06:41 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-12-2011

O paquebote esmaltado (Cartografías da cultura)

Fashion & Cool & Chic & Sexy

Valorar (45)

CARLOS NEGRO



Quen lles fala, leva cavilando algún tempo en certas palabras que, grazas ás estratexias publicitarias das grandes marcas de consumo, foron adquirindo unha exitosa connotación positiva no conxunto das sociedades occidentais, en canto que venden de modo moi eficaz un estilo de vida, un estereotipo global asociado a valores como o luxo, o pracer e a sedución. Valores que, por suposto, debemos espreitar con enorme cautela e actitude crítica, mais sen desbotar unha análise dos mecanismos psicolóxicos que contribúen á súa fulgurante expansión entre amplos sectores da sociedade, sobre todo no ámbito xuvenil.

Por iso, non resulta inocente a escolla dos catro conceptos fetiche (outros dirían trending topics) que encabezan este artigo: catro palabras que, baixo múltiples formatos soportes e deseños, actúan de reclamo para un público fascinado por calquera obxecto ou produto que venda glamour, moda, tecnoloxía... en definitiva, últimas tendencias. Porque, baixo o constante acoso do márketing consumista, a que moza ou mozo galego lle desagradaría que o definisen como fashion & cool & chic & sexy?

Páxina web de tendencias "Disquecool"

E isto vén a conto a respecto das estratexias de promoción da lingua galega entre a mocidade do século XXI; resulta obvio que se algo resulta urxente é seguir actualizando métodos e tácticas de achegamento á xuventude, pois semella case unha quimera asentar un discurso social que religue o galego á modernidade se a preocupación ética non se acompaña dunha profunda renovación estética na difusión das mensaxes; dito doutro modo, a loita a prol do idioma segue a ser unha cuestión de compromiso colectivo, mais debe ir acompañada dunha experiencia de inmersión cultural nas modas e hábitos de consumo que definen a nova época dos nativos dixitais.

Dito doutro modo: non vaiamos á feira vender outra vez a mesma vaca que xa muxiron os nosos avós; e, se é posíbel, cando menos de portas para fóra, fagamos un esforzo para non transmitir á sociedade ecos epigonais de épica pondaliana, aturuxos forzados de hiperenxebrismo galeguista ou tratados morais sobre a relevancia estrutural das formas flexivas do infinitivo conxugado; poñamos, pois, o noso mellor sorriso de xefe de sección de El Corte Inglés, e con aparente naturalidade, asumamos as técnicas de achegamento afectivo que as grandes multinacionais saben usar con premeditación e aleivosía. Porque do contrario, axiña exclamaremos: Tarde piaches!

Por tanto, deixémonos de tanto profundar en debates internos que semellan un chisco masoquistas e adoptemos unha actitude de promoción da lingua máis cool, máis sexy, máis deliberadamente light. E se cadra así tampouco chegaremos a conquistar nunca a terra prometida que abrangue desde o Courel a Compostela, pero, cando menos, poderemos manter unha conversa fluída na rede sobre as últimas tendencias en arte e deseño, en gastronomía e viaxes, en música e moda, en tecnoloxía e deportes, en locais de ocio e hoteis con encanto. Poderemos, en definitiva, saber con máis certeza de que anda a latricar a xente, e se cadra, ata conseguimos que chegue a comunicarse en galego. E tanto na gloria como no fracaso, lembremos aquel vello aforismo revolucionario: Estamos en guerra, pero cómpre reflexionar.

Trátase, en definitiva, de irmos tranformando certos sermón tribais en conversas cool; a forza dos nosos argumentos, en pílulas light; o estigma identitario, en tendencia sexy; e a lingua, nun produto sweet & chic, apto para ese público adolescente que devora flocos de millo nas salas de cine. Porque necesitamos que os Bolechas medren de vez, aínda que fagan botellón cos seus colegas e cometan algunha imprudencia propia dos quince anos.

E se desexan comprender con maior exactitude a filosofía do camiño que lles suxiro (unha opción entre outras moitas, por suposto), fagan favor de clicar axiña no enderezo electrónico http://www.disquecool.com/; e logo da visita, cando pousen a cabeza na almofada, formulen en silencio a seguinte pregunta: existe, a día de hoxe, algún espazo virtual en galego máis suxestivo ca este?

A resposta, como diría Bob Dylan, anda ceiba polo aire.

[30-12-2011 23:10] belvis comentou:

Belvís, a rede socioeducativca da as-pg, tamén fixo esa pregunta.http://belvis.as-pg.com/pg/bookmarksead/1889/disquecool

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña