13:17 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-01-2012

Non é necesario poñer un pasamontañas para practicar o terrorismo. Neste caso o terrorismo leva traxe e garabata

Terrorismo

Valorar (28)

PABLO CARRACEDO GOLDAR



O dicionario da Real Academia Galega define terrorismo do seguinte xeito:

Terrorismo: s.m. Emprego da violencia (atentados, secuestros, etc.) por parte dunha organización política como medio para consegui-los seus fins.

Este pasado mes de decembro vivimos unha campaña mediática de acoso e derribo do independentismo galego asociado compulsivamente ao termo terrorismo. A campaña policial de detención de independentistas veu asociada a un xuízo mediático que declaraba culpábeis aos presuntos terroristas, metendo no mesmo saco a todo o movemento independentista, aos centros sociais e que chegou incluso a manchar o nome de actividades lúdico-culturais como o propio Correlingua. Neste despropósito, perfectamente aproveitado, a dereita española xulgou e declarou culpábel a todo un movemento social, cultural e político.

A presunción de inocencia derramouse como se derraman as calumnias. O líquido da mentira a través da manipulación interesada verteu o seu contido nas mentes e espíritos de todos os galegos e galegas. Xa condenados publicamente os detidos, ninguén se percatou que unha das detidas (Catalina Alonso Rodríguez) foi posta en liberdade sen cárregos, logo de pasar incomunicada tres días.

Creo que é preciso facer unha reflexión sobre todo isto e para iso é necesario empregar a segunda definición que nos dá  a propia Real Academia Galega. Terrorismo de estado. Emprego da violencia desde o poder para seguir manténdoo.

Este mes lin unha nova do 11 de novembro de 2010 na cal M.P. de 45 anos de idade residente en Hospitalet de Llobregat, electricista de profesión, marido e pai dunha nena menor de idade, aforcábase na praza do barrio no que estaba vivindo de okupa dunha vivenda de protección oficial. Logo de ser despedido, rematar o subsidio por desemprego, non atopar traballo, rematar tamén o subsidio para parados de longa duración, sufrir o embargo da súa vivenda, e debido ao seu inmediato desaloxo, tomou a decisión de suicidarse aforcándose nun parque.

Non é necesario poñer un pasamontañas para practicar o terrorismo. Neste caso o terrorismo leva traxe e garabata.

Quizais non é terrorismo o feito de condenar a alguén o suicidio?

Non é violencia a do xestor dunha empresa que obvia intencionadamente as medidas de seguridade que rematan nun accidente laboral co falecemento do traballador/a?

Non é terrorismo condenar a nacións enteiras á fame, á guerra, á sede e á enfermidade?

Non provoca terror e pánico o vivir na corda frouxa do despedimento? Obrigar a alguén a renunciar continuamente aos seus dereitos laborais: vacacións, menos salarios, horas extras gratuítas, etc.?

Non é violencia a  duns medios de comunicación que manipulan, distorsionan a realidade, calumnian  e crean estereotipos de pensamento único. Nos que todo vale, terror gratuíto con tal de seguir mantendo  o status quo dos seus accionistas ou mandatarios?

E escalando ata a cúspide: non é colaboración con organización terrorista a dun goberno que tolera e apoia todas estas barbarie coa súa xestión? Que condena aos seus gobernados á exclusión social, á mendicidade...?

Contra os responsabeis da corrupción política e financieira que rematou provocando esta crise que xa comeza a destapar a súa miseria, con  situacións que levan á morte, á falta de asistencia sanitaria gratuíta, a unha educación devaluada, negando os servizos de dependencia... contra todos estes, eu sí que pido máis actuación policiais.

Onde está a xustiza española que consentiu o fraude da gran banca de botín e compañía?

Onde está a policía, os medios de comunicación, tanto públicos como privados?

Con este panorama non é de extrañar que a OCDE sitúe a independecia do poder xudicial no Estado español no posto 54 entre Exipto e Irán.

Mais seguindo co tema co que comecei o artigo é necesario denunciar a perversión e o sometimento que provoca a lei anti-terrorista. Os presos independentistas sofreron nas súas carnes non só unha condea pública miserábel, senón tamén un rexime de illamento que durou 5 días e se prolongou outros 2. E aínda que ,afortunademente, non sofreron tortura física por parte da policía, sí sufriron a tortura, tanto eles como as súas familias, de descoñecer o seu estado en 7 días. Unha vez rematado o illamento veu a segunda tortura: a dispersión. Presos un día nun cárcere, o día seguinte noutro, fixo imposibel nos dez primeiros días que algún deles non recibiran visitas de ningún dos seu familiares nin tan si quer dos seus abogados.

Isto só ten un nome: represión. Non podemos caer na estupidez do pensamento único con respecto á violencia. A violencia vén de moitas partes distintas. Desgraciadamente, e non o digo precisamente eu, é o motor que move o mundo e que fai que o poder se manteña ou cambie de mans. Aínda que, con acerto, nós empregamos a fórmula da acumulación de forzas, é a violencia a que somete ou libera. Neste momento histórico a maior violencia, esa que non se ve, porque con especial énfase se nos agocha,  pero que ás maioría sociais nos está deixando unha profunda fenda, ven exercida exclusivamente polo capital financieiro e os seus lacaios.

Eu rechazo esta violencia e todas as que veñen asociadas a ela como é o caso dos actos violentos de resistencia galega. Toda acción ten unha reacción e a inversa. Nesta espiral é evidente quen manda, o que acumula máis forzas. Entendo perfectamente porqué se producen, pero non creo que sexa a vía para conseguir maior liberdade nin a nosa independencia como nación.

Solidarízome coas familias dos detidos e co seu sufrimento de corazón. Agardo que o goberno galego rache dunha vez con estes xuízos mediáticos estúpidos de garrafas de gasolina e amoníaco, que se defenda e manteña a presunción de inocencia dos detidos ata o seu xuízo e se respeten os seus dereitos. Cando isto aconteza poderase comezar a falar de que a transición democrática está en marcha.

[02-01-2012 10:34] Pilar comentou:

Comparto totalmente. Ademais é vergonzoso que os mesmos medios que xulgaron e condenaron a estas persoas pola sua ideoloxia defendan un mes despois a presunción de inocencia para Urgandarin, que xunto co seu socio "presuntamente" roubou a pobres e enfermos para vivir a todo tren... Canto cinismo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña