13:47 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-12-2011

Os nacionalistas galegos (os “anacrónicos”) denunciaremos, aguantaremos e finalmente transformaremos

A política de desgaste

Valorar (20)

ANABEL GULÍAS TORREIRO



Por moito que me empeñe fáltame moita experiencia na loita social e política , sen dúbida unha das razóns é pola miña idade. Aínda (xa) tendo 30 anos, teño que recoñecer que falta experiencia organizativa e seguramente moitas máis cousas. Pero unha das cousas que máis acuso (especialmente agora) é o aguante nas situacións complexas sobre todo na fase do que facer? Traducido isto ao momento actual é o equivalente a sentir a presión do goberno do PP machacando pouco a pouco cun PSOE que aproveita o noso traballo e cunha continua falta de lexitimación da organización coma tal alimentada nos medios de comunicación e nas redes sociais.

Coido que é acertado pensar que estamos nunha nova época na que os ataques contra o nacionalismo, son variados. Algúns son contundentes e directos, pero outros son os que eu defino como "de desgaste" son lentos e non sempre ocupan titulares, son actuacións que pouco a pouco van cansando aos militantes e sobre todo dan a sensación de que todo está mal e non hai alternativa posíbel. Estes, ao meu xuízo, son os máis difíciles de tratar e de atallar. Primeiro, porque é moi difícil integralos e entendelos todos dende unha perspectiva global. Segundo, porque son constantes, son como unha chuvia que non para. Chuvia constante que xa nin para os paraugas e cando escampa un pouco, de novo máis chuvia  ...

O xeito de actuar deste chover miúdo é dirixir ataques sectoriais pequenos, concretos, que afecten a grupos reducidos pero que no fondo (a suma de todos eles) ataquen á base, aos nosos intereses coma país, a Galiza.

Todo isto ven a conto dun artigo que lin fai xa uns meses sobre os nosos veciños asturianos . Normalmente escribo sobre desenvolvemento rural porque a parte da miña formación académica e a experiencia profesional, creo que realmente é unha das bases que sustenta a política nacional na praxe, aínda que ás veces pase desapercibida .

Unha das vías polas que se artellan as axudas de desenvolvemento rural e a través dos grupos de desenvolvementos rural. Os grupos, teñen asinados convenios con AGADER nos que se recolle o orzamento previsto e dividido en anualidades. Estes convenios aseguraban a xestión orzamentaria dos grupos. Pero temos que dicir que na Galiza a día de hoxe non sabemos que vai a pasar coas anualidades 2009 e 2008 porque as cantidades asignadas non están incorporadas aos orzamentos dos grupos. O que vai pasar cos fondos é a principal dúbida dos grupos nestes intres, e sinceramente penso que nin sequera AGADER sabe que vai a pasar, posto que o peso político do desenvolvemento rural e incluso da consellaría do medio rural é anecdótico no goberno do PP (feito incríbel, nun país das características de Galiza)

O caso é que os veciños asturianos tiñan problemas similares que o novo goberno de Álvarez Cascos solucionou do xeito que paso a relatar. Baixo o titular de que os grupos gastaban máis do que tiñan e que aínda por riba xestionaban mal o programa (ao investir fondos en proxectos "non produtivos",proxectos de interese xeral). Deixan entrever que é decisión do grupo o investimento neste tipo de proxectos cando se establece claramente a existencia de este tipo de proxectos na lexislación comunitaria.

Carga tamén nos grupos, a responsabilidade de explicarlle aos promotores porque non hai fondos, cando el mesmo recoñece que os fondos estaban bloqueados en intervención. É por último propón pro ratear os fondos até 2018 , pero os grupos so funcionarán até 2013 que pasará cos fondos dos grupos que non continúen?

Como dicía no caso galego hai varios problemas que seguen sen resolverse, e aos que sinceramente, tal como están as cousas, non semella que se lle busque solución.

Sobre o tema xa comentado do orzamento, tamén cómpre preguntarse  que vai pasar cos fondos dos proxectos de cooperación galega? Estes fondos son cartos dispostos para desenvolver proxectos conxuntos entre grupos galegos. Esta convocatoria non saíu nin temos novas de que saia.

Que pasa coa modificación do réxime de axudas e coas alegacións presentadas polos grupos? Semella que despois de tanto debate e tanto borrador non se cambia o réxime de axudas.

Que pasa co reparto da reserva de eficacia ? Isto é, o orzamento sobrante de grupos que non foron capaces de executar o seu orzamento e que permite a distribución entre grupos que teñen proxectos pendentes.

Que pasou co programa informático e co manual de procedemento? Verémolo algún día ?

Todo este chover miudiño é un ataque contra os desenvolvemento rural da Galiza que engrosa a lista de agravios contra o medio rural galego. Pero non sei porque nos sorprendemos se Juárez xa advertía que o medio rural galego estaba morto o que non dixo é que el ía a encargarse de rematalo.

Malia todo isto eu sempre pensei que nunca choveu que non escampara. Si o que pretenden é desanimarnos e que deixemos de demandar outra solución a crise, van dados! Os nacionalistas galegos (os "anacrónicos") denunciaremos, aguantaremos e finalmente transformaremos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña