15:46 Martes, 15 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-01-2012

Se nos fixamos moito nos números veremos borrosas as persoas. O actual modelo de consumo deixa as persosas no segundo plano e os intereses económicos prevalecen sobre os sociais

A lei do funil

Valorar (18)

XABIER BRUÑA GARCÍA



Quen controla o noso consumo?

Nesta nosa sociedade tan democrática e vangardista é preocupante a concentración de poder corporativo sobre os dereitos básicos das persoas, entre eles o da alimentación. Un control cada vez máis agresivo coas sociedades e o medio, que exercen de xeito crecente as grandes empresas de distribución alimentaria, afectando tanto a produtoras como a consumidoras.

A teoría do funil di que existen millóns de persoas consumidoras fronte a uns miles de persoas produtoras, e a súa relación está controlada por unhas poucas empresas. A nivel europeo, como exemplo concreto desta teoría, contabilízanse uns 160 millóns de consumidoras nun extremo do funil e no outro uns 3 millóns de produtoras; atopando no medio tan só 110 centrais e grupos de compra que deciden as relacións entre ambas.

No Estado Español o primeiro supermercado apareceu no ano 1957. En poucas décadas os pequenos comercios e tendas de barrio desapareceron e na actualidade 4 de cada 5 persoas compra os seus alimentos nalgunha das grandes cadeas de alimentación. A isto hai que engadir a concentración da distribución alimentaria, atopándose o 75% das ventas en tan só 5 empresas e 2 centrais de compras. A día de hoxe, a gran distribución concentra o 60% do valor de beneficio monetario que xera toda a cadea agroalimentaria.

Estamos mergullados constantemente en ofertas publicitarias non desexadas, e na vez de tentar nadar para poñernos en terra firme, afogamos impasibles aos seus encantos. As grandes multinacionais aproveitan o noso consumismo impulsivo e instintivo para facernos crer que somos nós quen eliximos o que mercamos, cando na realidade nunca estivemos tan controlados e tivemos tan poucas opcións de elixir.

Polo mesmo terremoto que asolaga as persoas consumidoras, as persoas produtoras vense inmersas nun tsunami do que dificilmente poden escapar. O prezo do que producen está imposto polas grandes distribuidoras e este multiplícase ata por sete desde a orixe ata o destino. Esta especulación sobre o producido provoca abandono do rural ao obrigar aos produtores a producir por debaixo de custos. En Europa cada tres minutos desaparece unha explotación agraria. Nas rexións empobrecidas a situación é aínda peor, xa que existindo a posibilidade de producir alimento para todas as persoas, unha gran parte da poboación está a morrer, literalmente, de fame.

E nós que podemos facer?

Un dos problemas desta crise global é o da tiranía da comunicación. Paradoxicamente na era das novas tecnoloxías, a internet e as redes sociais; as relacións humanas atópanse máis afastadas e o consumo rápido de información fai que esquezamos facer a máis mínima análise e reflexión. Todo isto unido á gran concentración dos medios de información e persuasión; vinculados aos grandes grupos económicos e amparados por unha sociedade que sofre impasible a fractura da ausencia de comunicación. Rachemos pois con esta situación e tentemos de dar un pasiño na reflexión do noso consumo.

Temos moita información sobre o cousas que non nos afectan, pero moi pouca sobre cuestións básicas que deberíamos coñecer: de onde ven a carne que estou comendo? quen fabricou a roupa que levo posta? a quen van parar os beneficios do que estou mercando? que efectos ambientais e sociais xerou o produto que teño na man? con que materiais está feito? que proceso produtivo se empregou na súa elaboración? en que condicións foi feito? que tipo de residuos deixa?

Un Consumo Crítico é aquel que se pregunta polas condicións sociais e ecolóxicas nas que foi elaborado un produto ou producido un servizo. É unha actitude diaria que consiste en elixir de xeito meticuloso o que compramos sobre a base de dous criterios: a historia do produto e a conduta da empresa produtora, sinalándolle ao sistema os métodos produtivos e comerciais que aprobamos e os que condenamos.

Parar conseguir que as persoas produtoras poidan vivir dignamente cultivando produtos de calidade ligados á súa realidade social, ecolóxica e cultural, necesitamos uns mercados locais viables en base a uns hábitos de consumo que o fagan posible. Fai falta un cambio, por tanto, no noso modelo de consumo e de distribución que principalmente significa adoptar formas de consumo xusto e responsable.

O consumo responsable como saída

Os nosos hábitos alimentarios e de consumo, sufriron nos últimos anos, unha profunda transformación; non desexada en moitos casos. Para recuperar a nosa propia dignidade como persoas e a xustiza nas relacións humanas, é necesario facer un forte cambio na nosa forma de consumir, especialmente no referente aos alimentos.

En esencia o consumo responsable é unha reflexión colectiva sobre a nosa propia actividade que procura a transformación das relacións comerciais coa busca dunha sociedade máis xusta e equilibrada. Nesta liña, é necesario volver a recuperar o significado de producir alimentos, xa que aínda que pareza imposible a leite non nace do tetrabrick e os tomates non crecen nas bandexas do hipermercado.

Como persoas consumidoras, podemos e debemos impoñer as regras do comercio que queremos. Pero isto implica tamén renunciar a algúns privilexios adquiridos a costa do sufrimento alleo. Estamos dispostos e dispostas a facelo?

En definitiva, para saír da lei do funil é necesaria unha reflexión sobre a nosa forma de consumir. Logo, organizarse é básico para navegar nesta marexada de individualismo. Finalmente, para logar a transformación desta sociedade anestesiada non queda outro camiño que a loita.

Parafraseando a SOL; Sae, Organízate e Loita !!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña