00:37 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-12-2011

"Axenda oculta" é o título dun dos meus filmes favoritos de Ken Loach, e tamén unha expresión empregada reiteradamente durante a pasada campaña electoral para se referir ao futuríbel programa de goberno

A visíbel axenda oculta

Valorar (19)

RUBÉN CELA DÍAZ



"Axenda oculta" é o título dun dos meus filmes favoritos de Ken Loach, e tamén unha expresión empregada reiteradamente durante a pasada campaña electoral para se referir ao futuríbel programa de goberno de Mariano Rajoy.

Certo é que o PP pasou pola campaña electoral, tal que auténtica procesión dos caladiños, pero que Rajoy non explicite as súas propostas -de momento- pouco máis que, en base a xeneralidades na cimeira do PP europeo en Marsella,  non quere dicir que non sexan coñecidas ou claramente predicíbeis.

O problema non é que Don Mariano non ensine claramente a súa axenda de reformas. O problema radica no que xa sabemos ou intuímos que contén esa axenda, no fondo, moi visíbel e na aptitude dun novo presidente do goberno español, que entende que o resultado nas urnas do pasado 20N lexitímano para levalas a cabo, por moi prexudiciais que sexan para a maioría da poboación.

Desde o meu punto de vista, hai un decálogo de "citas" anotadas nas primeiras follas desa axenda que resultan especialmente preocupantes (sen entrar nas adicadas directamente a Galiza, que merecerán un capítulo a parte):

1. Submisión ao ditado de "Merkocy"

Na actual conxuntura económica non hai tempo que perder en maquillaxe. Isto permítenos observar con maior claridade a faciana real da Unión Europea. Resulta máis evidente ca nunca quen manda, quen manda sobre os que mandan e, sobre todo, quen copia ao ditado e obedece sen rechistar.

Nesta semana, que se prexentaba decisiva para albiscar o rumbo que a UE vaia tomar ás portas dunha nova recesión, voltamos ver como os intereses do capital franco-alemán prevalecen sobre os intereses reais de millóns de persoas. A Emperatriz Merkel (como tantas veces a ten denominado o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez) exerce de emperatriz, que acompañada do seu fiel escudeiro francés, xa aleccionaba antes de se sentar nunha cimeira cos seus "socios menores", para que ninguén se levara a engano ou confusión, como se vai refundar Europa: un novo tratado fundamentado nos mesmos principios de ortodoxia neoliberal que nos teñen conducido até aquí, pero reforzados, cunha obsesión cuasienfermiza co déficit, que aboca a un modelo de Unión Europea aínda máis xerarquizado, con maiores déficits democráticos e maior desigualdade.

Rajoy non será un alumno contestatario coa profesora "Merkocy". Todo o contrario, pretende ser un alumno avantaxado e por ese motivo tentou sacar peito no seu primeiro exame oral na Cimeira do Partido Popular Europeo en Marsella. Aprobou con nota: unha declaración de submisión incondicional aos ditados de "Merkocy" aínda que os deberes que lle manden para casa, sexan claramente prexudiciais para os intereses globais do estado español e nomeadamente e, de xeito directo, para a maioría da súa poboación.

Como colofón a unha semana chea de globos sondas, unha cimeira europea que ratifica as esixencias do capital franco-alemán: máis e maior regulamentación fiscal fundamentalmente vía a limitación do déficit estrutural anual de cada estado, que non poderá superar o 0,5% do seu PIB e o Tribunal de Xustiza na UE "verificará" o seu cumprimento; sancións aos países que superen o límite do 3% de déficit: un "préstamo" da UE ao FMI por valor de 200.000 millóns de euros para futuríbeis rescates e a revisión do modelo de Fondo de Rescate que, entre outras cuestións, contemplará que non haberá novas condonacións de débeda como no caso grego, as decisións no caso do Fondo de Rescate Permanente serán tomadas por maioría cualificada do 85% do capital tendo pois, Alemaña, Francia e Italia dereito a veto (o estado español só o tería se se elevase esa porcentaxe do 85% plantexado inicialmente ao 90%).

En resumidas contas: a Europa de "Merkocy" vai a piñón fixo. Só hai espazo para unha ortodoxa contención do gasto público e control da inflación na zona euro, que no caso do estado español só conducen a un maior decrecemento económico,  desemprego, desigualdade social e recortes en servizos sociais básicos. Europa optou porque a crise a pague quen non a provocou e Rajoy non se vai saír do guión, custe o que custe.

2. Nova reforma laboral

Será unha das primeiras grandes reformas de Rajoy. Fundamentarase na desaparición da negociación colectiva, o abaratamento do despedimento e redución de dereitos laborais, fundamentalmente a través dun contrato único, a prevaleza do convenio de empresa sobre o sectorial e a xeneralización do despedimento con 20 días de indemnización por ano traballado. Se é refrendada pola CEOE e os sindicatos españois, mellor, senón farase igual.

Os datos coñecidos do último mes de novembro son clarificadores ao respecto do fracaso deste modelo de reforma laboral. 59.536 novos/as parados/as máis no estado español, o número de afiliados/as á Seguridade Social descendeu en máis de 110.000 persoas, situando o total en 17,24 millóns, a cifra máis baixa dos últimos seis anos. O 17% deses parados/as producíronse en Galiza, é dicir, case 2 de cada dez novos parados son galegos, "liderando" así a destrución de emprego no conxunto do estado con 11.274 novos desempregados/as no territorio galego o que nos sitúa xa na cifra de 253.416 galegos/as que queren traballar e non o conseguen. 

A pesar de que os resultados non deixar lugar a dúbidas (oito CC.AA. do estado español están entre as 12 rexións con máis paro da Unión Europea) Mariano Rajoy afondará na liña iniciada nos últimos anos polo PSOE.

3. Redución drástica do gasto e investimento público.

Seguramente, a primeira Lei deste "Ano Mariano" será a que desenvolva o artigo 135 da Constitución que veñen de modificar pola porta de atrás e  mediante unha reforma express o PSOE e o PP, sen permitir que a cidadanía opinase ao respecto. Farán algo similar á Lei de Estabilidade Orzamentaria dos tempos de Aznar, incluíndo tamén ás Comunidades Autónomas.

É previsíbel unha redución drástica da inversión pública. Primará a redución do déficit público por riba de ningunha medida de calado de estímulo á inversión, renunciando deliberadamente ao papel que as administracións públicas poderían -e deberían- xogar neste contexto. Trátase dunha política orzamentaria exclusivamente contábel.

O Goberno central xa recortou 500 millóns a partida do Ministerio de Fomento (un 10% de redución) e é previsíbel que os recortes que se efectúen no curto prazo serán aínda maiores, non só no ámbito da grande obra pública e noutro tipo de investimentos do estado.

Isto ten un efecto demoledor no conxunto da economía. No momento que existe unha contracción moi forte da demanda privada, tómanse medidas para contraer ao mesmo tempo a demanda pública. Sen ir máis lonxe, estes días, coñecíamos o último dato do IPI (Índice Xeral de Produción Industrial) que ven de rexistrar un descenso interanual do 4,2% en outubro. Calquera dos datos acumulados de todos os índices de referencia para avaliar a idoneidade da actual política económica son claros: estamos camiñando en dirección oposta ao que realmente habería que facer.

O Estado español atópase ás portas dunha profunda (e prolongada) recesión (dous trimestres consecutivos con crecemento negativo, e iso é o máis probábel que aconteza este último trimestre de 2011 e o primeiro de 2012). Ante isto as respostas do PP serán as mesmas que as da última etapa do PSOE, pero con maior entusiasmo e iso só nos levará a unha maior prolongación do tempo de recesión, a superar en 2012 unha taxa de paro do 22% para o conxunto do estado español e unha profunda contracción da actividade económica.

4. Profunda involución territorial.

Veñen anos de profundan involución no terreo da configuración territorial do estado español e do aumento do autogoberno das nacións que o conforman. A liña argumental, desde o meu punto de vista, pivotará en tres patas: en primeiro lugar en que a descentralización do estado é un luxo e forma parte do problema económico que vive actualmente o estado, polo que para atallar ese problema hai que meterlle man ao modelo de descentralización autonómica. En segundo lugar, a garantía da igualdade na prestación de servizos para "todos los españoles" reabrindo o debate sobre a posíbel recentralización de competencias en materias como educación ou sanidade. En terceiro lugar, no plano máis ideolóxico, reafirmando o carácter uninacional do estado español e polo tanto cunha liña clara de ataque directo e indirecto no terreo lingüístico, cultural, histórico en Galiza, Euskadi e Cataluña e as forzas políticas nacionalistas que representan deses territorios, pero disto, dareivos a miña opinión nun próximo artigo de xeito monográfico.

5. Nova reestruturación bancaria.

En política os xestos son moi importantes e a escala de prioridades de Don Mariano, ficou clara ao ser coa grande banca unha das súas primeiras reunións tras gañar as eleccións: Rato (Bankia), Francisco González (BBVA) e Isidré Fainé (La Caixa) pasáronlle revista ao novo presidente e non ao revés. De aí posibelmente arrancaron algo ao que Rajoy se comprometeu expresamente en campaña electoral, a non facer: un "banco malo" estatal para -supostamente- limpar os activos inmobiliarios que lastran os balances do sector financeiro. Con este banco conseguirían que as perdas provocadas pola especulación imobiliária do sector financeiro sexan asumidas en grande medida polo diñeiro de todos/as a través do Fondo de Garantía de Depósitos.

Haberá unha nova "restruturación" do sector financeiro no estado español con toda seguridade no primeiro trimestre de 2012, é dicir, as grandes entidades bancarias españolas quedaranse a prezo de saldo coas entidades en peor situación. O escenario final será o dun oligopolio financeiro (co que iso significa para as e os usuarios/as) con non máis de dez entidades das que catro serían as que realmente se repartirían a inmensa maioría do pastel. 

6. Unha nova volta de torca ás pensións.

Para o PP non é suficiente a reforma impulsado polo PSOE que provocou un aumento da idade de xubilación de 65 a 67 anos e o aumento do período de cómputo para o cálculo da cuantía da pensión a percibir de 15 a 20 anos. Rajoy aposta claramente por un modelo onde as pensións sexan máis "proporcionais" ao que realmente se cotizou e axudar a combinar un cobro parcial da pensión con seguir traballando, ademais de camiñar cara un modelo de "capitalización individualizado para cada traballador", non vinculado á empresa, acumulábel ao longo da vida laboral de cada traballador ou traballadora e compatíbel coa pensión no intre da xubilación.

Pero antes de todo iso, o sr. Rajoy terá que tomar unha decisión a respecto da conxelación das pensións. O termo "conxelación" pode inducir a erro e pensar que quedan igual que estaban, pero non é certo. Cos datos do IPC do mes de novembro, máis de 5,5 millóns de maiores de todo o estado verán mermado o seu poder adquisitivo. É moi simple: se os prezos aumentan e as pensións non, o que poden mercar os nosos maiores é menos. Rajoy ten a oportunidade de que non se volte a cometer a inxustiza producida en 2011. Veremos o que fai.

A pensión media no estado español é de 803,9 euros mentres que en Galiza é de 673,21 euros. Con todos eses cambios a pensión media en Galiza verase aínda máis reducida co agravante de que para cando a moitos de nós nos toque xubilarnos, moitas prestacións sociais e sanitarias que hoxe son gratuítas terémolas que pagar, polo que o poder adquisitivo real da nosa pensión aínda será moito menor... iso si, o que xa nos anunciou o PP é que aumentará as bonificacións fiscais para quen contrate plans de pensións privados...

7. Privatización de servizos públicos básicos e empresas públicas e ataque aos traballadores e traballadoras do sector público.

Pouco lle queda por adelgazar a un sector público xa anémico despois de ter padecido consecutivas dietas en forma de privatizacións varias, que se viñeron dando nas últimas décadas, tanto por parte de gobernos socialistas como populares. Con todo, é previsíbel que Rajoy remate a faena. En primeiro termo, consumando as privatizacións de AENA, "Loterías y Apuestas del Estado", para a continuación meterse con CORREOS, os restos de RENFE e a privatización de diferentes estruturas, fundacións, e empresas públicas que aínda seguen vivas.

Pero o máis preocupante, sen lugar a dúbidas, é a introdución da lóxica do libre mercado en sectores onde, até o de agora, non chegaba, fundamentalmente en ámbitos como a sanidade, o ensino público, determinadas prestacións sociais (comezando por dar carpetazo á Lei de Dependencia) ou incluso na xustiza. Para que non tivera claro por onde vai ir o PP en todo o estado, tivo un ocasión na propia casa, para verlle as orellas (e parte do rabo) ao lobo Feijoo, que despois de negar cen veces a posibilidade de que en Galiza se implantase algún modelo de COPAGO (falando con propiedade, RE-PAGO, como xa comentabamos con anterioridade) ven de lanzar un novo globo sonda sobre a posibilidade de que se cobre polos "servizos non sanitarios" como por exemplo durmir nun hospital, ducharse ou comer...

A isto haberá que sumarlle o ataque directo á función pública. Despois de taxas de reposición ridículas para as e os traballadores que se vaian xubilando e cebarse cos eslavóns máis débiles da función pública (interinos, persoal laboral, traballadores de empresas públicas, mixtas ou fundacións) acabarán indo a polo conxunto das e dos traballadores do sector público. Vímolo primeiro en Galiza con Feijoo e estes días coñecemos as primeiras medidas de Cospedal nese sentido (redución salarial do 3% ao tempo que as e os funcionarios deberán traballar 2,5 horas máis a semana de 35 a 37,5). Evidentemente a liña que seguirá Rajoy non vai diferir desta.

8. Suba dos impostos indirectos.

De xeito inmediato unha nova suba do IVE e impostos especiais. Posibelmente estean a barallar entre un 20% ou directamente subir até un 22% o tipo xeral e revisar a cesta de produtos que son beneficiarios dun IVE reducido ou superreducido (non insisto nisto porque xa abordei nun artigo anterior as consecuencias deste tipo de políticas) ao tempo que se revisan á alza determinados impostos especiais como os dos combustíbeis ou se inclúen peaxes en autovías que até o de agora eran gratuítas.

Ningunha medida para gravar aos grandes capitais. Ningunha medida real para combater o fraude fiscal. Ningunha medida seria para agrandar a partida dos ingresos do estado máis que a receita de sempre: que paguen o conxunto das e dos traballadores a través de impostos indirectos.

9. Retroceso nas liberdades individuais e colectivas:

Rajoy vai ter que dar respostas ao sector máis ultra do Partido Popular e devolver favores a unha Igrexa Católica que, a comezar pola radio dos Bispos e a seguir por todo o seu entramado asociativo, tantos réditos lle ten aportado.

Comezarase coa Lei do Aborto, onde o PP quere voltar ao modelo de 1985, onde o aborto non é un dereito durante as primeiras 14 semanas, como si que o é na Lei vixente. Seguiralle a Lei de Igualdade e a do Matrimonio Homosexual e, por suposto, unha organización política herdeira do antigo réxime que a día de hoxe segue sendo incapaz de condenar o franquismo, non aplicará a Lei de Memoria Histórica (alguén se imaxina a Mariano movendo os restos de Franco do "Valle de los Caídos"?)

10. Política Internacional baseada na prepotencia cos países subdesenvolvidos e submisión ás grandes potencias.

Ridiculización e menosprezo a determinados países en vías de desenvolvemento (sobre todo en América Latina) e submisión absoluta en materia de política internacional aos ditames de Israel, EEUU e Reino Unido. Previsibelmente España volvera aos novos tríos das Azores á que a conviden. De seguro que un ataque preventivo a Irán terá en don Mariano un fiel aliado e xa non digamos na "reconstrución" de Libia, Túnez ou Siria ou en futuras intervencións "humanitarias" para salvagardar a democracia mundial en calquera parte do planeta non civilizado. Causas como a Kurda, Palestina ou Saharaiana serán especialmente molestas e invisíbeis na axenda popular.


[13-12-2011 09:38] Xosé Antón comentou:

Polo feito da co-gobernanza na Xunta e en moitos concellos na Galiza, moitos/as deses votantes do PSOE perderon referencias ideolóxicas tras o cambio radical dos socialistas e as accións que últimamente desenvolveron contra a súa base social, pero por eses gobernos compartidos en aras da colectividade e do beneficio social, relacionaron inxusta e inducidamente ao BNG coas agresións dese último PSOE de Zapatero, falándose a cotío do ¨bipartito¨ PSOE-BNG da Xunta de Galiza e nos Concellos para que entrara na conciencia deses votantes desencantados/as que votar ao BNG sería como voltar a darlle o voto ao PSOE. Se vos lembrades o bipartito PSOE-PP que goberna Euskadi non aparece como tal nos medios de comunicación que manexa o PP, para evitarlle deste xeito un posíbel castigo o 20N. Son ruíns pero tamén moi listos/as !!

[12-12-2011 00:04] Eu comentou:

Visto que o PSOE perdeu 4 millóns de votos por facer só parte do que vai facer o PP, dentro de 4 anos o panorama político pode cambiar radicalmente. Aí ten que estar o BNG, falando das súas propostas, para ofrecer unha alternativa sólida ao neoliberalismo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña