercio exterior; coincidindo co seu paso polo Igape, privatízanse as oficinas no estranxeiro, encargándose a CEG da súa xestión a cambio de recibir, durante catro anos, 18 millóns de euros da Xunta de Galiza.

Este mesmo Secretario Xeral quedou ao fronte do organismo, logo da imputación xudicial en maio do ano pasado dos anteriores Director Xeral e Subdirector Xeral; e foi quen lle deu unha nova responsabilidade, no propio Instituto, ao Subdirector, tamén recentemente cesado por segunda vez, logo de coñecerse que tres empresas dun familiar directo tiñan concedidos, no Plan Ferrol, préstamos ao 0% por valor duns 7 millóns de euros.

Aínda que o Conselleiro, fuxindo da súa directa responsabilidade, afirme que a única subvención cobrada fora xestionada polo anterior Goberno da Xunta, a realidade é que a primeira axuda a estas empresas foi publicada no BOE do 26 de novembro de 2009, cando o actual Conselleiro xa levaba máis de seis meses no seu posto. Empresa que, por certo, foi visitada na campaña electoral das municipais polos conselleiros da Presidencia, de Economía e Industria, do actual Presidente da Deputación da Coruña e do actual Alcalde de Ferrol.

Áridos Reciclados procedentes de Aglomerado

En setembro de 2009 unha organización ecoloxista denunciaba o amoreamento de áridos en solo rural, ao carón dun río, no Concello de Cabanas. Estes áridos eran importados de Holanda, procedentes do fresado de estradas e, supostamente, pasaran  un tratamento específico para eliminar os efectos contaminantes, mesmo veñen co Marcado CE que, en principio, debe garantir que cumpren os requisitos de seguridade e non afectan á saúde nin ao medio ambiente e, de feito, foron empregados en diversas obras da Comarca de Ferrolterra.

A esta denuncia inicial sumouse outra, en outubro de 2010, da Asociación Galega de Áridos, diante da Consellaría de Medio Ambiente, de Economía e Industria e da Fiscalía, esta nova denuncia achegou documentación técnica na que se cuestionaba o emprego dos áridos por cuestións medio ambientais.

O expediente aberto pola Consellaría de Medio Ambiente, rematou cunha "cuantiosa" multa de 901,52 euros á empresa propietaria e a obriga de cumprir unha serie de requisitos para manter este material, requisitos que hoxe, máis de dous anos despois, aínda non cumpre.

A Consellaría de Economía e Industria leva sen pechar o seu expediente dende outubro de 2010, e a Inspección Mineira que é da súa competencia non realizou ningunha actuación, mais asegura que o Marcado CE é correcto.

A Fiscalía emitiu un informe no que considera que estes áridos non foron valorizados, polo que non son inertes, e solicitou da Interpol información sobre a súa procedencia.

Neste proceso, que ten relevancia nos medios por unha actuación xudicial e polo obrigado "cese" dun deputado do PP, hai cousas que tampouco encaixan. Como é posíbel que unha vez detectado este amoreamento en solo rústico, sen licenza municipal, o Concello de Cabanas de maioría do PP non realizase ningunha actuación, a pesares das reiteradas solicitudes do Grupo Municipal do BNG, que a Consellaría de Medio Ambiente permita esta situación durante máis de dous anos e, sobre todo, que a Consellaría de Economía e Industria non resolva o expediente e mesmo asegure que este material cumpre os requisitos legais, cando a Fiscalía asegura o contrario.

Tiveron algún éxito as xestións de mediación política? O que se pode asegurar é que o trato a esta empresa por parte da actual Xunta de Galiza é cando menos exquisito.

Propaganda e austeridade

Para agochar estas e outras desfeitas da Consellaría de Economía e Industria, o mellor é realizar unha campaña de publicidade e propaganda para explicar globalmente e cunha mensaxe única como debe construírse a Galiza do futuro (BOE do 19-12-2011), e quen mellor para explicar a Galiza do futuro que unha empresa de Madrid, xa levan varios séculos facéndoo, iso si, dun xeito moi austero, todo polo módico prezo de 570.000 euros.


[07-01-2012 19:49] Javier Sio. comentou:

A min o que realmente non me colle na cabeza e como e posibel que sigan ahi. Non hay persoa mais parva ca un obreiro de dereitas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña