02:15 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-12-2011

Un heroe da guerra da independencia

Melchor Díaz de la Rocha

Valorar (13)

XOSÉ ISIDRO FERNÁNDEZ VILALBA


Ría de Ribadeo (1634)


Don Melchor Xosé Díaz de la Rocha e Saavedra, naceu o vinte de Maio de mil setecentos cincuenta e seis. Fillo de Bernardo Díaz de la Rocha e Sabela Saavedra e Villarino, foi bautizado polo seu tío o Crego Sr. Domingo Díaz de la Rocha, párroco de Sante, sendo os seus padriños, D. Xosé Lavandera e Miranda e Doña Xoana Miranda e Pedrosa.

Era "hijodalgo notorio, de sangre, de poner y quitar por línea recta de varón".

Ocupaba o cargo de Alcalde Maior de Sante, cando, na guerra da Independencia, chegaron a Ribadeo os soldados de Napoleón, ó mando do xeneral M. Francois Fournier, o 25 de xaneiro de 1809.

Procedían de Mondoñedo, e o seu paso polos pobos e aldeas, fixeran roubos, malos tratos, ameazas e mortes, co fin de amedrentar á poboación daqueles lugares.

Os franceses a súa chegada a Ribadeo, "exigieron a todas las aldeas de alrededor de la Villa pan, carne, vino, huevos, paja, cebada y leña en tal cantidad que si se calculase por el de raciones, sería inconsciente en negar que más de dos mil hombres componían aquella partida".

O presidente da xunta local de Ribadeo, saíu a recibir ós franceses, pola indicación de persoas sensatas, para o maior ben dos veciños da vila, pois doutro xeito entrarían como de costume cos horrores das mortes, incendios e mais cousas sabidas, segundo deixou escrito o Escribano Don Xosé Álvaro da Vila.

O Xeneral Fournier estableceu o seu cartel no Convento de Santa Clara, obrigando ás monxas a saír do seu retiro e resgardarse nalgunhas casas particulares.

Melchor Díaz de la Rocha ó darse conta do perigo que ofrecían os franceses e as súas exixencias de toda clase de víveres e animais domésticos arengou ós veciños a que se resistisen a contribuír coas racións que se lles esixían e para non ser sorprendidos se armasen e reunisen para defender o país e rexeitar os seus inimigos.

Os paisanos o escoitar a voz de D. Melchor enchéronse de valor e xuntáronse os veciños das parroquias de Couxela, Balboa, Villaosende, Cedofeita e Vidal, e armados con escopetas, galletas e fouces e ó mando do mencionado D. Melchor, dispuxéronse a defender a súa terra e a loitar contra os franceses.

O vintenove de Xaneiro o xeneral Fournier, emprendeu o regreso a Mondoñedo, polo camiño que pasaba por Nosa Señora da Ponte, cerca de Arante. Nese punto esperabao D. Melchor o mando de trescentos vinte homes, douscentos para defender a ponte o camiño da ponte e cortarlles o paso e os restantes o de Quintalonga.

Ese mesmo día os veciños que defendían o camiño de Ntra. Señora da Ponte atacaron unha porción de franceses que se dirixían de Ribadeo a Mondoñedo; nesta acción morreron cinco franceses e tres cabalos, sen que polo bando de D. Melchor houbese baixa algunha.

O trinta acometeu o inimigo pola dereita de Quintalonga e foi rexeitado polos combatentes, resultando feridos varios soldados, matando un cabalo e ferindo outro.

O día seguinte, atacou o inimigo con maior tesón e forza o camiño da ponte, pero foi novamente vencido , sufrindo a morte de dezanove soldados e numerosos feridos.

Isto fixo que o Xeneral Fournier evacuase a comarca de Ribadeo, dirixíndose a Mondoñedo para esperar novos reforzos.

En todas estas accións e mais acaecidas en sete días, os homes de D. Melchor, fixéronlle perder as tropas francesas sesenta soldados e vintecinco cabalos.

Recibidas polo xeneral francés os reforzos pertinentes, ata que as súas forzas chegaron o número de 2.000 homes de infantería.

O cinco de Febreiro acometeron novamente o camiño da Ponte. Tal era a forza que compoñían que os homes de D. Melchor non puideron e abandonaron o cordón e o inimigo puido entrar en Ribadeo. Pero non as tiñan todo consigo, pois temorosos de que os veciños se volvesen a reunir e levantar evacúo a Ribadeo en poucos días.

O ver Díaz de la Rocha a falta de axuda dos membros da Xunta do Principado de Asturias a inhabilidade do Xeneral Fouster e a deixaded das Xuntas dos concellos de Mondoñedo e Ribadeo, e temeroso pola súa vida debido a pouco seguridade que lle daba a súa vivenda en Sante, decidiu abandonala na compaña do seu irmán e refuxiarse na Cruña e onde levou unha vida totalmente silenciosa e non volveu a súa casa de Sante, pasados uns cantos anos despois da marcha dos franceses de Galiza.

Morre en Sante a unha idade moi avanzada, e os seus veciños o recordan como un home de moita influencia, decisivo en toda a comarca, valente ata a temeridade, de carácter áspero e autoritario, facilmente irritable e realmente poderoso polo seu valimento e fortuna.


[01-07-2014 19:19] rosa comentou:

Tamén sería interesante saber cantos paisanos destas parroquias morreron na loita.
Sei que un antepasado meu morreu a causa das feridas causadas polos franceses. Era de Cubelas, onde queimaron, segundo teño entendido, a igrexa, e por eso se perderon os libros de rexistro dos bautizados, matrimonios e defuncións.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña