06:28 Sabado, 30 de Maio de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-12-2011

O BNG ten que responsabilizarse do máis elemental: gobernar a súa casa sen deixar que outros o fagan por el

Quen debe elixir o candidato ou a candidata do BNG?

Valorar (70)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ



No debate aberto no BNG de cara á celebración da súa Asemblea Nacional tense proposto que o seu candidato ou candidata á Presidencia da Xunta se faga por parte do conxunto da sociedade galega como un xeito de "abrir o BNG á sociedade".

É difícil non estar de acordo co principio de que o BNG, como calquera organización, debe manterse "aberto á sociedade" no sentido de coñecer ben as súas necesidades e contradicións e traballar no seu seo para ofrecer as alternativas concretas máis acaidas. Sempre, na pretensión de que esa sociedade asuma progresivamente o ideario nacionalista que, concordaremos, supón unha proposta de mellora obxectiva e substancial para o pobo galego. Nin desprenderse dos principios políticos que lle dan sentido á actuación concreta nin ficar en principios abstractos sen actuar sobre as preocupacións e problemas concretos que aparecen na sociedade.

Mais hai un discurso moi vello por parte de significados e habituais creadores de opinión que lle dan leccións ao BNG de "apertura á sociedade" nun sentido ben diferente. Acusan ao nacionalismo de estar pechado en si mesmo, ancorado no século XIX, sen abandonar os seus principios, xa caducos, de reducionismo lingüístico e cultural en tempos de plurilingüísmo e universalización, ou de demanda de soberanía dos pobos en tempos de globalización. Por certo, fano desde unha posición confesamente antinacionalista, sexa "progre" ou "reaccionaria". Como non podía ser doutro xeito, aconsellan que o nacionalismo non postule alternativas de cambio para a sociedade galega e pase, na práctica, a aceitar o estado actual de subordinación de Galiza e, consecuentemente, a perda de funcionalidade política dunha forza transformadora. Curiosamente, algún destes "aconselladores" xa participara tamén daquel proceso de "modernización" de Izquierda Unida para que abandonase o "rancio comunismo" e que acabou cunha forte mingua electoral e aínda maior mingua política desa forza.

Desde tempos máis recentes, tamén desde as filas do nacionalismo se vén demandando unha maior apertura á sociedade, aínda que sen excesivas concrecións. Vai para tres meses que Xosé R. Freixeiro xa tratou aquí este tema nun artigo moi clarificador titulado Cal é o significado de "abrirse á sociedade? Nel referíase tanto a aqueles expertos en gobernar a casa dos outros como aos que desde o BNG parecen concretar a súa proposta de "apertura á sociedade" en que se abandone por parte dos seus dirixentes o uso público da lingua galega en exclusiva. Considero óptima a súa análise e tan só quero agora ilustrar o tema con un novo exemplo.

No debate preasemblear do BNG aparece unha proposta ben destacada de "abrir o BNG á sociedade adoitando un novo sistema de primarias aberto ao conxunto da cidadanía". En consecuencia, no último Consello Nacional, propúxose que o candidato/a á Presidencia da Xunta fose elixido polo conxunto da sociedade e non pola militancia do BNG. O órgano pronunciouse contrariamente á proposta por unha marxe de seis votos (49-43), mais o debate trasladarase ás asembleas para definir o método que se utilice no futuro. É realmente ese un sistema apropiado para dirimir unha candidatura? É o máis democrático? Garante mellor o avance do nacionalismo na sociedade galega?

Realmente a sociedade galega á que se lle pretende encomendar a elección do/a candidato/a do BNG xa se ten pronunciado en cada proceso electoral, e no último elixiu ao actual Presidente da Xunta. Supoño que concordaremos en que esa decisión non é a que máis favorece a defensa dos intereses da maioría social, mais importantes condicionantes nas relacións de poder posibilitaron que a decisión fose esa. En consecuencia, non debemos esquecer que son eses mesmos condicionantes os que actuarían para elixir a candidatura do BNG á Presidencia da Xunta por ese mesmo corpo electoral.

O BNG ten que responsabilizarse do máis elemental: gobernar a súa casa sen deixar que outros o fagan por el. A ninguén máis que á militancia do BNG lle corresponde tomar esa decisión. É ela quen debe elixir, dentro do seu corpo, quen mellor pode trasladar á sociedade as propostas da organización. Esa é a función da persoa que represente ao BNG: introducir na sociedade o pensamento da organización e non introducir na organización o pensamento dominante da sociedade. É claro que o nacionalismo se dirixe á maioría social, mais con pensamento propio e non mimetizándoa. E isto é así porque unha forza que non comparte as relacións de desigualdade e de inxustiza entre os pobos e as persoas, ten que facer propostas propias para superalas e non simplemente bendicilas. Esa é a diferenza entre ser unha forza transformadora ou ser unha forza reaccionaria ou, o que é o mesmo, entre ter a pretensión de modificar as relacións de poder existentes ou simplemente reproducilas. Supoño que estaremos de acordo en que, por exemplo, non sería aceptábel renunciar á defensa do idioma e cultura propios, aínda que a maioría da sociedade chegase a considerar que iso é un asunto menor. Precisamente nese caso, sería labor do nacionalismo modificar ese estado de opinión e non empurrar á súa militancia a que se sume a esa maioría que, por procesos históricos de alienación, lle parece que canto menos galego sexa o noso comportamento mellor futuro teremos.

Se o BNG ten dificultades para que a súa militancia busque as mellores alternativas non é sensato trasladarlle esa responsabilidade á sociedade en xeral. Ademais, pensar ese proceso como se a sociedade fose unha mera suma de inocentes individuos que depositan nunha urna a súa sincera opinión sobre o que mellor lle convén ao nacionalismo e a Galiza creo que, ademais de irresponsábel, é suicida. En toda sociedade operan intereses económicos, políticos e ideolóxicos que conforman a opinión dos individuos máis aló da sempre posíbel e desexábel capacidade de reflexión persoal. Non podemos, pois, falar de "sociedade" en abstracto. Nela actúan forzas e intereses que se pronuncian en cada caso segundo a súa comenencia e non segundo os intereses obxectivos do País ou do BNG. E se esas forzas e intereses tentan inclusive condicionar os procesos internos das diferentes organizacións (tamén os do BNG), moito máis fácil lles resultaría poñéndollo practicamente nas súas mans.

Cabe supor, ademais, que este sistema tería que ser extensivo ás eleccións municipais, pois é no ámbito local onde a sociedade coñece mellor aos candidatábeis. Supoño que somos conscientes de que en cada un dos concellos, máxime se hai opcións á alcaldía, os poderes locais non se manterían indiferentes no proceso. Isto non é "abrirse á sociedade" para transformala, senón máis ben que as decisións que lle competen á militancia as tomen outras forzas (non só políticas) para que transformen o BNG no que elas desexan. Por iso quizais máis que falar abstractamente de "abrirse á sociedade" debéramos actuar no concreto para "abrir a sociedade ao BNG". É dicir, traballar no seu seo para que vexa no ideario nacionalista unha verdadeira guía para acadar a liberdade e soberanía dos pobos, a xustiza social, a igualdade... Deixouno dito ben claro Castelao: "Fundirse co povo, sentir as angurias da súa resiñación, infundirlle concencia da súa persoalidade e capacidade, darlle vida e arelas para prosperar. Primeiro ser; despois trunfar".


1 2 3 4 seguinte

[30-12-2011 11:32] Pegador de cartaces comentou:

Se forades ladrar o carallo,tanto candidato tanto candidato...Cantos sacou Amaiur?E quen é o candidato?Xa solo falta que sea o que está na cadea..Menos ladrar e máis traballar.

[29-12-2011 20:02] Zapatilla comentou:

Don Pantuflo, seguide a confundir e a enlixar, así vos irá, dicindo que o BNG está pechado e é escuro. Carlos forma parte da dirección e participa na elaboración das propostas, será el quen teña que explicar a contradición que hai entre formar parte de algo, votar a favor de todo, e logo ser crítico coa dirección na que el mesmo está. Cando un escolle ir á oposición non pode sentar ao mesmo tempo no consello de menistros. E calquera cidadán ou cidadá xa pode darse de alta no BNG cando queira, un pouco antes da asemblea, e participar na elección do candidato ou candidata. De feito houbo moitos cidadáns que optaron por facelo noutras ocasións. Non sei a que tes tanto medo a que a militancia do BNG poida escoller o seu cabeza de lista, se cadra é un plan para deslexitimar a quen saia elixido/a. Pero se tan convencidos estades das bondades dese sistema o que debedes é practicalo xa internamente.

[29-12-2011 16:56] Don Pantuflo comentou:

Estimado Alberte e compañía, seguides sen ser quen de compreder o concepto de abrirse á sociedade, xa chegades ao punto de denigralo e deturpalo. E o mesmo facedes coa proposta de método de elección do candidato-a. "Sería un suicidio". Claro, porque imos deixar que se presente calquera, quen sabe, igual o mesmo Baltar, como candidato do BNG. Pois non! O que debemos presentar é a persoas igualmente válidas, mesmamente como Guillerme ou Carlos, pois eu dou por feito que os dous son nacionalistas e de esquerdas, e defenden igualmente os cambios necesarios para Galiza. A sociedade galega pode decidir entre estas duas persoas, por riba dos condicionamentos externos e alienadores. Ogallá a participación fose masiva, mais non opino así. En calquera caso se o que pensades é que a sociedade escollería á peor proposta para o BNG e para Galiza, non sei de que vos preocupades, pois elexiría sen dúbida a Guillerme, pero eu confío en que non sería así, confío no pobo galego, e este escollería sen dúbida ao que considerasen mellor, que non é outro que Carlos, simplemente pola súa imaxe e pola súa capacidade para transmitir un discurso e unhas ideas, con criterio propio e non repetindo simplemente as consignas que lle mandan dende a organización do BNG. Seguide a enlixar as nosas propostas en vez de defender as vosas, que así vos irá.

[28-12-2011 11:03] Ricardo comentou:

Unha boa análise a de Ansede, concordo totalmente e compártoa. Pero eu engadiría algo mais. Trasladar á cidadanía galega a responsabilidade de elixir o candidato do BNG é tentar que se responsabilicen de algo que nin sequera a militancia do BNG é quen de facer. Que candidato poderíamos presentar á sociedade se nese proceso de primarias non participa nin a militancia? Porque é tan importante a decisión que nin a maioría dos e das militantes considerarán importante participar nunha Asemblea Nacional aberta na que se vai decidir en boa medida o futuro do BNG e xa non só o candidato ás próximas eleccións galegas

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña