09:09 Sabado, 03 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-12-2011

Eusebio Lorenzo Baleirón nace e críase en Tarrío (Dodro) no seo dunha familia humilde ó lado da antiga sé do morgado dos Ballesteros

A terra e o tempo de Eusebio Lorenzo Baleirón

Valorar (17)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN


Eusebio falando con Ramón Lorenzo 1983.


Decembro é un mes de celebracións patrias. E se queremos celebrar un Nadal galego habemos de saber tamén do 6 de decembro de 1933 fundación do Partido Galeguista de Pontevedra baixo os insignes próceres Bóveda e Castelao. O himno galego foi estreado contra o final dun Nadal de 1907 en Cuba. Xoán Manuel Pintos nace a mediados do Nadal de 1811... E se imos aínda máis atrás deixando os natalicios de Cunqueiro e Julio Camba, O Mariscal, por antonomasia, Pardo de Cela, sufría martirio en Mondoñedo en 1483. Cinco centos tres anos despois o mundo tamén perdía outro incipiente mariscal das letras: Eusebio Lorenzo Baleirón.

Ata a creación do Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón en 1988 moi poucos sabían das terras de Laíño. Dodro, concello coruñés pequeno entre Rianxo e Padrón esquecido entre as rosalianas veigas de Lestrove e o orballo laiñán ha de esperar a chegada do «de bos sentimentos» no 1962 para actualizar e axudar a completar o rico panorama poético dos oitenta.

Eusebio Lorenzo Baleirón nace e críase en Tarrío (Dodro) no seo dunha familia humilde ó lado da antiga sé do morgado dos Ballesteros. Antes de marchar a Compostela, o fillo de Amancia, recibe clases de Bernardino Graña -máis tarde amigo- no instituto de Padrón onde despunta como estupendo estudante con inquietudes literarias que agroman por vez primeira ás beiras do Sar.

Cursa Filoloxía Galega con éxito en Compostela. Alí toma contacto coa xeración poética do momento e aparecen os seus primeiros poemas e publicacións como por exemplo na revista Grial que era a máis importante revista sobre a literatura galega. Os estudos e as publicacións científicas versan sobre a poesía de Aquilino Iglesia Alvariño, Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro, sobre o portugués Nuno Júdice,... Mesmo podemos atopar o seu nome no enorme libro do Atlas Lingüístico Galego entre outros traballos. Tras as aproximacións que tivera á literatura desde o instituto de Padrón publica na prensa unhas notas da versión teatral do Centro Simón Varela de Asados (Rianxo) sobre Os vellos... Así, desde o 1982 ó 1986 queda sempre finalista do premio Esquío, o primeiro ano con Herdanza da néboa. Tamén en Compostela fórxase a amizade con Paulino Vázquez, David Pérez Iglesias e Manuel Forcadela xunto con Román Raña ou Chema Bouzón entre outros recoñecidos escritores.

Con 23 anos -en 1985- publica O corpo e as sombras e Os días olvidados. Daquela xa gañara diversos certames, coma o segundo de poesía do concello de Vigo, o 1º do Celso Emilio Ferreiro con Os ollos no camiño do Concello de Santiago ou O Facho na Coruña. A crítica e os seus coetáneos sinálano como unha revelación da poética dos oitenta. O libro de estampas en prosa poética, O libro das viaxes e dos soños convértese de lectura obrigada para varias xeracións de BUP anos máis tarde. En marzo deste mesmo ano preséntalle a José Saramago O ano da morte de Ricardo Reis na súa facultade compostelá.

Resulta ser o1986 un ano pleno para Eusebio pois está de bolseiro en Lisboa, gaña a praza de lingua e literatura galega de instituto tras un ano no Carballiño de profesor no que lle deu tempo a organizar unha mostra de poesía no mes de setembro. Aquela estancia fixo que hoxe O Carballiño conte cunha rúa -perpendicular á rúa Curros Enríquez- que leva o seu nome.

A poesía de Eusebio é coma a dos oitenta, con gran coidado na estética, culta. Presenza da cultura clásica e dos clásicos occidentais (Ovidio, Paio G. Chariño,Dante, Réne Char, Mallarmé, Rimbaud, F. Hölderling,...) Pero os seus mundos oníricos coa súa visión do amor, da vida, a súa omnipresente morte, a súa temática intimista baixo o seu peculiar prisma surrealista trúncase o 14 de decembro de1986, fai agora 25 anos. Deixa viúva a Asunción e a unha Flavia con dous anos -"Serás sombra da árbore máis vella/..." A morte presentida- cos mesmos anos que el tiña cando lle morre seu pai. No 1988 aparece A morte presentida e Gramática do silencio, este último título fora finalista do Esquío en 1985 pero resulta ser agora un libro con poesías sacadas doutros poemarios.

Hai que agardar pois ó ano 1996 cando se edita -con debuxos de Ramos Rosa- a compilación definitiva como poeta. Baixo a dirección literaria de Miguel Anxo Fernán Vello e coa axuda da "man amiga" de Paulino Vázquez, como lle chama Manolo, o irmán de Eusebio no prólogo, Gramática do silencio. Obra poética preséntase no actual CPI, bautizado co seu nome en 2002, e onde sempre se fan os actos de entrega do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Naquela fabulosa entrega a Isidro Novo por Dende unha nada núa , recolle o galardón arroupado pola sempre presente e agradecida familia de Eusebio: a viuva Asunción e a filla Flavia canda o seu irmán Manolo e a súa nai Amancia. Os veciños de Dodro e autoridades invitadas que nunca faltan á cita anual viron aquela noite xuntos a vinte dos grandes da literatura do país alí reunidas por primeira vez: Ferrín, Bernardino Graña, Anxo Angueira, Agustín Fernández Paz, Helena Villar ...

En Tarrío con Manolo Baleirón

Falar con Manolo Lorenzo Baleirón, o irmán de Eusebio, é como volver a sentir a forza narrativa, o impulso natural da vida, do amor, das veigas que o irmán cantou "...Aquel regueiro limpo de espadanas altivas,/...". Manolo tamén é un devoto da súa terra, profésalle un cariño tremendo ó que foi o marquesado de Rianxo. Queda ben demostrado coa entrega do libro con licenza libre para difusión Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na Auga presentado no mes de marzo. Ameno, con rigor e laborioso traballo de incursión no concello a través da súa toponimia. Un apaixonado mestre co desexo de transmitirlle ó seu alumnado toda a súa sabedoría e fomentar nel o estudo crítico daquela realidade que nos rodea. Algo disto tiña teu irmán, non? "Era unha persoa moi xovial á vez que tiña uns impulsos que nunca indicaron un carácter forte, si con temperamento para acto seguido volver á carallada".

Admirando o curso baixo do río Ulla desde o seu despacho de tesouros familiares recordamos xuntos cando ían a Bexo Eusebio e o seu veciño Pepe Vigo a poñer escola no verán, opción esta moito mellor para rapazas e rapaces da aldea antes que ir co sacho para decruar ou arrendar nas leiras de millo. "Meu irmán tamén sachou moito millo" -espétame Manolo mirando para a súa graneira similar á das ducias delas esparexidas polas tres parroquias de Dodro. Desde a casa natal, atalaia das Avesadas, de Solaíño, do Muronovo das leiras do Paso hoxe habitado polo CPI non pode verse non obstante a recollida aldea de Manselle de Anxo Angueira, "outro dos que tan ben cantou estas terras -coincidimos- hoxe profanadas por parcelarias anacrónicas, autovía, ave galego, estradas ruidosas e as liñas imaxinarias de demarcación de costas onde so hai cuncas e ferrados de campíos". No penal da casa dime el que seu irmán "chegara a pintar Viva Galiza ceibe! Grafite que tivo que borrar por orde de mamá. E víase desde ben lonxe!! -continúa Manolo- Así era meu irmán". Cando amablemente me ensina carpetas e as fotos familiares que carrexa a súa muller Consuelo laméntanse por non posuír máis, perdidas xa en vida de Eusebio.

Ten moitos recortes e publicacións referidas a seu irmán: Desde a palabra doce voces. Antoloxía dos 80 en Sotelo Blanco a cargo de Luciano Rodríguez Gómez. O nº 12 da revista Dorna de 1987 está dedicado a Eusebio. Revista Litoral. Número monográfico dedicado á "Poesía Gallega Contemporánea". Ed. de Luciano Rodríguez e Antonio Jiménez Millán. Málaga, 1996. Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega en Xerais de Cesar Morán 1999. Tamén se publicou en Espiral Maior unha antoloxía bilingüe en galego e castelán ao coidado de Ánxeles Penas dentro da colección AULIGA do 2000. Aparece, por suposto, no 2003 o libro Antoloxía consultada da poesía galega 1976 - 2000 polo editor Arturo Casas publicado en Tris tram na que entre outros poetas inclúen a Eusebio ó lado de Ferrín, Manuel María, Chus Pato, Pilar Pallarés, Bernardino G., Antón Avilés, Ana Romaní, Xosé Mª Á. Cáccamo, ... Gramática do silencio é traducida ó español por Penélope Pedreira e Moisés Barcia na colección Inversa (Rinoceronte)2007.

Ensíname autógrafos e máis... como un poema traducido ó francés por Emma Lazare Para o silencio e incluso ó ruso o poema Clepsidra do seu corpus Os días olvidados. Manolo sinte non poder despedirme co agasallo dun exemplar de Eusebio pero "fun dando ós que viñan á casa e agora so teño un exemplar de cada..." Así é a xenerosa casa do fillo de Amancia.

O premio e os premiados

O premio de poesía homónimo é hoxe un dos máis prestixiosos de Galiza plataforma de lazamento de novos bardos que foi instituído polo concello de Dodro a instancias de Avelino Abuín tal e como se desprende da única foto que hai no arquivo do concello de Dodro dese ano. Era o 1988 cunha modesta dotación económica e un boi de Laíño en cerámica de Sargadelos ó igual que o seguinte ano. Gañador Xosé Manuel López "Ardeiro" (1944-2007) con O matiz esmeralda na sombra quen curiosamente chegou a coñecer a Eusebio. No 1989 gaña o premio Gonzalo Navaza co poemario Fábrica íntima. En 1990 forma parte do xurado Avilés de Taramancos e outórganlle o galardón a Alborada no muro escrito por Xavier Rodríguez Barrio. No 1991 Helena Villar Janeiro con Nas hedras de Clepsidra -publícanse os gañadores en Ediciós do Castro a partires deste ano- érguese coa 4ª edición do premio que cada vez é máis concorrido e do que a gañadora será mantedora do solemne acto literario en varias edicións.1992 Palmira González Boullosa Asoladamente, o teu nome. 1993 Xavier Cordal con Fruto do Teixo. Xosé Manuel Millan Otero álzase coa 7ª edición con As palabras no espello. 1995 Xosé Miranda Amantes e viaxeiros. 1996 Isidro Novo por Dende unha nada núa. Emma Couceiro ó ano seguinte é a terceira poeta que gaña con As entrañas horas. Estevo Creus no 1998 con Teoría do Lugar. 1999 Emma Pedreira con Grimorio. 2000 Carlos Penela con Acaso o inverno. 2001 Xosé Lois Rúa con O tránsito da Auga. 2002 Eduardo Estévez con Caderno apócrifo da pequena difunta. 2003 María Comesaña Besteiros con Zoonose. 2004 Lupe Gómez con Azul estranxeira. 2005 Mariña Pérez con Fanerógama. 2006 Rafa Villar con Escoración dos días. 2007 Nieves Soutelo con Código poético. 2008 Xabier Xil Xardón Cando menos a derrota. No 2009 gaña Xosé Daniel Costas Currás Conservas. 2010 Luis Valle Regueiro Fedor e nesta XXIV edición gañou o poemario Con gume de folla húmida do coruñés Isaac Fernández Fernández.

Ó mantemento da súa obra e memoria a través deste recoñecido premio xa se suman voces coma a do daquela tenente alcalde nacionalista Anxo Franco Vidal que no 2010 pedira publicamente diante de Darío Xoán Cabana e Helena Villar para Eusebio un día das letras galegas que pode estar cada día máis preto logo da pasada edición adicada a Lois Pereiro.


[16-12-2011 18:50] Helena Villar Janeiro comentou:

Sendo todo ben certo, para min é ademais entrañable pola vinculación con Eusebio en vida e pola implicación que teño con ese premio desde hai dez anos. Parabéns, Xoán Bautista.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña