04:10 Domingo, 29 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-12-2011

A Editorial Galaxia vén de recoller nun libro a poesía do autor mindoniense escrita entre 1933 e o ano do pasamento do poeta

Para cando nun único volume a obra poética en galego completa de Álvaro Cunqueiro?

Valorar (12)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Álvaro Cunqueiro


"Eu, entón, comezo a coller verbas, equí i acolá, e sempre quedo maravillado de que de unha a outra poda tender un fío que, tenso e pulsado con temerosa man, soe coma unha corda de viola no silencioso salón dun pazo deserto". Así definía Álvaro Cunqueiro o proceso de elaboración da súa poesía e a súa lírica na Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos, que publicou Francisco Fernández del Riego en 1955. Non é preciso dicir moito máis. Aí están as claves da súa obra poética. Quen coñeza en profundidade os seus poemas e se teña marabillado coa lectura dos seus libros de poesía sabe ben que Cunqueiro é un poeta que bebe á súa vez de moitos outros autores da literatura galega e universal e que en diálogo con textos de aquí e de acolá foi capaz de darnos unha obra na que cada verso é unha cerdeira en flor, cada seu poema un belísimo xardín, onde medra a soidade, o amor e a nostalxia, un extenso territorio cheo de sombras máxicas no que habitan os cervos de Pero Meogo, a miña branca señor de corpo delgado, as miñas donas Giocondas, dona Leonor de Castro, Ulises e Cranach, monsignor Malatesta de Rímini, as froles de lis, un mar que non existe, un río de paxaros, o cabaleiro de pruma na gorra, a dama que ía no branco cabalo, unha rula que se foi polo medio e medio do outono por entre as bidueiras, sobre o río, o eco dun soño, Catalina de Siena, a sobriña del rei Melchor, as vellas damas de Les Baux coa súas delicadas mans ou un cabalo que foi pai na Toscana e morreu de vello cunha bocada de herba na boca, entre a que iban dúas mapoulas. Ese é Cunqueiro.

Nas verdes herbas vi andar as cervas
nas Woburn Hills
e como ben ensinado díxenlles:
-Damas de meu, que facedes aquí?
Nesta terra, nunca a Pero Meogo vi!
E entón unha cerva deixou de pacer
nas Woburn Hills
e como ben ensinada díxome así:
lembrarías a Pero Meogo, que eu nunca vi?
E como vin que tiña razón de enamorada
díxenlle unha cantiga á ben ensinada,
de Pero Meogo, clérigo de San Fiz:
Vai lavar cabelos na fontana fría!
E por Pero Meogo
o fixo así.

O poeta Álvaro Cunqueiro ten un lugar de privilexio nas miñas lecturas. Tívoo sempre desde que o descubrín nos días de maio de 1981 no primeiro volume da súa Obra en galego completa que editou Galaxia ese ano, aínda en vida do autor. Por primeira vez puiden ler os versos escritos nos lonxanos días da mocidade de Cunqueiro, os libros Mar ao norde, Poemas do si e do non e Cantiga nova que se chama Riveira, que viran a luz na Compostela de Arturo Cuadrado, Luís Seoane e Carlos Maside. E puiden ler tamén nese primeiro tomo da súa obra completa a poesía escrita xa nos anos de plena madurez creativa do poeta: Dona do corpo delgado, o poemario publicado en Pontevedra, na colección Benito Soto, en 1950, e Herba aquí e acolá, que recolle unha boa parte do seu corpus poético escrito entre 1950 e 1980. E debo dicir que nese momento fiquei fascinado para sempre coa poesía do de Mondoñedo. Desde entón non me canso de regresar unha e outra vez aos seus versos. Habería que estar moi cego para non ver que Cunqueiro é un dos cumes da lírica galega e universal do século XX e que a súa obra poética ten unha grande influencia na poesía doutros poetas posteriores, por exemplo en Méndez Ferrín.

Escóitasme así, miña señor amada, cando do peito meu o trobo arde,
ou atrás de ti a sombra do meu soño
loucamente a túa apreixa e bica?

Ouh doce o peso do teu corpo no meu maxín deitado!

Neste río do meu vagar sen fin,
qué incendiado navío non navegas na noite?

-Por qué este corazón tanta frol mucha,

por qué non é mortal de tanto lume a cinza,
por qué inda son eu de tanta verba a boca?

Miña branca señor, corpo delgado:

este bosque é do tempo da máis recente lúa,
e ese malvís que tanto áer enfrauta
cada día que amence renasce e asubía.
Amante, no meu vaso aínda canta a sede.

Celebramos que neste ano que agora remata teñan sido publicados outros poemas en galego inéditos ou non recollidos anteriormente en libro que de novo nos deixan marabillados e nos permiten ver a obra poética de Álvaro Cunqueiro en toda a súa dimensión. Estamos a nos referir ao volume que recolle a poesía que vai de 1933 ao ano da súa morte: Dona do corpo delgado, Herba aquí e acolá, Outros poemas. Poesía 1933-1981 (Editorial Galaxia, 2011), unha edición que estivo ao coidado de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger. Con este libro temos a oportunidade de regresar ao Cunqueiro que xa coñecíamos pola Obra en galego completa, mais tamén de descubrir 110 poemas novos, 13 poemas apócrifos e unha serie de paratextos. Aquí está o Cunqueiro tradutor de poesía que tantas veces reivindicou Ferrín, sospeitando que detrás de cada poema presuntamente traducido doutras literaturas o que había en realidade era un novo poema de Álvaro Cunqueiro en diálogo con outros poetas reais ou imaxinados. Así acontece con moitos poemas de autores estranxeiros por el publicados no Faro de Vigo baixo o pseudónimo de Álvaro Labrada ou Manuel María Seoane e que agora sabemos que pertencen a poetas que nunca existiron, desde os italianos Giorgio Cantalupo ou Carletti da Mirona aos poetas suecos Erik Triggvason ou Frank Sigmundson. Álvaro Cunqueiro, poeta de nós irrepetíbel!

O noso gozo será pleno o día que poidamos ter entre as mans un tomo no que se recolla a poesía en galego completa de Álvaro Cunqueiro, editada coa exquisitez que a súa poesía esixe. Non entendemos esta política editorial de publicar a poesía de Cunqueiro en varios libros, privándonos do pracer de ter nun único volume a poesía toda que naceu da profunda cultura literaria e da poderosa imaxinación e extraordinaria capacidade creativa do escritor mindoniense. Álvaro Cunqueiro, como gran mestre que é da literatura galega e universal, merece ese libro.

Chove miudiño en Elsinor e eu dispóñome a ler, máis unha vez, un dos meus poemas preferidos de Cunqueiro: "Rondeau das señoras donas pintadas no ouso do Vilar, no século XIV, cheirando unha frol".

LE VERSE

Ese vento de seda é o tempo que pasa.

Soñades a doce primavera de antano
nesa frol que refrexa o seu van no negro pozo dos vosos ollos?

Le temps s´en va!


Esas bolboretas que abanan a raiola do sol

son as suas tocas cobixando as pálidas frontes.
Soñaredes aínda no ouso do Vilar os soñares do tempo pasado?

Le temps s´en va!


Ese enorme silencio cristaíño e dourado!

Si vós agora falardes, miñas donas amigas,
a vosa voz enchería, como unha fonte de ágoa, o vaso do silencio?
 
Le temps s´en va!


Ei, donas do Vilar! Erguede os finos rostros e sorride,

que andan galáns de corte con soedades de vós!
Agás que prefirades velos morrer de amor.

Le temps s´en va!

Le temps s´en va!
mes dames!

L´ENVOI


De todolos amores o voso amor escollo:

Miñas donas Giocondas, en vós ollo
tódalas damas que foron no país,
unhas brancas camelias, outras froles de lis.

Le temps s´en va! Ou dádesme ese bico

que cheira a rosas de abril do Mil e Pico
ou finarei chorando na miña soedá,
namentras envellezo: Le temps, le temps s´en va!

Velaquí un fermosísimo poema no que Álvaro Cunqueiro nos fala con nostalxia do tránsito do tempo a través dos frescos de Vilar de Donas e no que, como tantas outras veces no seu proceso creativo, o poeta mindoniense dialoga con textos doutros autores, neste caso, como moi ben sinala Méndez Ferrín no seu libro De Pondal a Novoneyra, cun verso de Pierre de Ronsard (Le tems s´en va, le tems s´en va, ma Dame) e cun poema de François Villon ("Ballade des dames du temps jadis"), cultivando incluso neses versos o finísimo humor que logo atoparemos, anos despois, en "Les amours d´antan" de Georges Brassens. Este é Cunqueiro: a recreación da propia literatura. Adentrarse no seu canto é un gozo semellante a contemplar as pinturas de Pompeia ou un cadro coas esveltas e delicadas damas de Burne-Jones.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña