13:07 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-12-2011

Se ben cabe a posibilidade de que as vindeiras eleccións deparen un novo presidente, agárdase difícil que a oposición poida propoñer un candidato común, único xeito de que Putin poida perder o seu cargo

O derradeiro cheque en branco

Valorar (12)

ANDRÉ ABAL MAURICIO



Despois de catro anos gobernando con máis do 70% dos 450 escanos da Duma, o dúo Putin-Medvédev salvou a maioría absoluta que perdeu en votos totais por só 12 parlamentarios nas pasadas eleccións lexislativas acaecidas o pasado 4 de decembro en Rusia, tendo a posibilidade de gobernar con suficiencia e sen apoios doutras forzas políticas pero consciente de que este pode ser o derradeiro cheque en branco que recibe das urnas.

A pesar do fraude electoral denunciado por toda a oposición, os resultados das eleccións rusas amosan un cambio claro de tendencia en contra do capitalismo case feudal encabezado por Vladimir Putin co apoio de delfíns coma Medvédev  e o total da nova oligarquía postsoviética, abríndose un abanico de opcións na que o Partido Comunista resultou o máis apoiado detrás de Rusia Unida, o partido de Putin, medrando un 56% a cantidade de votos recibidos e máis dun 60% o número de escanos; por diante de Rusia Xusta -unha autodefinida alianza de esquerdas que tenta posicionarse como unha alternativa bipartidista a Rusia Unida, e que apoiou en certo momento tanto a Putin coma a Medvédev- e o Partido Liberal-Demócrata, unha organización nacionalista que defende o retorno das repúblicas soviéticas a unha estrutura estatal común.

Interior do edificio da Duma. Moscova (Rusia)

Desde momento no que os resultados electorais se fixeron públicos, os partidos participantes nas eleccións impugnaron o resultado e desatáronse manifestación de até  50.000 persoas, con máis dun centenar de detidos pedindo eleccións limpas.

Pola súa parte os observadores internacionais remataron por dar validez aos datos oficiais e defender o avance da democracia rusa en coherencia con canones occidentais, ademais de salientar ironicamente que un dos motivos que os levou a aceptar este resultado foi a renovada capacidade do pobo ruso para detectar por eles mesmos calquer posible irregularidade. Aínda con este veredicto a favor por parte da comunidade internacional, o presidente Medvédev  viuse obrigado a abrir as investigacións en tódos os colexios electorais nos que se denunciou o fraude, debido ás crecentes manifestacións ao interno de país.

Estas presións levárono asimesmo a prometer no recente discurso do estado da nación unha reforma política que faría máis doado presentar candidaturas, daría unha maior representación territorial e recuperaría a elección directa dos gobernadores e presidentes das repúblicas federadas.

Esta baixada, que levou a Putin a perder a maioría de dous terzos que ostentaba dende as lexislativas do 2007, explícase na confluencia de diversos factores, no terreo económico os resaibos da crise de finais dos anos noventa do século pasado, comparábel a Gran Depresión dos anos trinta nos EU, a volatilidade dunha economía baseada na exportacións de materias primas, e unha situación socioeconómica que reflexa o feito de que tras dúas décadas despois da desintegración da URSS non se recuperara o PIB per cápita co que contaban os rusos daquela. Outra das condición que levaron a este resultado, xa de carácter máis subxectivo, e a percepción de engano que sufre un pobo que cabe lembrar, até fai dúas décadas era un dos máis formados a nivel técnico e académico do mundo, e que confiou en que o tempo de goberno de Putin  e Medvédev dera paso a caras novas non necesariamente noutros partidos políticos, pero sí nun troco que amosara o avance cara a un maior fortalecemento das institucións do país, obxectivo que se rachou ao anunciaren Putin antes das eleccións a súa candidatura para a presidencia o ano que ven.

Se ben cabe a posibilidade de que as vindeiras eleccións deparen un novo presidente, agárdase difícil que a oposición poida propoñer un candidato común, único xeito de que Putin poida perder o seu cargo e que a sociedade rusa poida canto menos soñar con avanzar cara un país máis xusto e cunha riqueza repartida correspondente aos inmensos recursos cos que contan, coma as reservas enerxéticas sen explotar máis importantes do mundo, quedando este obxectivo a expensas da madurez duns partidos políticos que debían corresponder a madurez dunha sociedade que comeza a reclamar cada día os seus dereitos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña