21:16 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2011

Se non estás non existes. Desgrazadamente con este goberno os grupos galegos non estamos, aínda que para a súa desgraza, sí existimos e insistimos

Música, política

Valorar (14)

PABLO CARRACEDO GOLDAR



Cando me preguntan polo panorama musical galego tento morder a lingua para que as contradiccións non fagan aflorar posicionamentos viscerais.

A miña experiencia no mundo da música faime ter ideas enfrontadas.

Considero que aínda que existe un panorama é moi feble e volátil. Hai unha división natural: por unha parte están os grupos de galegos que cantan en español ou inglés e pola outra estamos nós. Por unha parte están os megagrupos folk e pola outra están os do mestizaxe e os de rock.

Eu podo chegar a ser moi crítico coas outras vertentes musicais, pero tento sempre ser o respectuoso que me gustaría que foran conmigo, e as máis das veces mordo a lingua.

Os grupos que non cantan en galego fano dende diversas perspectivas. Hai os que non o falan (co cal sería hipócrita utilizalo para cantar, cousa que aínda que pareza incríbel pasa). Hai os que prefiren facelo en inglés e hai os que prefiren facelo en español. Eu prefiro sinceramente que senón o fan en galego, polo menos, que o fagan nunha lingua que eu coñeza (máis que nada para ver que din). Dende unha análise galega ben sinxela, é evidente que un rapaz ou rapaza que opte por cantar en castelán ou inglés faino porque evidentemente son linguas que están mellor vistas, son "máis guais" e isto do galego é un pouco "secta" (-"te encasillas, sabes?"-). Nós a isto chamámoslle auto-odio que no fondo é o que ten Feijoo e compañía. Iso que os move a combater o galego con tanta saña.

Ter unha banda e cantar en galego cuns textos comprometidos ten un gran valor persoal. O mundo da música consiste en facer discos, concertos, ter siareiros aquí e alá, vivencias... É unha loita constante na que defender un proxecto e levalo adiante non é doado pero tamén é algo sumamente satisfactorio. Mil veces escoitei o de "se cantarades en castelán seríades moito máis asequibeis, famosos..." e tontarías similares. Despois de tantos anos entendes que só a resignación parece a solución consciente máis razoable. Eu todavía non me resignei.

Se non estás non existes. Desgrazadamente con este goberno os grupos galegos non estamos, aínda que para a súa desgraza, sí existimos e insistimos.

Na época na que o nacionalismo levou cultura houbo moitas cousas que se fixeron mal e outras que se fixeron ben pero sobretodo déronse pasos que eran esenciais. Poder soar na radio pública a calquera hora do día, entrevistas que te permitían falar desas cousas que todo artista comprometido leva dentro e que facía que non só as escoitaran os teus siareiros senón o gran público. Houbo erros enormes como o Clubtura que permitiu que se fixeran auténticos fraudes económicos por parte das salas, chantaxes ás bandas... Tamén creouse en moitas bandas a sensación de que todo valía e a moitas colocounas nun falso pedestal. Agora que non está ese trampolín institucional hai moitas que se desfixeron ou que non entenden porque xa non teñen o "éxito" que tiñan.

É unha lección cruel pero máis cruel é non ter traballo. Moitas destas bandas morderon a man que lles deu de comer e agora mendigan migallas. O outro día tanto eu como o meu compañeiro de banda Gustavo, asinamos o manifesto pedindo o apoio para o BNG nas eleccións xerais. Por este posicionamento político tan sinxelo recibimos críticas. Ó final resultou ser un acto valente e case esperpéntico (manda carallo). Asumimos estas críticas sen problema, incluso foi algo inspirador ver que non estabamos tan errados co noso posicionamento con respecto ó panorama. Botamos en falla ver neste manifesto a todos estes músicos, colectivos e asociacións culturais que recibiron cuantiosas subvencións de cultura, cousa que nós nunca fixemos.

O doado neste mundiño é navegar como fai o PSOE. Non dicir nin que sí nin que non. Dende o meu posicionamento político, só concibo a loita eterna e desproporcionada co capital financeiro e a colonización cultural e ideolóxica coma unha loita que require dunha organización comprometida e constante no tempo. É precisa que a correlación de forzas cambie e que estas contradiccións se materialicen. O meu máximo respeito por todas as organizacións políticas galegas que dende posicionamentos nacionais e de esquerda real loitan contra este gran inimigo chamado sistema. Mais o meu posicionamento é claro: o BNG é a gran casa común dos nacionalista de esquerdas e aínda que non semellen bos tempo para a  unión de forzas, este vai a ser o único camiño que nos permita liberarnos como nación. Quen non as teña todas consigo eu dígolle: entra e participa.

Vivimos tempos moi duros e a dereita española está aí: sendo o agravante do problema dende os seus mandatos. Sabemos o que acontece a nivel ideolóxico e económico sobradamente. Para a cultura galega tamén son tempo de vacas fracas: moitos festivais deixaron de facerse, silenciamento mediático... No panorama musical galego estamos acostumados a esta situación. Nós nunca tivemos vacas gordas. Compañeiros/as de andaina son tempos nos que vai haber que posicionarse ou morrer. Nas nosas mans tamén está mudar esta situación e non sinxelamente criticala.

Seguiremos ata que o corpo aguante e seguiremos sendo honestos con nós mesmos e coa nosa xente. Máis cedo que tarde iso que parece imposible farase realidade, pero para iso hai que mollarse e deixar de conformarse coas súas sobras. A cultura debe ser popular. O noso espazo non son as minorías senón a gran maioría de galegos e galegas. Recuperemos os espazos de poder e camiñemos cara a emancipación da nosa clase, paso a paso. Longo é duro é o camiño, máis é nosa a responsabilidade con nós mesmos e cos nosos. Fagamos música para medrar, gozar, combater, amar e sobretodo para transformar. Escoitemos música para medrar, gozar, combater, amar e sobretodo para transformar este sistema inxusto e perverso.


[03-12-2011 11:03] Eu comentou:

Parabéns a todo personaxe público que dá a cara polo BNG como o fixestes vós, nunca foi doado, e menos nestes tempos escuros.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña