08:27 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2012

Que foi entón o que fixo o nacionalismo galego desde 1966 en Castrelo de Miño?

Abrirse á sociedade?

Valorar (60)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Lembrades a catástrofe do Prestige, verdade? Naquelas datas -novembro de 2002- estabamos xa a mirar para nós, para dentro, e, de súpeto, fronte a unha Xunta de Galiza que non exercía as súas responsabilidades e a un Goberno central que non sabía que facer co barco, o BNG puxo toda a súa atención e todas as súas enerxías na defensa do país, e foi así como fomos capaces de impulsar a meirande plataforma cidadá que ten habido na historia de Galiza: Nunca Máis. Aí estivo o BNG, coa sociedade, desde o primeiro momento, levando o temón no Parlamento galego a través dunha moción de censura ao goberno de Fraga Iribarne, levando tamén a iniciativa política no Congreso dos Deputados e formando parte daquela marea viva de indignación social. Fixemos o que ten que facer unha organización que naceu para a defensa da nosa nación: actuar socialmente para transformar a indignación colectiva en compromiso activo co país. O mesmiño que fixera o nacionalismo galego en Castrelo de Miño nos anos sesenta da man dunha UPG que iniciaba así o seu combate na defensa de Galiza ("Fenosa contra os labradores do Castrelo de Miño", "Embalse non, xusticia si", lembras, Bautista?). Alí quen non estaba era Ramón Piñeiro. O nacionalismo sempre tivo moi claro que había que enraizar as ideas na sociedade. O piñeirismo, pola contra, apostou por galeguizar a clase dirixente desa sociedade, a elite, para entendérmonos.

O nacionalismo galego actual ten as súas raíces no propio pobo. Non é o noso nacionalismo o produto filosófico dunha tertulia de café ou dun club de opinión illado da realidade e das preocupacións sociais. Non o foi nunca, nin nas súas raíces. Lembrade que a primeira xeración galeguista xa participa activamente no levantamento galego de 1846. O pouco ou moito que é o nacionalismo galego no plano social e electoral desde as eleccións do 77 até hoxe é froito da preocupación polos problemas da nosa sociedade e dun esforzo constante por implicarse co pobo nas súas loitas e por incorporar a amplos sectores sociais ao proxecto do nacionalismo. Esa é tamén a breve, mais frutífera, historia da AN-PG nos anos setenta. Esa é a idea principal pola que a UPG apoia os Comités de Axuda á Loita Labrega e impulsa o SOG, a ING, a UTEG, Comisións Labregas, ERGA... Esa foi igualmente a nosa praxe en todos os concellos do país onde hoxe o nacionalismo segue a ter unha base social moi sólida, chámese Allariz ou Pontevedra. Detrás de cada avance electoral consolidado no tempo hai un traballo social no que moitos e moitas militantes do BNG deixaron horas e horas de entrega e de sacrificio. Que é iso, pois, de que hai que abrirse á sociedade? Que foi entón o que fixo o nacionalismo desde o ano 1966 en Castrelo de Miño? Acaso non estivo sempre o nacionalismo mobilizando a nosa sociedade, organizando a resistencia social fronte a tanto espolio que sufriu Galiza no último medio século e intentando incorporar ao proxecto nacionalista o maior número de persoas? Como se pode dicir que hai unha parte do BNG que non aspira a ter máis pobo detrás do ideario nacionalista e que opta por conformarse con ser o dez por cento do corpo electoral?  Nin a creación do BNG no 82, nin a posterior incorporación á fronte de organizacións como Inzar, o PNG e Unidade Galega nin, por exemplo, a presenza dunha personalidade da traxectoria política de Carlos Mella na cabeza dunha candidatura do BNG ao Parlamento europeo podería chegar a ser realidade se o sector da fronte vencellado á UPG non tivera desde sempre unha firme vontade de abrir o proxecto a outros sectores ideolóxicos. Quen afirme o contrario, ou non coñece a historia do BNG ou simplemente prefire que non se saiba o que fixo aquí cada quen para contribuír á unidade do nacionalismo e a ampliar a súa base social. E non debería facer falta ser militante ou simpatizante da UPG para recoñecer esta evidencia histórica, porque é un acto de elemental xustiza e porque, ademais, é un exercicio de memoria de nós perfectamente compatíbel coa  lexítima discrepancia coas teses da Unión do Povo Galego.
 
Non pode haber proxecto de liberación social e nacional sen contar co pobo, sen aspirar a conquistar a confianza da sociedade. E no contexto actual, na nosa opinión, o avance social do nacionalismo pasa necesariamente por termos unha organización preparada para facer unha oposición contundente ás políticas do PP, porque é aí, na oposición, onde a cidadanía nos situou neste momento, e pasa por un traballo político institucional centrado nos problemas da nosa sociedade, e pasa polo respecto mutuo entre todos e todas nós e por protexer publicamente as siglas do BNG e todas as siglas que conviven no seu interior como partes que son dun único mosaico, e pasa tamén  pola clarificación ideolóxica da militancia e do noso corpo electoral desde as nosas ideas básicas sobre o idioma galego, a economía galega e o poder político que Galiza necesita para decidir o seu futuro como nación que é. Ese é o camiño. Fronte ao desánimo: unidade, acción, clarificación e pedagoxía política, defendendo sempre as ideas desde o respecto polas ideas dos demais, practicando a fraternidade coa mirada cálida e o corazón aberto: ...si os nosos soños son igoales,/ coma un irmau che falo./ Común temos a patria,/ común a loita, ambos./ A miña mau che dou,/ como un irmau che falo. Cada vez que pronunciamos a palabra fraternidade deberíamos lembrar estes versos de Celso Emilio. Nunca as xencianas florecerán no territorio onde habita o resentimento.

O nacionalismo galego non deixou de medrar e medrar desde os anos sesenta, desde que uns poucos mozos se reuniron un 25 de xullo no merendeiro da Rocha e outros mozos da órbita do piñeirismo o facían na Coruña no despacho de Sebastián Martínez Risco. Digo máis: o nacionalismo medra vizoso e florece como un pexegueiro no albor da primavera cando actúa socialmente, cando centra as súas enerxías nos problemas da sociedade e do país. E precisamente iso é o que ten que facer neste momento o BNG: preocuparse preferentemente polo drama que están a vivir milleiros de galegas e galegos como consecuencia da crise económica, do paro e do desmantelamento dos servizos públicos, e preocuparse, naturalmente, pola defensa política deste noso país que vai pola historia como un barco á deriva. Velaí o "Prestige" que agora nos ameaza, velaí a catástrofe á que hoxe lle ten que facer fronte o nacionalismo galego se de verdade quere ser útil ao pobo que dicimos defender. Se facemos iso, podedes ter a seguridade de que o BNG volverá a liderar politicamente a sociedade galega e volverá ser unha referencia para unha ampla maioría social, independentemente do resultado electoral que o nacionalismo poida acadar en cada circunstancia política. Claro que para conseguirmos ese obxectivo, o primeiro que cómpre é termos organización. Díxonolo unha vez, con aquel seu sosegado verbo, Henrique Rodríguez Peña, e eu nunca o esquecerei: "Máis importante que ter o goberno é ter organización, porque o goberno exércese durante un tempo, mais a organización precísase sempre, cando estamos no goberno e cando regresamos á oposición. E o peor que nos pode suceder non é quedar sen goberno, é quedar sen organización". E quen nos dicía iso fora conselleiro de Pesca do goberno tripartito. Sabía do que falaba. Dos que alí estábamos, era o único que tiña un certo coñecemento do poder, que el soubo practicar con lucidez e humildade. Oh, o poder, o poder, o poder! Entre a paixón do amor e a obsesión do poder, entre as personaxes de Glauka e Ahram de La vieja sirena, nós ficaremos para sempre con Glauka.

Pancarta pendurada o 25 de Xullo de 1968 na Alameda de Santiago

O proxecto político do nacionalismo galego, para ser verdadeiramente útil ao proceso emancipador da nosa sociedade, debe aspirar, como non, a conquistar o maior respaldo social, e tamén a gobernar o país, claro que si. Mais tamén debe aspirar a ter un corpo social cunha idea sólida sobre a necesidade de contarmos cunha alternativa nacionalista para o país. Non podemos construír un proxecto político nacionalista firmemente enraizado na sociedade sobre a confusión de ideas e de conceptos políticos básicos. Ser nacionalista, militar no nacionalismo ou apoiar unha opción como o BNG implica tamén, ademais de amor ao país, un certo esforzo intelectual. Estou convencido de que non hai persoa máis firme no pensamento nacionalista que aquela persoa que nalgún momento da súa vida alimentou o seu amor á patria coa lectura de obras como o Sempre en Galiza, O atraso económico de Galicia ou Problemática nacional e colonialismo. A vontade de nación non se fai só con xestión política e con votos. Tamén se nutre do esforzo por coñecermos mellor o noso país.

Para o BNG ten que ser un obxectivo prioritario lograr que a súa base electoral non estea instalada na  fraxilidade teórica sobre a importancia do uso público do idioma galego, sobre os instrumentos que o noso país precisa para o seu desenvolvemento económico ou sobre a soberanía política que Galiza debe ter como nación para podermos falar dun verdadeiro autogoberno. Se non facemos o esforzo necesario para clarificar politicamente onde están as diferenzas entre unha alternativa nacionalista como a do BNG e un hipotético PSOE galeguista, se non mantemos viva esa tensión dialéctica, non podemos estar soñando todos os días con volver a superar ao PSOE e con ser alternativa de goberno ao PP. No fondo o problema político de Galiza é un problema de raíz cultural. Sabíano ben os da xeración de Manuel Murguía. Por iso se puxeron a reconstruír o noso pasado histórico e a impulsar a restauración da lingua e o primeiro Renacemento literario. Sabíano ben os herdeiros ideolóxicos das Irmandades da Fala e da xeración Nós. Por iso crearon o Seminario de Estudos Galegos. Sabíano ben Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto. Por iso puxeron nas mans de Ramón Piñeiro o proxecto da Editorial Galaxia. Sabíao ben Xosé María Álvarez Blázquez. Por iso fundou Edicións Castrelos e animou unha colección como "O Moucho. Libros do pobo pra o pobo". Sabíano ben as novas xeracións da posguerra. Por iso, ao tempo que fundaban o Consello da Mocedade, a UPG e o PSG, creaban Brais Pinto e botaban a andar nas principias cidades e vilas do país as asociacións culturais. Sabíano ben os nacionalistas da AN-PG. Por iso sacaron á rúa a Historia de Galicia, o primeiro manual da historia de nós que moitos e moitas tivemos nas mans. Todo o que contribúa á clarificación do noso pobo será positivo para o nacionalismo. Pola contra, descoidar o coñecemento da nosa historia e da nosa cultura e movernos constantemente na confusión ideolóxica sobre o que é o autogoberno, o modelo autonómico, a realidade da Unión Europea ou o desenvolvemento económico do noso país só contribúe a debilitar aínda máis a base social do nacionalismo galego. Así non seremos nunca alternativa de goberno, por moito que o desexemos, por moito que o merezamos, por moito que o precise o país e por moi ben elaboradas que estean as nosas propostas.

Non podemos construír o futuro do nacionalismo sobre o descoñecemento do noso pasado histórico e sobre a fraxilidade ideolóxica. Abrirse á sociedade é tamén socializar o pensamento nacionalista con nitidez e valentía, que non é nunca incompatíbel con utilizar unha linguaxe que nos permita ser escoitados con atención e perfectamente entendidos pola sociedade de hoxe. A Galicia posible, de Carlos Mella, é, ao meu ver, un modelo a seguir. En definitiva, a clarificación ideolóxica e a socialización das nosas ideas é un magnífico nutriente para manter vizosa a planta do nacionalismo. E disto foron sempre moi conscientes todos os grandes dirixentes do nacionalismo galego, que combinaron constantemente a acción política co estudo da nación. Estou seguro de que Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira ou Francisco Rodríguez, por citar só tres referentes do nacionalismo galego contemporáneo, conseguiron máis apoio electoral ao nacionalismo cos seus mitins e co seu traballo parlamentar que cos seus libros, mais tamén estou plenamente convencido de que estes tres persoeiros lograron que enraizaran máis en nós as ideas do nacionalismo cos seus respectivos traballos sobre Bóveda, o reino de Gallaecia ou Rosalía de Castro que co seu inxente labor sobre a creación dun banco público galego, a construción das autovías ou a modernización dos camiños de ferro. Necesitamos a acción e a ilustración. Necesitamos unha acción que beba do coñecemento profundo da nación galega. Só así estaremos a construír unha alternativa con presente e con futuro, útil para o país. E poderemos dar un paso adiante e outro atrás, tecer e destecer, como Penélope, mais voltaremos subir a pedra pola aba do monte arriba, como Sísifo, porque "o peso mesmo da rocha cara o cume abonda para encher o corazón dun home". Aos que de verdade loitan co corazón por unha causa, ese esforzo incesante non os leva nunca á amargura e á derrota. "Hai que imaxinarse a Sísifo feliz", escribiu Albert Camus.

Os que desde Antolín Faraldo e Rodríguez Terrazo pensamos que outra Galiza é posíbel, os que levamos no brillo dos nosos ollos o canto de Manuel María, de Uxío e de Avilés, seguiremos adiante, continuaremos o camiño até a lagoa dos nenúfares. As galegas e os galegos que abrazamos o ideario nacionalista sabemos ben que o noso proceso de emancipación nacional é como esa gota de auga que cae unha e outra vez na pedra até que a fura. Os que aínda hoxe proclamamos a nosa fondísima admiración polos vellos camaradas de coraxe e peito xeneroso que o 25 de xullo do 68 escribiron o futuro da nación no ceo da Alameda de Santiago ("Viva Galiza Ceibe e Socialista", lembrades, verdade?), nós, as mulleres e os homes deste país que non renunciamos á patria galega nin á memoria de Alexandre Bóveda e Ánxel Casal, non deixaremos nunca que os ideais de Castelao sexan transformados en cinza. Manteremos sempre vivo o lume, aínda que sexa na brasa, porque só así haberá un día no que algunha xeración alcanzará a ver a labarada, a Alba de Gloria que Ulm Roan nunca soñou.


1 2 3 seguinte

[19-01-2012 18:05] uncalquera comentou:

Señor López Foxo, soy ortegano y le tuve mucho respeto y hasta le voté.
Me sorprende mucho esta frase en su artículo "Como se pode dicir que hai unha parte do BNG que non aspira a ter máis pobo detrás do ideario nacionalista e que opta por conformarse con ser o dez por cento do corpo electoral? "
Sabe por qué? Porque sólo tenemos que mirar a nuestro pueblo, si si, NUESTRO (el suyo y el mío) y ver el camino que lleva SU partido en este, nuestro, Concello. Usted sabrá de lo que hablo y me decepciona afrimado eso, porque usted bien sabe lo que aquí pasa, lo que pasó y lo que pasará.
Ya sé que no obtendré una respuesta suya, pero me indigna de sobremanera que diga ciertas cosas que sabe que no son así, porque en Ortigueira, hubo, hay y habrá gente muy preparada y con ganas de trabajar por SU proyecto (el del BNG) y que le dan largas o directamente los ignoran o "aconsejan" no ir... eso, señor López Foxo, no es "aspirar a ter máis pobo"y si es "conformarse con ter só un 10% e insluso menos".

[05-01-2012 23:55] O pito dobre. comentou:

Por favor Federico, se máis claro na túa proposta, enumera algunha desas novidosas proposta que dis botar en falta. Tamén gostaría de coñecer cal cres ti que debe ser a cualificación básica dos candidatos do BNG. Porque, se cadra, nalgunha localidade non se debera apresentar candidatura se a cualificación da afiliación non fora axeitada. Dis que o artigo de Foxo mira demasiado ao pasado, como se do pasado non se poidera sacar nada positivo, e eu pergunto, atopas ti mellores referentes no futuro? porque, supoño que quen pode prescindir do pasado, para determinar o seu rumbo, é porque coñece o futuro.
E unha última pergunta, estás seguro de que os postos para os que pedimos o voto do povo son de xestión?, na miña opinión a función dos políticos é governar, xa dende o poder, xa dende a oposición, de feito, na miña opinión, ise é un dos principais problemas das nosas administracións, que os que as dirixen só se adican á xestión e non a governar. E para governar non abondan os títulos, cumpre ter ideas políticas e coñecemento, no máis amplo senso da palabra, tamén do pasado. Porque, o rumbo o determina máis a popa, con estar atrás, que a proa con ir diante.

[05-01-2012 21:03] MANUEL XOSE comentou:

Diante deste novo tempo politico,compre unha nova liña
politica e ideoloxica baseada no movemento altermundista no feminismo,anarquismo,co
munismo.
Cun linguaxe actual dirixido a clase traballadora e as
persoas desposuidas de todo ben material ,xunto a
mocidade,este tres sectores da sociedade serian
a base social do nacionalismo.
A nosa mensaxe non pode ter coma destinatarios as
pymes e autonomos,grupos sociais retrogrados e in
solidarios responsables de parte do fraude fiscal es
trutural a facenda.
E necesario rachar os pactos co psoe e comezar unha
nova andaina tendo a autoxestion,autodeterminacion
e o anticapitalismo como referentes.
Construir un novo suxeito politico sin as peaxes dos
pactos co psoe e a division da fronte en correntes.
unha forte aperta nacionalista


























[05-01-2012 20:11] Pancho comentou:

Gustame este artigo, e pareceme que a partir do coñecemento da historia do nacionalismo na súa relación co povo galego podemos aprender a valorar mellor o traballo feito, con acertos e erros, poñendo o acento no que nos une e pode contribuír a que teñamos máis forza colectiva como organización e máis capacidade de defensa de todos os intereses populares como povo.
Especialmente importante neste momento pareceme centrar os esforzos en facer que as organizacións das que nos dotamos -comenzando polo BNG- sexan funcionais para a defensa dos intereses colectivos, dinámicas.
Penso que hai que procurar que todxs os militantes dispostos a facer unha labor pequena ou grande a prol dos intereses populares vexa e recoñeza, na práctica, a utilidade da organización. E para eso, hoxe en día, pareceme urxente reformular os criterios de funcionamento dos organismos de base -que están en moitos casos e lugares "adormecidos" por prácticas rutineiras e desvalorizadoras-, comenzando polas asembleas locais e comarcais, e polas comisións e grupos de traballo que en cada lugar se vexan necesarios para estudar, propoñer e levar adiante colectivamente as loitas concretas de cada localidade e as loitas decididas a nivel nacional.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña